25/03/2015 by marioregueira

Un Dylan Thomas con xeo, por favor

dylan thomas1

“El aquí bebía, pero bebía unha cousa normal. O que o matou foi o alcol americano”. Algo deste tipo dicían os fregueses de Swansea-Abertawe cando lles preguntaban pola morte do seu paisano Dylan Thomas. O poeta, famoso pola súa voz profunda e os seus recitais na BBC, case tanto como pola súa intensa relación co alcol, finara en Estados Unidos, no medio dunha xira. As causas da morte, aínda hoxe cuestionadas, nunca poderán separarse das súas últimas palabras: “18 whiskys, isto debe ser unha especie de record”. Tratándose dun poeta, pouco máis se precisa para crear unha lenda descomunal sobre os seus excesos.

Dylan Thomas representa unha especie de espiña cravada na consciencia de Gales. A actitude do autor cara ao seu país de nacemento abaneou sempre entre o amor e a xenreira, escorando moi habitualmente cara a unha aguzada ironía. “Terra dos meus pais, meus pais poden quedar con ela”, unha frase dun dos seus personaxes que alude ao comezo do himno galés e que, xunto coa súa escolla exclusiva pola lingua inglesa como ferramenta de creación o colocan nun lugar difícil para a sociedade galesa. O poeta máis importante que saíu da terra dos bardos xamais escribiu unha liña na lingua dos bardos. E non só iso, a pesar de defender sempre a súa orixe e a súa identidade galesa e inzar con ela a súa obra, nunca permitiu que esta caese na autocompracencia.

dylanthomas3

O pasado 2014 o país, e particularmente a cidade de Swansea-Abertawe celebraba o primeiro centenario de Dylan Thomas. Foi interesante ver como Gales resolvía a súa relación co fillo díscolo. A poeta en lingua galesa Menna Elfyn dicía pouco antes do comezo das celebracións: “expresou o que moitos de nós sentimos: ás veces adoramos odiar Gales”. Swansea-Abertawe, a “fea, bonita, cidade”, que dixera Dylan Thomas, inzou coa súa imaxe as rúas, de forma que era moi difícil non tropezar con ela. O rapaz alcólico que a consideraba un fogar querido pero até certo punto deprimente volveu ser o protagonista. Peneiraron os seus escritos até dar con calquera referencia á cidade para escribila nos muros dos museos. E non só a súa actitude irónica, senón tamén os seus excesos humanos foron aceptados completamente.

dylanthomas2

O Swansea Museum recreou nunha das súas salas un vello pub da época da súa mocidade como elemento central da exposición que lle dedicaban, e regalaba porta-vasos coa imaxe do poeta como parte da entrada (aínda que non servían alcol). Porén, se cadra, a mellor homenaxe fíxolla a destilería galesa Penderyn, dedicándolle un dos seus whiskys da colección “Icons of Wales”. Poucos recoñecementos maiores caben a un poeta que se autodefine como bébedo que facer parte da cultura etílica do seu país até o punto de poder escoitar como piden as copas co seu nome. Os fregueses insisten en que foi o alcol americano o que o matou. No fondo, e na Galiza sabémolo ben, sempre é o alcol que non é da casa o que nos mata. Se cadra por darnos o veleno xunto co antídoto é que temos que aprender a amar e odiar coas mesmas forzas o noso propio fogar.

dylanthomas4

#Alcol#Dylan Thomas#Gales#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies