O sono das sereas / Xosé A. Neira Cruz
Galaxia / 2017 / 158 páxinas / 14,50 euros
Vellas historias baixo formas novas
MARIO REGUEIRA
Resulta curioso como, nos últimos anos, a trama da vila mariñeira que oculta algún tipo de segredo, moitas veces relacionado co seu patrimonio histórico ou relixioso, fixo fortuna entre as nosas letras. E como, dentro da diversidade destas, non parece haber dous tratamentos iguais a ese tipo de misterios. Se por unha banda estas historias teñen todas as características para construír unha novela de consumo rápido, con moitos toques dos subxéneros máis exitosos da cultura popular, o certo é que a forma na que Neira Cruz aborda este O sono das sereas afástase un tanto deses obxectivos.
Non estamos, por tanto, ante unha novela detectivesca ou ante un tratamento estereotipado do misterio, aínda que algúns destes elementos poidan virnos á mente durante a súa lectura. A forma na que o autor nos enfronta co que acontece na vila de Traba, o seu pasado e a xestión dun presente preñado de incógnitas aproxímase máis ao tipo de narrativas que, antes que ofrecer ao seu lectorado relatos mastigados, apoiados en ben coñecidos puntos comúns, esixe deste unha participación activa. Porque, aínda que O sono das sereas non é, nin moito menos, unha novela experimental, tampouco parece deixarse acomodar en formatos doados. Como mostra, chegaría con aludir á orixinal forma na que se titulan e presentan os distintos capítulos, imitando unha sorte de relato continuo, que porén introduce escenarios e personaxes distintos en cada un. Esta forma de secuenciar a trama obriga tamén a unha certa resituación por parte de quen le, un feito que sen dúbida axuda a configurar un ritmo moi particular, titubeante e con certos toques oníricos. Ao mesmo tempo, a relación coas lendas da zona, as referencias relixiosas ou os cultos espurios, introducen elementos próximos a un certo realismo máxico simplemente anunciado, pois a trama mantense tamén lonxe desta posibilidade. Avanzamos, pois, por O sono das sereas como quen avanza por unha néboa, tenteando algúns poucos elementos coñecidos pero cunha certa sorpresa do camiño que estamos a facer.
Tampouco os personaxes atenden aos tópicos, aínda que a figura da nova doutora que chega a unha vila afastada, a da experta en arte destinada a pescudar misterios, ou a do crego novo que se enfronta á vella maquinaria das crenzas e das supersticións poidan parecelo, representan figuras ás que tamén podemos ir deconstruíndo e que gardan a súa propia desconformidade cos elementos máis frecuentes que se lles asocian. Tamén na forma de xestionar a solución aos secretos de Traba ou de presentar un pasado con vencellos inesperados coa intrahistoria da vila.
Un digno gañador do Premio Repsol na súa última entrega, que porén pode atopar na súa orixinalidade e sorpresas a maior pexa dunha parte do seu lectorado.
Sermos Galiza 274, 30 de novembro de 2017, Foradeserie, px. 6.