25/01/2013 by marioregueira

Limiar de conciencia, de Cris Pavón

Limiar de conciencia
Cris Pavón
Ed. dixital da autora, 2011
315 páxinas
Descarga gratuíta (http://crispavon.com/)

Matrioshkas

Dentro das cuestións que dan voltas sobre a literatura galega de comezos deste século, o tema da chegada dos formatos dixitais de lectura é, se cadra, unha das que son contempladas con máis reparos e até diriamos que cun certo temor por parte das editoras e outros axentes. A lectura e difusión dixitais son o chan que se move baixo os pés dunha industria que sabe que lle tocará redefinir o seu papel nas próximas décadas, nas que non faltarán voces que impugnen a súa propia existencia e intermediación. O tímido e precavido achegamento que as principais editoras galegas fixeron ao formato, contrasta co alborozo co que foi empregado por algúns proxectos editoriais, que o combinaron coa libre difusión para chegar a maiores públicos. Non falamos só das pequenas editoras que, salvo excepcións, ficaron atadas á inercia da grande industria, senón de netlabels e plataformas que tiñan máis de autoxestión colectiva de autores que doutra cousa. O seguinte paso era obvio: unha autora, cansa de non atopar unha saída editorial convencional a unha obra na que cre, decide compartila na rede. Non é a primeira vez que pasa, aínda que o caso de Cris Pavón destaca pola independencia das plataformas anteriormente citadas, polo feito de tratarse de narrativa, un dos xéneros que máis traballo editorial require, e se cadra tamén, pola orixinalidade e calidade da obra, á altura de moitas outras que correron mellor sorte. Aínda así, se xulgamos a aparición autónoma de Limiar de conciencia, non podemos deixar de destacar que se bota de menos unha parte do traballo que habitualmente fan os bos editores: dende os consellos sobre determinados elementos doadamente mellorábeis do argumento até unha imprescindíbel corrección lingüística, seguramente un dos elementos que máis dependencias seguirá creando no contexto galego. Tamén o formato dixital no que se nos ofrece podería ser mellor pulido e adaptado. O tema da novela non é, ademais, alleo a este mesmo contexto. Se Limiar de conciencia é, como veremos, unha colección de matrioshkas, se cadra a boneca máis grande sexa a propia realidade, é dicir, a forma na que o noso contexto recibe unha obra sobre o seguinte paso da literatura dixital: a creada polas propias máquinas.
Unha computadora destinada ao procesamento de textos sofre unha problema técnico e desenvolve unha consciencia propia. Mentres trata calibrar a situación, vai dedicar o seu tempo a unha tarefa tan humana como a creación dunha novela. Narrada tomando como referente temporal os logs da máquina, que nos primeiros capítulos declaran tamén os textos da literatura universal nos que se vai inspirar, a historia vai desenvolvendo a vida de Coder, un rapaz que padece unha variante leve de autismo que lle facilita porén unha enorme destreza no manexo das computadoras. Interesado dende cedo na creación de linguaxes e códigos, Coder vai traballar en distintos proxectos que procuran o desenvolvemento e a xestión da linguaxe nas máquinas, primeiro dende unha perspectiva utilitarista, e posteriormente, nunha procura case mística, na posibilidade de xerar consciencia e procesos creativos capaces de reproducir os dos seres humanos. Capaz dunha comprensión racional, pero incapacitado para a empatía e os elementos non verbais da comunicación, Coder aparece como un mediador necesario para desenvolver nas máquinas a aprendizaxe desas estremas particularmente humanas que el mesmo tivo que aprender. Nesta armazón principal, a historia vai seguir desenvolvéndose como un xogo de bonecas rusas, e dentro da vida de Coder, á súa vez é narrada por unha máquina, van aparecer outros narradores, empregando a técnica da myse en abyme até un colapso que ten tamén moito de metáfora.
Dentro deste argumento, a medio camiño entre a ciencia ficción e a filosofía, Cris Pavón consegue desenvolver temas raramente tocados na literatura galega, e enfíalos nunha fervenza de referencias rica e fonda, que nos dirixe con moita frecuencia a relatos e figuras clásicas na narrativa universal. Dende os baremos que empregamos para catalogar a humanidade, asociados dende moito máis cedo do que cremos á creación de relatos, mentiras e discursos, até a propia importancia da comunicación humana nas súas múltiples dimensións e o que significaría o transcendental paso de conseguir reproducila artificialmente. Unha novela tan inesperada como necesaria.

Mario Regueira

Sermos Galiza 32, 25 de xaneiro de 2013, px. 26

 

#2011#Autoedición#Cris Pavón#narrativa#Sermos Galiza

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies