07/03/2014 by marioregueira

Croeso

Non atopei a choiva nin a néboa da que falan os tópicos. Días de ceos abertos e sol de inverno acompañaron a miña entrada no País de Gales, como se quixesen demostrarme que tiña que mirar máis aló dos mitos. Dalgunha forma é por iso polo que viaxamos, para derrubar as cousas que nos contaron sobre os países e enfrontarnos á súa realidade palpitante, os raios de sol dando a miña benvida á rexión de Gwynnedd eran unha boa proba diso. Resulta evidente dende o principio que ese histórico norte que acolleu a fundación do país está lonxe en moitos aspectos da idea xeral que temos sobre Gales. Ningún equipo xogando na premier inglesa, ningunha cidade medianamente grande, só pequenas vilas rodeadas de castelos, a quilómetros do eixo Cardiff-Swansea, un sur separado tamén pola configuración colonial das comunicacións, que obrigan a pasar por Inglaterra para viaxar entre as distintas caras do país.

A identidade subalterna non se le só nos pequenos núcleos urbanos, a súa configuración como tesouro natural e destino de xubilación moveu máis dunha vez as forzas independentistas, que actuaron contra a invasión tranquila dunha sociedade completamente reticente a integrarse no país. Non por nada o norte é tamén o lugar onde a lingua se mantén viva e vizosa, un reduto que, sospeito, sobreviviu refuxiado nesa mesma tranquilidade que defenderon con uñas e dentes en varias ocasións. Descoñezo porén se o movemento nacionalista reaccionou algunha vez contra o discurso da apoloxía paisaxista, aínda que fose nunha novela periférica ou nun ensaio académico. Se algunha vez berraron que ser galés é unha merda.

Ben, iso pode ser que o pensaramos algunha vez. Nun contexto no que non protagonizaron a grande insurxencia armada nin o camiño tranquilo pero firme cara a un referendumn pola independencia, Gales semellou algunha vez unha figura pasiva que lembra moito á do noso país no xogo nacional ibérico. E porén, a grande cuestión é, como me dixo alguén, que a pesar de ser o país que o tiña todo en contra e que podía ser asimilado moi facilmente, ningunha das nacións veciñas conservou a súa lingua e a súa cultura tan vivas, nin sequera aquelas que conseguiron a independencia. Si, iso é algo que tamén lembra a este país e por máis que, como neste país, estean en caída libre e teñan tanto a mellorar, conservan o orgullo e a memoria da loita lingüística máis viva do que imaxinamos. Da lingua, porén, falaremos nos próximos días, chega dicir de momento que si a escoitei, e que mesmo a escoitei moito. E non falo só da noite do Saint David, a celebración do día nacional galés onde alguén nos pediu entoar tamén o himno galego na parte final da noite, senón tamén nas rúas, nos pubs e entre a mocidade, alén da súa omnipresenza en indicadores e carteis bilingües.

 Non é a última visita, aínda que non o pareza, quedan castelos e torres circulares por ver, palabras e historias galesas que recitar e unha comunidade galega inesperada da que seguir aprendendo. Entrei en Gales cun libro de Dylan Thomas e saín cun album de fotografías da loita pola lingua e unha camiseta dun equipo da liga galesa. Non podemos evitar abrazar as periferias, se cadra por iso estiven falándolles aos alumnos de galego de Bangor de Lois Pereiro e dos Sex Pistols, de como era ser galegofalante en Ferrol, do valor que teñen as fronteiras e os espazos intermedios nos meus libros. E sospeito que, como periferias temos aínda moito que contarnos, moito que aprender e moitos mitos que ir derrubando.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Gales#Lingua#Viaxes

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies