28/06/2015 by marioregueira

Xogos de imitacións

13466740985_ac8b94b5ef_k

No meu libro O Silencio, no medio de todos os poemas de guerra, hai un dedicado a Alan Turing, “a persoa que gañou a II Guerra Mundial”, como me refiro a el cando teño que recitalo. A cara de incredulidade do público vaise atenuando conforme pasan os anos. Turing é un deses heroes recentes. Aínda que a parte heroica do seu traballo se remonte aos anos corenta tardamos moito en coñecelo, e tardou moito máis en chegar ao gran público. Durante décadas, Turing era a persoa que dera nome ao test de Turing, un matemático que estudara as posibilidades da intelixencia artificial e que morrera en estrañas circunstancias na década dos cincuenta. Pouca xente sabía a dimensión bélica do seu traballo nin o feito de que a mesma sociedade á que salvara da destrución condenárao á castración química polo feito de ser homosexual. A súa historia, mesmo despois de ser desclasificada, permaneceu no limbo dos círculos de afeccionados.

O acontecido con Turing é parte do acontecido con outras figuras e forma parte da ideoloxía social imperante. Non só coas persoas sospeitosas de fuxir da heterosexualidade normativa, tamén coas mulleres. As persoas de determinada idade abriamos os ollos ante a posibilidade de que a filla de Lord Byron, Ada Lovelace, fose considerada a primeira programadora de computadoras da historia ou que a actriz Hedy Lamarr fose a inventora, tamén durante a guerra, da tecnoloxía WiFi. Tamén abraiaba saber que a radio non fora inventada polo Marconi que nos dixeran no colexio, senón por un tal Nikola Tesla, un personaxe caracterizado tamén pola súa ambigüidade sexual.

Penso que é a sociedade das comunicacións dos últimos vinte anos a que propiciou que moitas desas persoas poidan ser recuperadas. Recuperadas para o grande público, naturalmente. Figuras como Nikola Tesla formaban parte da cultura popular, apareceron na literatura e no cinema de ficción científica e en xéneros considerados subalternos como a banda deseñada (entre outras cousas, como estrafalario heroe Marvel). Algo semellante aconteceu tamén con Turing, cuxa presenza como personaxe de ficción é cada vez máis frecuente e xoga un papel importante en obras como Cryptonomicon de Neal Stephenson, novamente nun xénero subalterno onde non se oculta a importancia da opción sexual do personaxe.

15194915024_d32fcf315d_k

As cousas mudan cando é grande industria a que “redescobre” e trata de sacar tallada da popularidade crecente destas figuras ás que ignorou durante anos. O ano pasado estreábase The Imitation Game, o primeiro filme dedicado á xesta que supuxo o descifrado das máquinas Enigma. O filme resulta interesante e fai algunha xustiza a figuras que novamente poderían ser condenadas ao esquecemento, como o corpo de mulleres que participaron tamén no que foi unha xesta matemática de guerra. O máis interesante porén era ver como a industria cinematográfica dixería unha figura como a de Alan Turing e a cuestión da súa sexualidade. Sempre hai unha distorsión entre os biografados e as biografías. Lawrence de Arabia nunca foi tan guapo e Mozart nunca foi o xenio histriónico de Amadeus (tampouco Salieri tratou nunca de asasinalo). Aínda aceptando isto, non deixa de ser chocante que o Turing do filme sexa unha especie de reencarnación de Sheldon Cooper, unha figura ríxida, insegura e atada a esa especie de superioridade intelectual despótica que só manifestan os mediocres. Moitas persoas preguntaban se Turing, ao igual que o protagonista de The Big Bang Theory padecía síndrome de Asperger.

A distorsión no filme é inseparábel, á miña forma de ver, da falta de referentes para representar un personaxe homosexual que non pasen polo histrionismo ou apoucamento. O Turing real era tímido e arrastraba, dende a infancia, problemas de socialización. Pero tamén era un excelente compañeiro, con sentido do humor e unha actitude ante a vida que non representaba fisuras no modelo de masculinidade imperante naquela época. Seguramente tampouco as representaría no modelo actual, polo menos no que manexa a industria cinematográfica. Dalgunha forma había que remarcar a homosexualidade de Turing no filme, e presentar unha escena de sexo (como acontece na novela de Stephenson), non era unha opción. De feito, hai quen sostén que foi unha actitude desafiante cara ás forzas da orde a que provocou o proceso por indecencia contra el. Nada que ver co histérico que interpreta Benedict Cumberbatch. Por outra parte, tamén habería moito que dicir ao respecto da figura de Keira Knightley, e o seu papel como muller excepcional no medio dun grupo de homes, un rol que invisibiliza as moitas outras mulleres que participaron ao mesmo nivel no descifrado e que sufriron un esquecemento similar ao que sufriu Turing.

Penso seriamente que algún día se analizara The Imitation Game dentro desta clave, e que non será a última dificultade da industria á hora de representar os heroes e heroínas populares do século XXI, eses que estaban ocultos até que unha comunidade interconectada os revelou. Pola miña parte penso que seguirei preferindo o Turing abertamente gay de Stephenson, a Ada Lovelace de Cris Pavón (seducida por unha vampira lésbica), até o Nikola Tesla ahistórico interpretado por David Bowie en The Prestige. As súas eivas son outras, pero polo menos non teñen nada que ver cos tópicos e limitacións que hoxe imperan.

Twain e Tesla

Mark Twain no laboratorio da Tesla, xogando a ser superheroe.

#Ada Lovelace#Alan Turing#Cinema#Literatura#Nikola Tesa

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies