24/06/2016 by marioregueira

Inglaterra prevalece

Alan Moore imaxinouno a finais dos 80. Un Reino Unido que sobrevive a unha guerra nuclear que acentúa o seu illamento. Un goberno fascista e clerical que persegue calquera forma de disidencia. Conflitos territoriais en Escocia e políticos con apelidos galeses entre os dirixentes. V de Vinganza, a obra realizada xunto a David Lloyd trataba de dixerir os case dez anos de Margaret Thatcher no poder, un dos gobernos que máis transformou a sociedade das illas. En certo sentido, foi a resposta do mundo da banda deseñada a un trauma longamente contestado polo punk británico e outras manifestacións culturais.

Os artistas empregan mentiras para contar a verdade. E se cadra a maior verdade que oculta a obra de Moore e Lloyd é que non se trata do reflexo concreto dun momento político, senón dun relato intemporal que puido demostrar a súa vixencia moitos anos despois. Se cadra despois do resultado das votacións que hoxe publica a prensa a distopía do home coa máscara de Guy Fawkes recupere de novo o seu valor de retrato distorsionado dunha sociedade.

A Unión Europea foi, nas últimas décadas, unha das grandes trampas para as clases populares. A ela entregamos a nosa soberanía popular sen recibir nada a cambio e desde ela se realizaron políticas tan detestábeis como a realizada cos refuxiados sirios. O papel das comunidades nacionais no seu seo ficou practicamente esvaecido ante unha institución que sempre afirmou estar feita para os estados e non para os pobos. Ningunha crítica sobra a unha macroestrutura política que habería que derrubar ou transformar en algo completamente irrecoñecíbel.

E porén, non hai outra forma de ver o referendo de onte e o seu resultado que como unha traxedia. Non votan pola saída do Reino Unido as organizacións de esquerdas nin as comunidades nacionais, tampouco os sectores críticos co que a Unión Europea representou en canto a solidariedade e xustiza. Os vencedores son os esporeados por discursos racistas e autárquicos, os nostálxicos do imperio, os que fecharán as súas fronteiras e simplemente disputarán á Unión Europea o seu papel na infamia mentres seguen mandando tropas a todas as guerras do outro lado do planeta. Os feudos tradicionais da esquerda, os vellos vales mineiros, as rexións de Gales que seguen acreditando na súa identidade nacional, os irlandeses do Ulster e toda Escocia ao unísono quedan, unha vez máis, atrapados nun pesadelo que terán que desmontar pouco a pouco. E xunto a eles, unha boa parte dos migrantes que estes anos formaron parte da súa sociedade e que agora mesmo comezan a poñer un pé en terra de ninguén. E por moito que a saída sexa, posibelmente, amortecida polo aparato burocrático do Estado, a sociedade británica acaba de mandar unha escura mensaxe a unha parte importante da súa cidadanía. Tal e como dicían na obra de Moore e Lloyd, Inglaterra, a vella Inglaterra das distopías, prevalece.

#Alan Moore#Banda Deseñada#Brexit#David Lloyd#Escocia#Gales#Inglaterra#Irlanda

26/02/2014 by marioregueira

Ferrol – Liverpool

A persoa que viña comigo riu as primeiras cinco veces que dixen que Liverpool era moi semellante a Ferrol. Á sexta decidiu que, ou ben o estaba a dicir en serio, ou a brincadeira, por repetida, deixaba de ter graza. É certo que non podo evitar comparar todas as cidades que piso coa miña orixe, e non puiden deixar de ver os ecos do meu propio mar na apoteose neoclásica de Liverpool ou no seu pasado de estaleiros. O feito de Liverpool ser unha cidade do noroeste do país concibida como produtora de barcos e porto forte tráeme reminiscencias da vella lenda local sobre as palabras dos ingleses na súa tentativa de invasión de Ferrol. Se Inglaterra tivese este porto estaría rodeado de murallas de prata. E a vella prata do inglés refulxe no pasado unha vez máis, e fainos imaxinar canto mellor sería para a nosa historia de derrotas ser o Xibraltar do norte ou a Malta do Atlántico, como melloraría a nosa sorte sendo un Liverpool do extrarradio no canto dun dos mellores estaleiros esmorecendo nun decadente reino do Sur. Soñan os escravos, nas noites de crise, con mudar de donos.

Do resto, máis aló da imaxe que tiña dela, un lugar onde os Beatles tocan constantemente mentres Liverpool e Everton xogan un derby eterno, gostei das historias inesperadas, as que hai que pescudar máis aló do evidente. Entre elas, a complicada xestión dun pasado complexo, formado por múltiples comunidades afluentes e coa sombra permanente de ser un dos primeiros e maiores portos da trata humana. Sen tempo para participar na homenaxe a Rosalía deste ano, paseamos polo Museo da Escravitude recitando mentalmente o “cando van, van coma rosas”, mentres nos preguntamos cantos outros museos faltan na cidade, e se a explotación feita contra os inmigrantes galeses e irlandeses terá algunha vez un recoñecemento permanente similar. Se non serían os seus descendentes parte desa mocidade do suburbio que contestou o racismo policial cunha revolta de días aló nos comezos dos 80, demostrando que a cor dos explotados é sempre a mesma, que a unión é a orixe de toda forza e que había unha fórmula mellorada para a White Riot que pedían os Clash.

Naturalmente, e a pesar da moita ou pouca tradición de esquerdas que teña, calquera centro urbano con algo de nome comeza a caer nesa espiral na que o capitalismo a convida a converter nunha marca comercial e inzarse de grandes tendas e centros comerciais cortados por patróns similares. Sospeito que algunha vez probaremos a resistencia das nosas cidades polo carácter que conserven dentro desta corrente uniformizadora e valoraremos a posibilidade de beber un café distinto ou unha comida que teña un toque realmente local e non o preparado exótico producido pola mesma receita para todo o mundo. Liverpool non é unha excepción, e a pesar diso admira ver como conserva unha certa xovialidade, un carácter irrenunciábel que segue a percibirse nas rúas tomadas por xente de todas as idades cada noite de lecer. Unha alegría na que sospeito unha mocidade que segue soñando as súas ansias duplas de ser estrelas de rock e heroes da clase obreira sen entender que haxa nada de contraditorio nos dous extremos. Unha alegría que hai décadas que non escoito polas rúas de decadencia infinita dos portos do Sur.

#Cotidiano#Inglaterra#Liverpool#Viaxes

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies