29/04/2015 by marioregueira

A tumba de Leiras

Leiras

Monumento en Mondoñedo

Participei o ano pasado na primeira edición de “Mondoñedo é poesía”, unha aposta por inzar de versos as rúas da vella capital de provincia, ese nordeste fértil que tantas e tantas voces ten dado á literatura galega e tantas outras ten acubillado entre as súas pedras. Pensabámolo tras pasear polo cemiterio vello: se a máxima de Castelao fose certa, e en vez de mortos fosen sementes as que metésemos na terra, Mondoñedo sería un verxel. Non é doado en ningunha cidade da Galiza ver tantos e tantos nomes nas lápidas históricas. Porén, o máis emocionante sen dúbida foi durante a parte do recital que transcorreu ao pé da tumba de Leiras (ben ataviada coas rosas vermellas que el pediu sobre ela).

Alguén da organización explicaba por que a tumba de Leiras está onde está, no que parece a porta principal do cemiterio vello, un pouco antes das escaleiras que dan acceso ao recinto en si, nun apartado que despois se reservou para as crianzas. “Isto orixinalmente era extramuros do cemiterio orixinal, Leiras foi enterrado fóra do sagrado”. Era evidente, Leiras Pulpeiro, científico, republicano federalista, masón e furibundo anticlerical non obtivo o dereito a entrar no recinto controlado pola igrexa católica.

“Contan que o día do seu enterro, un grupo de labregos saltou o muro de cemiterio e botou terra coas pas para fóra. Así, mesmo desterrado, Leiras podería xacer baixo terra consagrada”. A imaxe era tan poética que non puiden evitar representala mentalmente, un grupo de mozos desafiando o frío daquel inverno de 1912, e desafiando tamén algo máis, a mesma estrutura relixiosa que abafara o vate de Mondoñedo e que conservaba o seu poder practicamente intacto naquela altura do século XX. Moito debeu significar para o pobo unha figura como a de Leiras Pulpeiro, tanto que, nunha última homenaxe decidiron arriscarse a darlle ao defunto algo que o propio defunto, sen dúbida, non apreciaría tanto coma eles: a terra sagrada que non se lle debe negar a ninguén. Quen dixo que o pobo non recoñece os seus poetas?

Leiras-e-familia

Leiras e familia

Na miña formación sempre me representaron a Leiras como un paisaxista, unha denominación que aínda conservo como un tic. A escola paisaxista mindoniense, iniciada por Leiras Pulpeiro e Noriega Varela. Tardei algúns anos en saber que Leiras e Noriega eran figuras politicamente opostas, e máis aínda en saber que Leiras Pulpeiro fora un auténtico rebelde durante o Mondoñedo do século XIX, médico dos pobres, capaz de enfrontarse ao estamento eclesiástico, pero tamén de participar na creación dun dos primeiros proxectos de “Estado galego” e de ser un dos poucos (se non o único) en contestar os versos eternamente censurados de Rosalía de Castro con estes outros:

E así son sempre pra España/ os patrucios desta terra/ esquencida, que española/ nunca chamarse debera.

Seguramente nunca chegaría a apreciar deste xeito a figura de Leiras se non fose polas compañeiras de “Mondoñedo é poesía” e por aquela xornada, rica en anécdotas e en momentos significativos, rodeados sempre das paisaxes amadas por Leiras Pulpeiro, Noriega Varela, Álvaro Cunqueiro e tantas outras figuras de primeira fila que decidiron nacer na vella Mondoñedo. E aínda que este ano non poida acompañalos, estou seguro de que o programa do vindeiro 1 de maio (durante as Festas das Quendas) volverá encher as rúas da antiga capital co mellor da nosa cultura. Porque, ao contrario do que dixo Castelao, nunca enterramos sementes xunto cos mortos queridos, pero hai xardineiros afoutos que poden facer brotar un novo verxel coas súas simples palabras. Mesmo reproducindo nun caloroso día de maio a poética valentía dun grupo de labregos no inverno de 1912.

Leiras Pulpeiro Tumba

A tumba de Leiras Pulpeiro no Cemiterio Vello