Do meu primeiro libro, o xa vello Rebelión no Inverno, a crítica comentara moito as influencias da primeira Nova Narrativa galega, cousa que naquel momento non deixara de sorprenderme xa que, quitando a Méndez Ferrín, na altura só coñecía a obra de autores como Xohán Casal e González Mourullo de estudar os seus nomes nos programas de literatura. Coido que só unha persoa sinalou que a influencia era máis ben das fontes que aqueles autores tiveran, algo ao que anos despois non deixo de dar a razón. Naquel momento as miñas lecturas estaban moi centradas no existencialismo e os seus autores, un movemento polo que considero que entrei na “lectura adulta”, entendendo por esta a que non viña imposta por programas académicos e á que, ademais me achegaba na tentativa de crear un proxecto literario propio. Debo dicir que, aínda que saíu no ano 2004, a maior parte de Rebelión no inverno foi producida entre os meus dezanove e os meus vinte e un. Unha obra, pois, de mocidade, como ben se nota aínda hoxe.
E precisamente, se teño que lembrar unha obra inaugural desas “lecturas adultas” é O estranxeiro de Camus, á que seguiu practicamente toda a súa narrativa e o ensaio O home rebelde, do que, como unha forma de facer xustiza, incluín unha cita no principio do libro.
Para arrepentirme tres días despois.
O Camus que eu admirei como escritor volvía aparecer no meu seguinte libro neste poema de Tanxerina, desta vez, choromicando sobre as planicies do Norte de África. Ese Alxeria na que naceu, que tinguiu para sempre os seus pés de negro e que acabaría marcando a ruptura con outros intelectuais do seu país e tamén, por que non dicilo, cunha parte importante da cultura galega, que nos anos cincuenta e sesenta vía nos procesos revolucionarios de descolonización un camiño viábel para as vellas nacións oprimidas de Europa.
Porén non foi esa a única ruptura. Que onte Camus fose trending topic non só fala de que siga habendo moitas persoas que non lle deron aínda as costas á cultura. Camus é ese pacifista revolucionario que se pregunta en O home rebelde se eran necesarios os crimes contra a coroa francesa para facer a Revolución, o capitán da revolta civil incruenta, que ve un camiño de futuro nas monarquías constitucionais nórdicas e que, sen caer na trampa de equiparar o comunismo cos totalitarismos fascistas, non deixa de sinalar as atrocidades feitas no seu nome. Camus chega á utopía irrealizábel polo lado máis inesperado: o cambio sen violencia, a revolución sen mortos. Unha aposta tan fermosa como imposíbel e que lle levará a romper tamén cunha parte da intelectualidade francesa. E novamente, aínda que el nunca o soubo, cunha parte da cultura galega anti-franquista, aínda que non dunha forma tan radical como coa cuestión territorial. Tamén eu, moitos anos despois, erguín os ollos decepcionado nalgún momento.
É doado que esa postura teña un eco hoxe nos movementos cívicos que propoñen un cambio de baixa intensidade a través da non violencia e que tanto éxito tiveron nos últimos anos. Non é casual tampouco que neste artigo de loanza se fale del para sinalar como non caeu nas “trampas do nacionalismo”, (referirase a ese nacionalismo tramposo que se erguía cunha enorme dignidade contra as masacres europeas no Norte de África). Da postura de Camus podemos salvar o esforzo ético, que chega a clamar até contra os asasinatos individuais dentro dos grandes procesos colectivos, pero tamén debemos recoñecer que, na súa fermosura, non serve para nada máis e que condena os movementos sociais á inacción e á derrota. E iso non quere dicir que a opción da violencia nos conforte, pero si cremos que pode ser unha resposta xusta e digna alí onde a opresión non deixa outra alternativa. Non cabe dúbida de que así foi no proceso de independencia de Alxeria, unha batalla épica polos dereitos dos pobos que nunca deberamos esquecer e na que a equidistancia de Camus debera ser lembrada como unha vergoña. Nin a Camus nin a ninguén lle ofreceron opción para nacer, e fíxoo nas camadas da potencia colonial, pero si tivo porén un lugar privilexiado para escoller situarse do lado dos oprimidos, lugar do que acabou renegando para defender unha paz que non deixaba de ser unha prolongación moderada da opresión.
Aínda así, tendo en conta todo isto a influencia de Camus entre nós foi moita. E eu mesmo continuo a recoñecer a súa xigantesca figura literaria, moito maior que as sombras que levantan a miúdo sobre as súas opcións éticas. Camus foi lido e representado por toda unha xeración, foi rexeitado por moitas personalidades da nosa cultura e porén segue a palparse a súa presenza nas posturas radicalmente anti-violentas dunha parte da política galega, a miúdo máis baleiras e timoratas que a súa propia.
Repasaba Agustín Fernández Paz onte polo twitter a escasa presenza das súas obras: O estranxeiro (descatalogada), A caída, e Os xustos, estas últimas seguramente non moi doadas de atopar. Esquecía porén unhas das miñas obras favoritas, precisamente porque sitúa un problema enriba da mesa sen impoñer unha solución a este: Calígula, que fala xustamente do tiranicidio como posíbel saída cando a liberdade está ameazada. A obra foi editada no ano 2000 co gallo da adaptación e representación que o Centro Dramático Galego fixo dela. E unha das probas de que vivimos nun dos países máis divertidos do mundo é que estaba prologada, entre outros, por Manuel Fraga.