26/05/2023 by marioregueira

O deserto dos leões

Falaba hai pouco nun artigo da lenda de Curros Enríquez e a súa “Cantiga”. O poeta escoita cantar polas rúas un poema seu levemente modificado de había moitos anos. Humildemente, vivín a miña propia lenda hai anos unha noite de San Xoán á beira dun río, cando o fío musical da celebración deu en facer soar “Trens cara ao sul”, un poema do meu libro Blues da Crecente que formaba parte dos lanzamentos previos deste O deserto dos leões que Malvares de Moscoso e J. CNNR presentaban onte nas redes.

Hai moitos anos e moitos acontecementos que me separan desa diloxía que foron os libros Tanxerina e Blues da Crecente. Ambos propuñan viaxes por territorios de excluídos e sometidos, repasaban as súas loitas e camiñaban polos seus mitos, trazando unha lectura colectiva que tamén apelaba á miña propia cultura. E sinto que este traballo continúa por ese percorrido, que alarga estas referencias implicando a máis persoas e que tamén as continúa da man dun estilo musical que bebe de todas as raíces da cultura das comunidades oprimidas. Non podo evitar unha enxurrada de recordos simplemente con ler os títulos, incluído o poema que deu título durante anos a este blogue, “O porto dos escravos”. Hai anos que non paso polo café de Rick a xogar coas súas ruletas trucadas, porén, é bon saber que polos camiños que atravesan o deserto e se dirixen cara ao sul, os que continúan os ronseis dos barcos que nos arrastraron a outras terras, hai unha música que continúa eses versos e os fai de tod@s.

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies