05/01/2016 by marioregueira

Desexo

desire

Recortada da orixinal do usuario de Flickr Farther Along – CC BY 2.0

Non sabería dicir cando foi. Seguramente a finais dos noventa. Bob Dylan non significaba nada para min. Un tipo cun par de cancións tan icónicas como baleiras. A persoa que versionaran os Guns N’ Roses na miña primeira adolescencia. Un vello que tocara había pouco diante do Papa dos católicos, esvaecendo a pouca aura rebelde que podía conservar. Nos tempos nos que o blogomillo fervía e abundaban os dylanianos cheguei a crear unha pequena polémica dicindo que o Zimmerman non fixera gran cousa despois dos setenta. Os seareiros seguirán protestando, pero se os oitenta de Dylan son esquecíbeis, os noventa non foron moito mellores. Boa proba foi que nese momento, entre concertos apagados e discos mediocres, puiden deixalo pasar sen máis. Algo diso discutira co meu pai naqueles días. O conflito xeracional, e eu sorrindo escepticamente cada vez que dicía que era un dos grandes, que había moito máis que a imaxe distorsionada que ofrecían os medios del. Segundo meu pai había un disco que non escoitara e que podería resumilo todo. Un disco que non tiñamos e que nunca tiveramos, pero que el lembraba da súa mocidade. Non sei con quen falou. Naquela época de discos dixitais e na que comezaba a aparecer un formato estraño chamado mp3, meu pai moveu ceo con terra, visitou antigos camaradas e falou con vellos coñecidos do traballo. Un día de patrón na vella casa dos meus avós pediume que saíse con el. Colocara o coche coas portas abertas ao pé do vello hórreo apuntalado. Alguén lle deixara un cassette e un dos poucos sitios que tiñamos para escoitalo era na vella radio daquel vello coche. Era unha cinta orixinal, máis vella ca min e rotulada (nunca o esquecerei) en inglés e español. Desire – Deseo. Con cancións con títulos como Huracán, Una taza más de café o Bahía del Diamante Negro. Na portada, un Dylan estrañamente novo sorría disfrazado de vaqueiro.

Teño lido algunha vez crónicas de dylanismo apaixonado que inciden na mesma idea. Non volves ser a mesma persoa despois de escoitar por primeira vez Hurricane, oito minutos e medio nos que parece que unha guerra se desata e te leva por diante. Meu pai contábame a historia que o meu precario inglés non daba para entender. Furacán Carter, o racismo nos Estados Unidos, un crime que non cometera, a épica dun boxeador entre reixas. A vergoña de vivir nunha terra onde a xustiza é un xogo. E Dylan iniciando un movemento que conseguía reabrir o caso e poñelo en liberdade. Nun momento no que eu xa me formulaba abandonar dereito pola literatura e as tensións na miña casa comezaban, meu pai disparábase nun pé cun consello que nunca se atrevería a darme explicitamente. Ás veces non chegan os avogados para reparar unha inxustiza. Ás veces fai falta unha canción.

"Dylan and The Band" by Hugh Shirley Candyside - Flickr: Dylan and The Band. Licensed under CC BY-SA 2.0 via Wikimedia Commons

“Dylan and The Band” by Hugh Shirley Candyside – Flickr. CC BY-SA 2.0 via Wikimedia Commons.

Naquel serán no que o sol ía caendo pouco a pouco sobre o horizonte de Valdoviño, escoitamos o disco enteiro. Rimos co español macarrónico de Romance in Durango, abrimos os ollos ante unha canción que se titulaba Mozambique, e estremecémonos con Oh, Sister ou One More Cup of Coffee. Unha taza máis de café antes de seguir camiño polo val abaixo. O corte final, Sara, volvía soar como un fenómeno natural, algo máis calmo que o furacán do inicio. Máis aló do icónica e política que resultaba Hurricane, o ton xeral do disco falaba sobre todo da paixón. Como din as vellas crónicas dylanianas, cando a cinta acabou, eu era outra persoa. E porén, todo aquilo era só unha parte dun puzzle que completaría nos anos seguintes.

Moita xente sostén que Desire non é máis que unha segunda parte de Blood on the Tracks, un disco anterior que eu aínda tardaría un tempo en descubrir. Podería declarar que ambos supoñen a cúspide do talento de Dylan, nunha época especialmente produtiva que nunca xamais se repetiu. Ambos contan a historia dunha ruptura e dun regreso, mensaxes moitas veces contaxiadas de declaracións políticas. Vivín con elas nunha rúa da zona vella. Á noite había música nos cafés e a revolución estaba no aire. Nunca tiven ningún deses discos en formatos que quixese conservar. Anos despois, meu pai regalábame unha gravación en directo da mesma época gloriosa, coas mesmas cancións. Ninguén o sabía, nin eu ao principio, pero achegábase un momento vital de ruptura e reencontro, e durante meses as cancións de Dylan encaixaban como feitas a propósito para a miña propia vida e puiden aprendelas de vez entre despedidas e regresos, traducíndoas con pronomes imposíbeis. Morremos e renacemos, misteriosamente a salvo, e tras volver á vida atopamos as mesmas persoas no quinto día de maio. Aínda que nós sexamos outros.

Non sabería dicir canto de min continúa a cantar esas letras nin canto delas quedaron para sempre entre as miñas. (Se o ves, dille ola, agora debe estar en Tánxer. Estará pensando que o esquecín. Non lle digas que non é certo). Furacán Carter morreu o ano pasado, Dylan nunca volveu brillar con ese destello cegador, moito menos despois de tocar para o papa dos católicos ou facer que retirasen todas as súas cancións do youtube, o coche de portas abertas contemporáneo. E nunca volveu falar de revolución. Non podes falar desas cousas despois de empeñar a túa alma. E porén, a pesar diso, como a chama do amor que palpita e esmorece antes de regresar, erguemos as nosas copas corenta anos despois do cumio dylaniano e repasamos todas e cada unha das marcas que o desexo deixou nos nosos corpos. De todas as cousas que fixemos sempre haberá unha da que non nos arrepentiremos. E as que non fixemos foi só por un simple xiro do destino.

#Bob Dylan#Música

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies