19/08/2013 by marioregueira

A cidade dos xitanos

Non sei en que medida os efectivos da Guardia Civil que requisaron pancartas onte na homenaxe a García Lorca eran conscientes da ironía. Se cadra hai elementos que sempre se relacionarán igual e que ficarán vinculados por riba dos anos que pasen ou das outras estruturas que os conteñen. No “Romance da Guardia Civil“, o corpo armado foi inmortalizado para a historia da literatura española no seu asalto á cidade dos xitanos. Da mesma forma que se ten comentado outras veces neste blogue, o xitano en Lorca non representa só o pobo rhom, senón que (como despois os negros de Poeta en Nueva York) é tamén a imaxe de todo oprimido, o símbolo, entre outras cousas, desa cultura popular que trata de erguer unha sociedade nova no medio dunha España a debaterse entre o escurantismo e o progreso. O “Romance da Guardia Civil” é, baixo esa lectura, case un poema premonitorio, unha premonición que non cremos que veña das calidades videntes que se asocian á poesía, senón máis ben dunha análise máis ou menos inconsciente da realidade social que o poeta estaba a vivir.

Dun lado, a Guardia Civil, un corpo escuro, mecánico e deshumanizado, sen dúbida o mesmo que causaba o terror nas poboacións rurais entre Galiza e Andalucía, o mesmo, que salvo honrosas excepcións, acabou participando no golpe do 36 do lado da reacción; do outro a diversidade que representa a cidade dos xitanos, chea de cores e luces, nunha festa permanente que está a piques de ser interrompida. A forma de presentar o conflito fala dunha represión que, en contra do agardado, non se conformará cun golpe político e estenderá a súa acción a unha auténtica razzia disposta a destruír as alternativas que foran medrando na sociedade ibérica. Existe xa a consciencia de que o que realmente provocará a reacción fascista, o que molesta ao vello conservadurismo, non é o feito de non ter o poder, senón a transformación social e, sobre todo, a aparición dun novo discurso sobre a realidade que ataca directamente a liña de flotación da caduca idea dunha España imperial e católica.

O asasinato de Lorca é considerado, mesmo internacionalmente, un dos feitos determinantes da Guerra, unha icona á altura doutras traxedias como o bombardeo de Gernika. E dalgunha forma é lóxico: non só simboliza a rabia dos alzados contra a intelectualidade e a vida cultural, senón que tamén atinxe a varias das comunidades sociais que estaban a espreguizarse, a perder o medo e se cadra a piques de protagonizar iniciativas destinadas a mudar a sociedade. Con Lorca asasinan un representante da intelectualidade de esquerdas, pero tamén un membro recoñecido da comunidade homosexual e unha persoa cunha grande sensibilidade cara a diversidade cultural do Estado español. O Lorca que se recoñece nos Romances galegos de Blanco Amor até o punto de querer escribir tamén en galego, o que comeza a entender que a historia do pobo andaluz foi terribelmente deturpada pola historiografía oficial, será asasinado xusto despois de que os fascistas fixeran o mesmo con Blas Infante e Alexandre Bóveda.

Dalgunha forma, o enfrontamento entre a Guardia Civil e os xitanos de Lorca aínda non rematou. Puidémolo ver onte, cando unha parte da sociedade andaluza se revirou contra o feito de querer presentar a súa morte como unha morte máis no medio dun dramático conflito. A tentativa de despolitizar a Guerra Civil, de convertela nunha especie de accidente do que ninguén foi responsábel, é se cadra o final dese proceso que comezou na Transición e que permite que hoxe os cachorros da dereita española paseen os seus nostálxicos pendóns sen repercusións mentres os seus asasinados seguen a ver impugnada a súa verdadeira memoria. Unha memoria que fala dunha sociedade en construción cara á liberdade e a diversidade. Unha memoria que nos convida, permanentemente, a reconquistar a cidade dos xitanos.

#Activismo e resistencia#Andalucía#Blas Infante#Federico Garćia Lorca#Guerra Civil española#Lectura#Literatura

01/08/2013 by marioregueira

As palabras (e o Festival de Poesía do Condado)

Quedan algo máis de dez días para que o Festival de Poesía do Condado remate a súa campaña de financiamento, e resulta case obrigado animar ás persoas que aínda len esta humilde e irregular bitácora a que axuden a dar ese pulo final que permita chegar ao obxectivo marcado.
A estas alturas case calquera cousa que se poida dicir sobre o Festival da Poesía do Condado será, seguramente, redundante. Calquera persoa que ande metida no mundo das letras sabe do seu valor, da súa lonxevidade e da importancia do traballo das persoas que axudaron, en todo este tempo, a mantelo vivo. Nun país que produce tanta poesía como produce o noso, resulta estraño decatarse de que poucas son realmente as iniciativas que a valoran na medida en que o merece, facéndoa protagonizar actos coma este.
Porén, non só por iso resulta importante que o Festival se manteña vizoso e vivo. Ademais de favorecer a difusión da obra poética, de dar de comer e beber ás persoas que a producen e aínda de fortalecer os lazos que o noso país ten coa lusofonía, o Festival de Poesía do Condado cinguiuse sempre ao lado máis subversivo que teñen as palabras, deixándose empapar polo seu discurso para reivindicar a utopía, mundos máis xustos, ou desobediencias como a deste ano. Dalgunha forma, se agora precisan o noso apoio é porque nunca apostaron por reducir a palabra das poetas aos límites cómodos dos libros, os actos puntuais ou os discursos institucionais. A súa dedicación foi a de facer fluír os versos cara á comunidade, empregalos como claves na súa liberación, fomentar esa noite máxica na que a distancia entre nós e as palabras se reduce até desaparecer. Axudemos a que o seu traballo poida durar moitos anos máis e a que poidamos seguir despedindo o verán nesa festa anual ao pé do Miño.

Como curiosidade, o verso co que comeza o meu discurso de apoio (na parede a na miña boca) é dun dos poemas máis fascinantes escritos nunca: You are welcome to Elsinore, de Mário Cesariny, e que algún día aprenderemos a recitar como convén.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Literatura#poesía

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies