Seguramente hai días que son máis emocionantes porque se fan agardar. E ás veces fanse agardar demasiado. Así foi o caso da xornada de presentación en sociedade que acolleu o Pote de Maniños o pasado sábado. A sede da segunda romaría laica máis antiga do país, e un dos exemplos do vizoso asociacionismo civil que prendeu nalgún momento na nosa comarca, brindaba pola chegada a término das obras do Ático, un libro cunha traxectoria absolutamente kafkiana e incríbel mesmo para unha literatura como a nosa, afeita á precariedade e ao desleixo político.
Lin Ático no ano 2006, eu viña de gañar o Premio Xosemaría Pérez Parallé con Tanxerina e na entrega coñecín un dos poetas que acudían ás clases do obradoiro de Eduardo Estévez. Respondía ao peculiar nome de Arsenio Iglesias, e algún tempo despois souben que a súa primeira obra estivera no debate final do xurado, con moitas posibilidades de gañar. As historias sempre poden ser doutra forma. Se Ático gañase no 2005 o Pérez Parallé, eu tería un blogue con outro nome (“O porto dos escravos”, aínda que pouca xente o lembra, é o lugar onde comeza e remata Tanxerina), e Arsenio seguramente estaría a piques de publicar un segundo libro. Non foi así, o que gañou Arsenio, meses despois, foi o premio Avelina Valladares, un galardón que implicaba tamén a publicación da obra na editora Fervenza polo Concello da Estrada. Mudanzas políticas, escasas nocións da responsabilidade e o que eu sempre identifiquei como unha falta de respecto cara á literatura como expresión cultural, fixeron que a publicación do libro fose aprazada unha e outra vez até quedar finalmente descartada. Dentro do dantesco que foi todo o acontecido, lembro que o máis curioso fora ver como se publicaba a obra vencedora do ano seguinte indicando que gañara a edición do premio que correspondera a Ático.
O libro seguiu o seu particular percorrido. Tras un tempo sen alternativas, finalmente parecía que Espiral Maior ía facerse cargo da súa edición. Tras contar xa con probas de edición e figurar mesmo na numeración da colección da editora nas lapelas doutros libros, Espiral Maior atrasa a publicación unha e outra vez e finalmente comunícalle ao autor que non pode facerse cargo do libro. Era xa o ano 2010 cando Arsenio recorre a Positivas, que finalmente consegue sacar Ático a finais do ano pasado.
“Este é un libro maldito e eu son especialista en libros malditos” tenme dito Paco Macías, director da editorial. Non cabe dúbida que máis de sete anos no deserto editorial son abondos como para considerar que Ático tivo unha mala fortuna pouco habitual. Polo medio houbo causas conxunturais, como a crise económica, pero tampouco podemos esquecer a cantidade de incompetencias e desintereses que acumulou o proceso. Tristemente, mesmo nun eido como a edición de poesía, no que o gaño económico é unha cuestión relativamente secundaria, seguen a existir clases e segue a ser moi difícil abrirse paso sendo un autor inédito, que vive fóra do país e que non ten acceso ás redes relacionais que facilitaron o paso a outras persoas.
A pesar diso, nestes anos Ático estivo presente nas mentes das persoas que lle queremos a Arsenio, como un asunto pendente de amañar. Algún dos seus poemas (o 19, da páxina 46) debeu ser a peza que máis veces recitei en público na miña vida, pode máis que calquera escrita por min mesmo. Poder facelo en Maniños, coas Poetas da Hostia, nunha sala ateigada de xente e lendo por un libro, foi unha forma de exorcismo, un final agardado e fermoso. A escasos metros estaba o lugar onde ardeu a barricada, a biblioteca que garda o nome da filla de Marco Polo, e tamén o lugar de onde marchamos un día e a onde nunca volveremos, porque, como ben sabe Arsenio, e antes del Avilés de Taramancos, e antes aínda Heráclito, non regresamos xamais as mesmas persoas aos mesmos sitios.