Primeira presentación de Narrativa e imaxinario
A vida é aquilo que acontece mentres estás ocupado planeando outras cousas. A cita de Lennon sempre me pareceu atinada, pero que nunca me vin tan identificado con ela como o ano pasado, nos primeiros meses da pandemia.
Agora estamos afeitos, pero lembro aquelas primeiras semanas como un remuíño vago de estrañeza. Unha noite volvía de cear cuns amigos nun restaurante perdido das aforas da Estrada, xusto despois da presentación dun libro, e ao outro estaba vendo ao exército pasar pola miña rúa mentres unha calma tensa ao borde do estalido tomaba conta de todo. Co paso do tempo, decátome de que lembro máis aquela sensación de suspensión e inquietude que o primeiro contacto cos xeles visguentos ou a sensación estraña da máscara médica sobre o rostro.
A finais daquel marzo que rompeu, eu tiña unha cita en Compostela para presentar Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario na posguerra (1936-1966), o libro que naceu da miña tese de doutoramento. Estarían comigo o editor Manuel Bragado e o meu compañeiro de esforzos, confidente académico e director Arturo Casas. Non lembro un drama especial cando intercambiamos un par de mensaxes para comentar o evidente: quedaba cancelado, ao igual que o meu seguinte recital poético e ao igual que toda a actividade pública da cultura galega. O ruído de fondo era moito máis alto que o que facía unha presentación máis ao caer.
Hoxe, máis dun ano despois, e no medio das conquistas das novas normalidades, teño cita de novo para presentar este libro. Será virtualmente, grazas á UNICEPE do Porto, e volverei atoparme con Arturo Casas e, agardo, con moitas de vós.