18/03/2015 by marioregueira

As vacacións da familia Liddell

Llandudno (pronúnciase algo semellante a “Clandicno”) é un dos puntos turísticos máis relevantes do norte de Gales. A curva da súa praia concentra, mesmo no inverno máis cru, rebumbio de cativos e de bañistas temerarios, dispostos a deixarse ilusionar por unha raiola de sol. Os inmensos complexos hoteleiros, algúns vellos, outros simplemente en ruínas, miran para o mar con lembranzas palpábeis de tempos mellores, e tanto o seu paseo marítimo como o seu peirao están cheos de atraccións de feira e salóns recreativos.

Hai algo de irreal en Llandudno, se cadra porque o doado é chegar en tren, por un camiño de ferro que por momentos parece atravesar as augas, ou se cadra porque o seu ambiente de turismo improbábel, poboado de familias e anciáns xubilados vagando entre atraccións antigas, resulta incomprensíbel para quen chega de fóra. No fondo, o que máis destaca da pequena cidade é unha estraña sensación de viva decadencia. Algo que non alude só ao transcorrer dos anos, senón que parece formar parte da súa natureza dende hai moito tempo.

É probábel que a mediados do século XIX, cando o matrimonio formado por Henry e Lorina Liddell decidiu mercar unha casa de campo para pasar as súas vacacións de verán alí, Llandudno tivese xa algo dese ambiente. Moi probabelmente procedese da súa recente conversión de vila galesa en destino de vacacións, algo que aínda hoxe pode rastrearse ben na súa contorna. Henry e Lorina ían acompañados da súa recua de fillos e fillas, e moi pouco imaxinaron que o lugar exacto que escolleron para veranear sería lembrado máis dun século despois, e moito menos que unha das súas fillas pequenas acabaría tendo estatuas pola cidade. Tampouco que se debatería durante moito tempo se, nalgún deses luminosos veráns da década dos sesenta recibiron (ou non) a visita dun vello amigo de Oxford, o reverendo Dodgson.

Llandudno non foi outra cousa que o patio de verán de Alice Liddell, a nena para a que Lewis Carroll escribiría os dous libros de Alicia (Alicia no País das Marabillas e A través do espello). Descoñécese se Carroll visitou os seus amigos nalgunha ocasión, aínda que si se atopan referencias ao lugar nas súas cartas e parece ser que a morsa e o carpinteiro do segundo libro aluden a dous penedos con eses nomes populares na costa da cidade. Se temos en conta que os dous personaxes pasean por unha praia, non é estraño pensar que algunhas das areas da costa de Llandudno acabasen pasando ao outro lado do espello.

Penmorfa - Llandudno

Penmorfa, a casa dos Liddell

Fose como fose, Llandudno acolleu o seu protagonismo na creación dunha das obras referenciais da literatura universal dunha forma ambivalente. É certo que a cidade está repleta de estatuas cos personaxes de Carroll, que propoñen ao viaxeiro a súa propia persecución do coello branco pola xeografía. Do outro lado, porén, a vella casa dos Liddell foi demolida sen moitas contemplacións no 2008 para crear unha zona residencial, e no mesmo ano foi pechado o pequeno museo dedicado ao universo de Alicia. A presenza do personaxe na cidade parece camiñar no estreito fío das relacións literarias apócrifas, demasiado leve e demasiado aberta a debate, se cadra só apreciábel para persoas que sexan alícicas impenitentes. Do outro é probábel que tamén exista o temor sensato de acabar construíndo un macrocomplexo turístico que acabe por abanear o precario equilibrio da zona.

En calquera caso, non teño ningunha dúbida de que, máis alá das referencias evidentes, existe unha relación innegábel entre a cidade e os mundos irreais de Lewis Carroll. POde ser que proceda dunha vella inspiración literaria ou que sexa produto dunha contaminación posterior padecida pola propia cidade, pero o estrañamento que sorprende ao viaxeiro polas súas rúas e paseos é unha desas experiencias que van máis alá do simple turismo.

Alice

#Gales#Lewis Carroll#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies