06/03/2016 by marioregueira

Mociños a xogar (na Rúa Álvaro Cunqueiro)

Mociños con pistolas de xoguete - Adaptada da orixinal de Sascha Kohlmann - CC BY-SA 2.0

Mociños con pistolas de xoguete – Adaptada da orixinal de Sascha Kohlmann – CC BY-SA 2.0

Non quero darlle un bombo que seguramente non procura nin merece, así que non sei se chamalo Pazos ou Pazolo. Ou se cadra sexa mellor Mociño que, segundo escoitei hai anos, é a forma patrimonial que o galego tiña para “paxe”. Mociño abriu un blogue hai anos. Fíxoo nunha plataforma francesa, seguramente por diferenciarse, porque lle gustaba ou porque é en francés que se inventou unha palabra tan versátil como boutade. Recoñezo que, se a proposta literaria de Mociño me interesou entre pouco e nada, o blogue inclinouse perigosamente cara ao nada xa nos tempos gloriosos do blogomillo, esa cidade fantasma de hoxe.

Hai que recoñecerlle ao blogue de Mociño, porén, unha axilidade no estilo tan xornalística como aborrecida e tamén unha persistencia encomiábel. O seu blogue leva anos fosilizado no meu lector de feeds porque sempre me deu preguiza cancelar subscricións. Hai días, mesmo semanas, que representa a única entrada da súa categoría. Ha de ser ese o motivo que aínda o lea de vez en cando. Hoxe, cousa rara nel, Mociño abría un deses confusos artigos con cincuenta referencias inconexas en negrita. E citábame. É dicir, que eu era a primeira referencia dun camiñar que, como habitualmente acontece cos seus artigos, avanzaba cara á nada e cara a conclusións irrelevantes mentres a súa prosa braceaba dando puñadas inconexas ao aire.

el rei

O rei da maxia – Adaptada da orixinal de Saúl Rivas – CC BY-NC-SA 2.0

Non quero darlle máis importancia da que ten, a fin de contas, non é a primeira vez que Mociño se preocupa por min nun ton similar e nunca me molestei en contestarlle por aquilo de non alimentar ao troll e tal. Porén, é certo que as súas referencias, por máis superficiais, si que tocan unha parte do pequeno debate que, en redes sociais e nos bares de Compostela, tiven con varias persoas achegadas sobre Álvaro Cunqueiro. Dúas delas, non por acaso, mindonienses e queridos amigos, aínda que non só. O debate de Cunqueiro saíu en moitas conversas e creo que é un bo sinal. Polo menos para min é un bo sinal ver como unha das preguntas que se formulou hai un mes e medio na defensa da miña tese volvía aparecer en contextos moitos máis distendidos. Era Cunqueiro franquista? Foino toda a súa vida?

Non fixen unha tese específica sobre o autor do Merlín e familia, pero no contexto da literatura de posguerra é evidente que tivo un peso fundamental no meu traballo. As cousas que citei na entrada de hai quince días non eran anécdotas de bar, nin suposicións, senón declaracións recollidas de entrevistas e artigos do autor. Podería referendalas con bibliografía se non quedase farto de mallar bibliografía este ano e se non crese que poñer bibliografía nun artigo para un blogue é unha verdadeira pedantería. Tampouco teñen un valor individual, parte do meu traballo aborda o feito de que as súas nocións filosóficas, a comprensión do oficio de escritor, así como o sentido dalgunhas obras, encaixan cunha certa coherencia con esa perspectiva reaccionaria, especialmente no tratamento de certos elementos étnico-identitarios. Evidentemente, pódese tamén aludir ao contexto do Cunqueiro ilusionista, que inventa e esaxera mentres fala e ao que non se pode tomar moi en serio. O vello debate sobre o humor. Creo que podes facer piadas sen importancia sobre antipáticos comunistas, mesmo podes facelas despois de colaborar coa maquinaria que protagonizou a súa persecución e asasinato. Pero tes que entender que a moita xente non lle fagan maldita gracia. Ha de ser o tipo de humor que os bufóns fan ecoar dentro dos pazos, un humor ao que nunca lle acabei de coller o punto e que penso que define máis que calquera ideoloxía. Por moito menos das gracias que algúns mociños lle rin a Cunqueiro, os fillos da Gran Bretaña defenestraron no seu día ao poeta Philip Larkin.

Casa de Rimbaud en Harar - Adaptada da orixinal da usuaria de Flickr Beth - CC BY-NC 2.0

Casa de Rimbaud en Harar – Adaptada da orixinal da usuaria de Flickr Beth – CC BY-NC 2.0

Naturalmente habería moito que matizar e resulta moi interesante a potencia de interpretación da obra de Cunqueiro. Non vou entrar polo miúdo porque aspiro a publicar unha versión da tese e porque o conto é moi longo. Porén, non podo deixar de destacar até que punto reaccións como as de Mociño veñen darme, indirectamente, a razón nalgúns dos meus postulados. O problema non é que Cunqueiro fose reaccionario, senón a imposibilidade xeral de aceptar que houbo galeguistas reaccionarios e que o foron antes, durante e despois do franquismo. Cunqueiro foi un escritor fundamental para a nosa literatura. E un fascista. Ningún dos dous feitos anula necesariamente o outro. O resto é seguir interpretando a historia como compartimentos estancos ou como unha cuestión simplemente tribal. Cuestións de autonomía, que diría o bearnés. Eu para ser escritor galego non preciso defender a Cunqueiro no indefendíbel nin atacalo no literario. Non preciso facer de mociño en ningunha corte.

Finalmente, quero dicir que é necesaria unha moi limitadiña capacidade de comprensión lectora para afirmar que eu defendo no meu artigo que lle retiren ningunha rúa a Cunqueiro. É algo que nin me vai nin me vén, aínda que si considero que o feito de que metade da xente da cultura saia defendendo ao mindoniense como se fose súa nai parte da mesma dinámica maniquea e simplista da que falaba antes. O caso de Cunqueiro é como o de Borges no Chile de Pinochet ou o de Rimbaud en Harar traficando con escravos. Como o anti-semitismo de Richard Wagner que, porén, loitou nas revolucións de extrema esquerda do seu tempo e foi perseguido por iso. Contradicións que os mociños de hoxe non dan aceptado porque necesitan unha historia mastigada e sinxela coa que encher os seus artigos de prosa áxil e camiñar incerto. Como xa leron as persoas que saben ler, para min formula un debate para o que non teño unha resposta clara, aínda que non me escandalizaría se lle quitan unha honra cidadá a quen nunca se arrepentiu de ser tan mal cidadán. Se cadra haxa que definir claramente que tipo de honra é que che dean unha rúa nunha cidade como Madrid. Ou que tipo de honra é que te defendan con certos argumentos.

#Álvaro Cunqueiro#Fascismo#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies