05/06/2016 by marioregueira

O nome dos escravos

Ali-Terrell

Adaptada de Cliff – (CC BY 2.0)

“Como me chamo?” “Como me chamo, Tío Tom?”. A pregunta, dirixida entre golpes a Terrell marcou un antes e un despois. Cassius Clay renunciara ao seu nome de escravo para ser coñecido como Muhammad Ali e demostraba de que xeito rompen os escravos as súas últimas cadeas. As minorías e as clases baixas non tardaron en identificarse coa súa arrogancia. Na periferia de São Paulo, onde a miña familia seguiu ese e outros combates, ter un nome de escravo aínda significaba algo e Ali non tardou en ser recoñecido como un digno heroe das clases baixas. Alguén que viña da nada, pero que sacara dalgún lado unha arrogancia que non convidaba á antipatía, senón que máis ben representaba todas as victorias negadas dunha clase social. Ali era máis que un boxeador, era un símbolo, unha identidade, unha especie de superheroe que non tardaría en vencer ao mesmo Superman.

Nunha época na que os combates estaban moito máis lonxe que un par de clicks, a memoria de Ali transmitíase nunha especie de representación teatral improvisada acompañada de relatos orais. Sabía del como doutras mitoloxías familiares. A afición ao boxeo na miña familia sempre foi relativa e profundamente vinculada a elementos sociais. Á madrugada víanse, ás veces clandestinamente, os poucos combates dos púxiles galegos. Polo día lembrábase ao máis grande de todos os tempos. De non mudar o nome, de non ser arrogante e de non enfrontarse á maquinaria da guerra estadounidense, eu non sabería nunca que era Muhammad Ali, como nunca me falaron de Frazier ou de Foreman. Pero ninguén esquece a quen dixo en voz alta que Vietnam era unha guerra na que os brancos mandaban negros a loitar contra os comunistas. “Ninguén do Vietcong me chamou nunca negro. Ningún deles me linchou, nin me botou os cans, nin me roubou a miña identidade, nin violou a miña nai e asasinou o meu pai. Non vou disparar contra esa xente por ser pobre. Prefiro ir á cadea”.

 

Malcolm X & Ali

Bob Gomel – (CC BY-SA 4.0)

Hai tempo que non sigo a prensa convencional, pero podo imaxinar a caricatura de Ali que están deixando. O campión, o portento físico, o deportista. Fixérono con Mandela e era máis difícil. Podemos xogar a esquecer o papel de Ali nos movementos sociais. Pero seguirá habendo moita xente que, máis que ao boxeador, admiradmos o home que deixou de boxear. Que sabendo que o deporte era a súa vida decidiu sacrificar a súa carreira e enfrontar a cadea e o descrédito por facer simplemente o correcto. De que vale ser campión se non tes dignidade?

Máis aló das aparicións puntuais na televisión, tardei anos en reconstruír toda esa memoria inmaterial. Recoñecía o seu sorriso, o seu voar como bolboreta e picar como abella, as bravuconadas que vingaban as humillacións das multitudes. Escoitaba o pobo do Zaire berrando “Ali bumaie” mentres as pezas simbólicas completaban as paisaxes intuídas. Non era casualidade que fose Foreman, o bon escravo convertido ao cristianismo, o derrotado por un Ali imparábel, acollido polos africanos como un neno perdido e reatopado. Din que as crianzas de Kinshasa aínda soñan ser coma el, e que o seu fantasma segue a percorrer os barrios pobres das cidades. Se non tes medo dos teus soños é porque non son grandes abondo.

O meu móbil soou a primeira hora da mañá dun sábado. Boteille man entre soños e lin incrédulo a noticia. Nas súas últimas aparicións, Ali aparecia avellentado e afectado pola enfermidade. Iso pensámolo agora, porque o seu carisma sempre estivo intacto, e os seus puños seguían golpeando na nosa memoria. Non dubidei de que tiña que ser un erro e seguín durmindo. Soñei con rings enormes, con xente da miña familia recreando aquel k.o., con Laila Ali, cun combate nunha África sofocante, con tíos tom aprendendo o noso nome a golpes e con canallas mordendo a lona para sempre.

#Activismo#Boxeo#Deporte#Muhammad Ali#Resistencia

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies