Réquiem Galego 2015
Hai un conto do vello Borges do ano 49 titulado “Deutsches Requiem”. Nel, un ex-combatente alemán, enumera, pouco antes da súa execución, os motivos que o levaron a apoiar o nazismo en Alemaña. Nunha interpretación mística que non foi allea a todo o fenómeno ideolóxico da época, o protagonista conclúe que a derrota de Alemaña é en realidade unha vitoria sobre o mundo. Alemaña apareceu para impoñer a espada e a barbarie e facer recuar os valores cristiáns. Mesmo derrotada, obrigou ao resto de Occidente a emprender unha loita épica e cenital, dando inicio así a unha nova era. O seu sacrificio é un prezo pequeno polo obxectivo, que non sería outro que salvar a civilización da decadencia.
Se a derrota de Alemaña daba para facer cábalas sobre unha vitoria oculta, moito máis se podería dicir do franquismo, nunca abaixado polo poder da espada. A vitoria do franquismo foi saber mimetizarse, acompañar como un fantasma perenne o espírito da Transición, volver ciclicamente dende as urnas ou as asociacións ultracatólicas, seguir ecoando dende os tétricos antros onde se seguiu e se segue a practicar a tortura (300 casos dos que a O.N.U. di que o Estado español se nega a informar).
Non foi algo moi distinto do que o réxime fixo en vida. Os rapazolos que vitoreaban a aviación xermana ou a italiana preconizaban que Franco sairía de Hendaia disposto a lanzalos contra o resto do mundo, se cadra dispostos a unha loita épica e cenital que habitou para sempre nos soños do falanxismo romántico. Pero Franco soubo ir poñendo os distintos traxes de camaleón, e en pouco máis dunha década pasaba de posíbel e entusiasta aliado do nazismo a aliado de facto dos Estados Unidos contra a ameaza comunista. E por aí a entrar na UNESCO, abrirse ao turismo, e normalizar entre aspas a súa situación coa comunidade internacional, sen por iso deixar de reprimir e asasinar á poboación. Algúns biógrafos non perden a oportunidade de poñer o toque xenófobo e resaltar que Franco era galego e que por iso ninguén sabía se subía ou se baixaba.
Vendo o documental de Gonzalo Veloso “Contextualizando a Filgueira Valverde” chama a atención como algúns dos convidados destacan algo moi parecido no polígrafo pontevedrés. Filgueira estivo sempre onde “tiña que estar”: foi independentista cando tocaba, nacionalista cando tocaba, franquista cando tocaba, aperturista despois e finalmente demócrata de toda a vida ou, se nos guiamos por recentes declaracións de Alonso Montero, mesmo axente oculto do galeguismo entregado a unha (moi paciente e demorada) erosión do franquismo.
Filgueira Valverde podería pasar á historia das nosas letras como un erudito que traizoou unha causa. Ninguén disputa o de erudito, pero parece haber moitas persoas e institucións dispostas a pasar por alto o segundo. A primeira, a Real Academia Galega, para quen non pesaron o suficiente todas as opinións en contra. En realidade, non sorprende demasiado, a Real Academia Galega e Filgueira Valverde son produtos dun proceso similar. O primeiro desfíxose do fardo da súa ideoloxía cando foi un obstáculo para a súa supervivencia. A Academia tamén se desfixo de parte do seu pasado para ser, durante os primeiros anos da posguerra, unha resignada institución con certo toque folclórico. Tivo que renunciar ao galego nas súas manifestacións públicas e aceptou, como académico de honra, ao grande xenocida da súa propia cultura, o xeneral Francisco Franco, se cadra co mesmo xesto co que Filgueira o recibía nas súas visitas a Pontevedra. Dicía Francisco Castro estes días que non había que ter medo de dicir que Filgueira fora galeguista e franquista. É obvio que o significado de galeguismo non é o mesmo para todo o mundo, pero tamén é evidente que, na interpretación de Francisco Castro, tamén a Academia debeu ser galeguista e franquista, polo menos até 2009. Até ese ano (presidencia de Méndez Ferrín) ninguén se lembrou de retirarlle ao monstro ferrolán un título que aínda manteñen outros galegos de méritos ben discutíbeis na súa defensa da lingua. Se cadra o propio Francisco Franco, de quen se rumorea que falaba en galego na intimidade do Azor co fotógrafo Manuel Ferrol e que recoñecía “gustar” do noso himno, fose tamén un pouco galeguista ademais de franquista. Quen sabe o que depara o futuro da Academia, ao mellor non estamos curados de espanto e podemos ver aínda Días das Letras que nos deixen atónitos.
Porén, o problema da institución non se limita só a ese peso do franquismo. O camaleón ten traxes para todo, e os seus propios movementos de “reconquista” estiveron marcados por dinámicas peculiares. Carvalho Calero e Francisco Fernández del Riego, avanzada útil do grupo de Galaxia, van recorrer axiña á constitución dunha “familia”, un grupo de presión propio que vaia facendo entrismo paulatino para acabar por controlar a Academia. Eran as estratexias da época, pero elas tamén representan o triunfo do franquismo e as súas políticas de familias e correlixionarios, tendentes a un sectarismo que entrou na Academia de forma moito máis estábel que o que marcan os ritmos históricos. O franquismo, como o nazismo do conto de Borges, triunfou. Obrigou a toda a sociedade a mirarse de esguello, a ver inimigos en cada esquina, a vestir traxes para cada ocasión, a procurar contactos e influencias para poder conseguir as cousas ás que deberan acceder por mérito ou dereito. Quen se mova non sae na foto, se cadra por iso, nunha Academia con nomes pouco sospeitosos de conivencia co que representa Filgueira Valverde, (case) ninguén se moveu.
Non hai que ser un erudito como o homenaxeado para saber, a estas alturas do século XXI, que existiu unha política de consentimento e colaboración do franquismo con certos sectores do galeguismo resistente. A propia Academia sobreviviu á ditadura porque a ditadura nunca a considerou un perigo, moitos dos seus membros sobreviviron porque tiveron padriños ben relacionados co réxime, o propio Filgueira Valverde entre eles. A Academia desculpa o medo de Filgueira porque con el cre desculpado tamén o seu propio medo. Esas accións van moito máis alá dos poemas que a Alonso Montero tanto lle gustou expurgar, son menos anecdóticas e menos literarias, pero no nome delas creáronse dinámicas que nos acompañan até agora, como o espectro que rolda o espírito da chamada Transición. No nome de moitas desas dinámicas perdemos o país e estamos perdendo a lingua. Unha mostra de madurez das nosas institucións culturais sería apostar por unha óptica ampla, abrir o debate, promover unha análise que enfoque a cuestión sen ambaxes e sen xogar a crear imaxes peripatéticas, como a do home que chora a súa covardía cando se lembra de que non foi falar no xuízo de Bóveda e a quen nós temos que celebrar este dezasete de maio. Sen crear santiños aos que, por un ano, levar biblias acabadas de imprimir e velas, e dos que, como se fai nos enterros, está prohibido falar mal en voz alta.
Se cadra a propia concepción da festa e as súas regras absurdas convide a iso. O carácter do Día das Letras, a súa coincidencia no espazo-tempo con familiares e testemuñas, foi útil baixo a ditadura, pero tamén o arrastramos até un tempo no xa que non resulta unha ferramenta, senón un lastre. O que se avanza en coñecemento dun autor pérdese no eloxio imposto, a obxectividade non ten cabida cando a misión é crear unha afirmación entusiasta e un ambiente de celebración e a crítica é acalada dende as instancias máis altas. Se cadra sexa hora, máis que nunca, de reformular como se van seguir facendo as cousas, abrir as fiestras e impedir que eses herdeiros doutro tempo, cos seus traxes camaleónicos, sigan reproducíndose sobre un escenario do século pasado. O mesmo no que non se contesta a ausencia de figuras femininas por precaución e respecto. O mesmo onde o debate normativo non ten cabida nin baixo a figura dun antigo membro, pero si caben xenocidas en postos de honra. O mesmo que se xustifica orgulloso no seu propio nepotismo. O mesmo no que traizoar a camaradas de militancia é “o que toca” porque estamos familiarizados até a náusea coa linguaxe dun medo que ten case un século de historia.
Joan Fuster dicía que o máis repulsivo dos pobos dominadores é que impoñen aos seus dominados o espectáculo da súa mediocridade insolúbel. No caso do franquismo, e no caso concreto do noso malfadado país, habería que sumarlle o contaxio desa mesma mediocridade, o triunfo do mimetismo e da conveniencia, a vitoria cotiá dos xenerais mortos, tantos anos despois. O réquiem inacabábel do pobo galego.