02/03/2013 by marioregueira

Libros e aniversarios

Segundo souben hai un par de semanas as dúas obras que publiquei durante o ano 2012 figuran como finalistas dos premios Ánxel Casal, un agasallo anticipado e inesperado deste aniversario que celebro hoxe. Por máis que ser finalista non implique nada de por si, a calidade das obras que me acompañan en cada categoría fai que considere o feito xa como un pequeno premio.

2012 foi un ano atípico e difícil na miña vida, tamén un período complexo na tortuosa historia deste país. No medio dunha edición galega en retroceso e no fragor dos ataques contra a nosa lingua, o azar e os caprichos dos ritmos editoriais permitíronme dar ao público dúas obras, algunha delas a que eu considero a mellor da miña traxectoria. E por causas da vida, a ningunha delas puiden prestarlle toda a atención que pretendía e que sen dúbida merecían.

No caixón dos proxectos que houbo que aparcar queda o blogue de Outono aquí, un paseo polas súas músicas e polas mil referencias que o inzan e tamén un percorrido de paisaxes polas pequenas historias que garda como sementes. Do outro lado, tamén quedaron no aire a maior parte de presentacións e recitais que tiña pensado para O silencio. Aínda así, atopalas, contra todo prognóstico, entre as finalistas dos Premios da Edición, así como estar a corrixir a edición castelá dunha delas, faime ver até que punto podían ambas valerse por si soas e seguir a darme sorpresas. E de certo que esta non será a última.

Dicíanme algunhas persoas que ao longo da trintena virían crises, outras que as cousas brillarían cunha certeza inédita. Ao borde da metade do camiño seguimos agardando por calquera das dúas cousas, e o único que resulta inevitábel e pensar en nós mesmos hai unha década, agardando impacientes que unha editora nos respondese sobre a nosa primeira obra e que o noso pobo se espreguizase contra o mal goberno que o atenazaba. Co tempo pasado, polo menos deixamos de agardar por unha das dúas cousas.

#Cotidiano#Creación#Edición#Literatura

Comments

  1. lourixe
    06/03/2013 - 15:42

    Parabéns polas candidaturas e polo aniversario, que souben a posteriori. Eu normalmente boto as contas éxitos/decepcións ao final do ano -o Nadal soe ser depresivo.
    Fáltame cada vez menos para abandonar a trintena e, se boto a ollada dez anos atrás, reflexiono sobre a mutación que sofreu o meu concepto do termo “pobo” neste intervalo.

  2. Mario
    09/03/2013 - 01:37

    Graciñas, Lourixe, é un pracer volverte ler por estes lares. Non cabe dúbida que os últimos dez anos foron duros nese sentido, pero non máis que outras etapas que a nosa colectividade foi superando. Esta tamén pasará.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies