12/04/2019 by marioregueira

Se isto é un home

Primo Levi (1960)

Era o inverno de 1943 cando o grupo de Primo Levi (Torino, 1919), que trataba de unirse á Resistenza partigiana, foi capturado polas forzas fascistas. Ante a perspectiva dunha execución sumaria, Primo confesa ser xudeu, algo que lle serviría para ser trasladado a un campo de concentración en Fossoli desde onde, algunhas semanas despois, será embarcado nos infames vagóns de gando, e xunto con centos de persoas máis, en dirección ao complexo de campos de Auschwitz. Continuar lendo no Sermos Galiza.

#Activismo e resistencia#Crítica#Holocausto#II Guerra Mundial#Literatura#Memoria#Primo Levi#Tradución

30/12/2018 by marioregueira

A orde do día

Como unha ferida que examinamos unha e outra vez e por iso mesmo non acaba nunca de pechar. A memoria do nazismo segue dando voltas por Europa arrastrando a súa vida intelectual polas máis diversas calellas, moitas delas sen saída. O certo é que hai unha fixación á hora de explicar o mal que aconteceu entre os anos trinta e corenta do pasado século que só pode entenderse en clave de superioridade moral. O que arrepía nos círculos intelectuais dos nosos días é que fosen europeos dunha das sociedades máis desenvolvidas da época matando sistematicamente os seus propios cidadáns. Estas condicións nunca volveron repetirse integramente, e parecería que o mundo ve aínda como feitos moito menos graves os xenocidios organizados que aconteceron en Asia ou África. E cunha complicidade arrepiante que os seus propios gobernos participasen nos últimos anos bombardeando lugares distantes como Libia ou Iraq. Para a memoria do nazismo creáronse explicacións que a día de hoxe aínda se esgrimen no debate intelectual: entre os máis divertidos os que responsabilizan elementos como a propia cultura ou o desenvolvemento técnico, aínda que non queda atrás o recurso á banalidade do mal, que dalgunha forma implica que calquera funcionario gris pode transmutarse da noite para a mañá nun xenocida, pasando por alto o proceso político e social que produce esa mesma oportunidade.

A orde do día de Éric Vuillard, lanzada hai uns meses por Kalandraka en tradución de Antía Veres, é unha obra que sorprende por conseguir ofrecer un enfoque que resulta innovador, aínda que non deixe de volver por algúns dos vellos camiños trillados. O punto de partida do libro, o mesmo que se destaca na presentación editorial fala de como “As persoas pasan, pero os grandes capitais perduran”. O encontro da alta xerarquía nazi con representantes empresariais alemáns de marcas aínda presentes hoxe no noso día a día como Opel, Siemens, Bayer ou Allianz dá inicio a unha novela atípica, composta por estampas históricas de corte realista e cunha trama principalmente expositiva que podería emparentala co xénero do documental histórico. E a pesar disto, é unha mágoa que Vuillard non responda completamente a ese punto de partida inicial de perseguir os fíos dos grandes capitais desde o seu apoio ao Partido Nazi até os nosos días e pase a ocuparse doutros episodios históricos que reducen este marco a pouco máis que unha vistosa anécdota. A anexión de Austria, a política expansionista e intimidatoria de Hitler, ou os trucos que na política internacional lle permitiron mover os marcos dunha Europa incapaz de reaccionar, centran os principais temas da novela.

Un percorrido que parece a enésima referencia a eses homes de ben que non fan nada e permiten que o mal triunfe, pasando por alto a grande responsabilidade dos gobernos europeos que permitiron medrar o nazismo como estratexia de contención ante a ameaza soviética. Non é a pasividade do chanceler austríaco Kurt Schuschnigg diante de Hitler o que condena a Europa, máis que nada porque Schuschnigg non era outra cousa que o líder dunha ditadura nacional-católica que só se viu ameazada por Hitler por ter as fronteiras perto de máis de Alemaña. Un erro de perspectiva que pexa unha novela que mesmo así consegue deixarnos reflexións relevantes e moi poucas veces lembradas. Como ese colofón final no que se nos di que nunca tropezamos dúas veces no mesmo abismo, pero que volveremos caer nun novo e será da mesma forma: cunha mestura de ridículo e pavor.

#Activismo e resistencia#Antía Veres#Éric Vuillard#Historia#II Guerra Mundial#Kalandraka#Novela

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies