18/03/2014 by marioregueira

Mar e ferro (Nos 30 anos de Radio Fene)

A primeira vez que escoitei a voz de alguén coñecido nun medio de comunicación foi en Radio Fene. Eu tiña seis ou sete anos e entrevistaban a meu pai por unha exposición de pintura. E aínda que era unha radio local, ou precisamente por iso, a transcendencia do feito era da maior importancia para o punto de vista dunha crianza dos oitenta. Nun contexto que trataba, en certa medida, de relativizar ou ignorar o peso dos colectivos de obreiros na historia e no futuro da comarca, Radio Fene xogou unha carta que moitos outros medios de comunicación, mesmo locais, trataron de ignorar. Saiamos pola radio, falabamos na nosa lingua, as nosas historias tiñan a súa importancia e podiamos atrevernos a protagonizalas, a continuar o pulo creativo e de contestación que conforma calquera cultura. E penso que iso non deixaba de ser unha aposta pola creación dunha sociedade civil, dunha comunidade cos seus propios valores onde a construción naval, coas súas loitas e tensións, sempre representou unha parte fundamental.

Como tan ben contan en Praza, Radio Fene seguiu trinta anos máis dando conta de moitas cousas. Do cotián e do transcendente. Dende as loitas de Astano nos convulsos oitenta até os premios literarios locais. E pouco imaxinaba aquela crianza de hai case trinta anos que algún día celebraría un aniversario tan longo co medio, nun convite a continuar creando o imaxinario da comarca pola vía de inzar a barriada obreira de San Valentín con murais sobre a nosa relación co mar e co ferro. Os trinta anos de radio confúndense coa reivindicación nun dos momentos máis duros da construción naval, e seguen apostando pola única vía posíbel: construír unha imaxe do que somos para seguir sendo. Seguramente San Valentín xa non acolle a tantas das persoas que moven as icónicas grúas de enfronte como hai anos, pero o que unha comunidade é só é moi relativamente o que unha comunidade fai. Normalmente é a forma na que unha comunidade se representa e tamén a forma na que xestiona o seu pasado. Os murais de San Valentín son abondo explícitos neste sentido.

E dalgunha forma, como dicimos sempre que recitamos os poemas d’O Silencio, esta crise é unha guerra inmensa que deixará paisaxes devastadas sen necesidade de soltar unha soa bomba. E nesa guerra, a comarca de Ferrolterra é a cidade que, como Stalingrado, se defende até o último home e até a última muller. Aínda que cando paren as bombas descubramos que xa só quedan cascallos.

#Activismo e resistencia#Construción naval#Cotidiano#Estaleiros#Fene#Ferrolterra#Medios de comunicación

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies