24/06/2016 by marioregueira

Inglaterra prevalece

Alan Moore imaxinouno a finais dos 80. Un Reino Unido que sobrevive a unha guerra nuclear que acentúa o seu illamento. Un goberno fascista e clerical que persegue calquera forma de disidencia. Conflitos territoriais en Escocia e políticos con apelidos galeses entre os dirixentes. V de Vinganza, a obra realizada xunto a David Lloyd trataba de dixerir os case dez anos de Margaret Thatcher no poder, un dos gobernos que máis transformou a sociedade das illas. En certo sentido, foi a resposta do mundo da banda deseñada a un trauma longamente contestado polo punk británico e outras manifestacións culturais.

Os artistas empregan mentiras para contar a verdade. E se cadra a maior verdade que oculta a obra de Moore e Lloyd é que non se trata do reflexo concreto dun momento político, senón dun relato intemporal que puido demostrar a súa vixencia moitos anos despois. Se cadra despois do resultado das votacións que hoxe publica a prensa a distopía do home coa máscara de Guy Fawkes recupere de novo o seu valor de retrato distorsionado dunha sociedade.

A Unión Europea foi, nas últimas décadas, unha das grandes trampas para as clases populares. A ela entregamos a nosa soberanía popular sen recibir nada a cambio e desde ela se realizaron políticas tan detestábeis como a realizada cos refuxiados sirios. O papel das comunidades nacionais no seu seo ficou practicamente esvaecido ante unha institución que sempre afirmou estar feita para os estados e non para os pobos. Ningunha crítica sobra a unha macroestrutura política que habería que derrubar ou transformar en algo completamente irrecoñecíbel.

E porén, non hai outra forma de ver o referendo de onte e o seu resultado que como unha traxedia. Non votan pola saída do Reino Unido as organizacións de esquerdas nin as comunidades nacionais, tampouco os sectores críticos co que a Unión Europea representou en canto a solidariedade e xustiza. Os vencedores son os esporeados por discursos racistas e autárquicos, os nostálxicos do imperio, os que fecharán as súas fronteiras e simplemente disputarán á Unión Europea o seu papel na infamia mentres seguen mandando tropas a todas as guerras do outro lado do planeta. Os feudos tradicionais da esquerda, os vellos vales mineiros, as rexións de Gales que seguen acreditando na súa identidade nacional, os irlandeses do Ulster e toda Escocia ao unísono quedan, unha vez máis, atrapados nun pesadelo que terán que desmontar pouco a pouco. E xunto a eles, unha boa parte dos migrantes que estes anos formaron parte da súa sociedade e que agora mesmo comezan a poñer un pé en terra de ninguén. E por moito que a saída sexa, posibelmente, amortecida polo aparato burocrático do Estado, a sociedade británica acaba de mandar unha escura mensaxe a unha parte importante da súa cidadanía. Tal e como dicían na obra de Moore e Lloyd, Inglaterra, a vella Inglaterra das distopías, prevalece.

#Alan Moore#Banda Deseñada#Brexit#David Lloyd#Escocia#Gales#Inglaterra#Irlanda

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies