20/02/2014 by marioregueira

A Noite é necesaria

A Noite é necesaria
pra que ti poidas ver
sobre o medo e o mal
as estrelas arder.

Onte comezaba, co centenario do poeta, o ano Díaz Castro. Facíao por ese estraño calendario das nosas letras que rexe os seus propios ritmos. O autor a quen a beleza ferira para sempre, poeta dun único libro, e segundo as malas linguas (mal informadas, sobre todo), dun único poema, cumpría cen anos o mesmo 2014 no que as Letras Galegas decidiran, nun dos momentos máis convulsos da Academia, honrar a súa memoria.

Houbo medios de comunicación que se alegraron da escolla interpretando que o autor de Guitiriz fechaba unha época na Academia, unha época na que autores díscolos como Uxío Novoneyra, Lois Pereiro ou Roberto Vidal Bolaño politizaran en exceso unha festa que debera ser, ou así a entenden os bos galegos, neutral. Até o empresario Valentín Paz Andrade acabou por revelarse como unha figura incómoda, con ideas molestas e unha obra poética e ensaística moi pouco presentábel en canto a neutralidade. Sen dúbida Díaz Castro, poeta vencellado ao Seminario de Mondoñedo, que nunca se meteu en política e dunha relixiosidade que sobresae en cada poema, era o homenaxeado que os apolíticos preferiran, unha volta ao rego que impedía mover demasiado unha festa que nunca debeu pasar de ser un evento cultural.

Como xa falamos algunha vez a conto das manipulacións sobre Rosalía, a propia interpretación interesada de certos autores polos sectores máis reaccionarios é unha confirmación do seu enorme poder social e político, mesmo máis aló dos anos. Tamén ratifica que a literatura galega, polo seu propio contexto e a súa propia historia, é unha literatura que xogou a carta política mesmo cando os seus autores trataron de evitala. O mero feito de escribir na nosa lingua foi  moi a miúdo equivalente a facelo dende un campo de prisioneiros ou dende unha reserva india. Ás veces non é necesario explicitar un discurso para que este se faga evidente, o propio Manuel Antonio entendeu algunha vez que, por moito que quixese despolitizar a súa obra, o simple feito de estar a construíla nunha lingua de minorías sociais convertíaa nunha peza profundamente imbricada nesa realidade.

A tentativa de presentar un Díaz Castro descafeinado e neutral fala máis de quen a promociona que dos que vamos celebralo coa mesma intensidade que os queridos autores que o precederon. Díaz Castro foi un poeta que se mantivo lonxe de toda militancia, mais tamén foi un escritor que non puido evitar reflectir a abafante realidade que vivía a súa terra, mesmo estando afastado dela. Todo Nimbos é un canto profundo de amor á Galiza, mais tamén non pode lerse sen ter en conta o momento socio-político no que está composto. A queixa e a preocupación polo país que non move a tea dos seus soños, pola Galiza detida no tempo que moitos quererían así para sempre, están tan presentes na súa obra que admira que haxa quen pretenda pasalos por alto. E unha vez máis, a escolla da lingua é relevante, moito máis se temos en conta que o autor coñecía moitas outras coas que gañaba a vida e que pasou a maior parte da súa existencia en Madrid onde lle sería doado, como lle foi a tantos outros, esquecer as súas orixes.

Como ben dixo o poeta neses versos que poderían disputar espazo nas carpetas dos adolescentes á vella máxima de Tagore, a Noite é necesaria. Sen a Noite non veriamos os versos luminosos do Poeta Díaz Castro resplandecendo a súa dignidade por riba dos corenta anos de infamia que pretenderon facer desaparecer a nosa cultura ou coutala até o simple folclorismo. Sen esta Noite que agora ataca a nosa lingua tampouco poderiamos repetir os versos de Nimbos sorrintes e co ton orgulloso que podemos atoparlles, caendo como o orballo fresco na madrugada e temperando os nosos ánimos nos tempos sempre atroces. Obrigados pola Noite que fai resplandecer como lóstregos as expresións máis inocentes da nosa cultura. Obrigados por esa escuridade na que, até os homes tranquilos e temerosos do deus cristián, se remexen inquedos pola fortuna da súa terra e da súa lingua.

#2014#Activismo e resistencia#antifranquismo#cristianismo#Díaz Castro#Letras Galegas#Lingua#Literatura#Resistencia

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies