31/10/2012 by marioregueira

Feliz Samaín

O debate é vello e non paga a pena aventalo, sobre todo porque xa o fixen hai dous anos e creo que na fase anterior do blogue unhas cantas veces máis. Hoxe o meu corazón está coa xente das vilas e barrios da Artabria, que tallará cabazas e nabos para prenderlles unha luz que afaste os malos espíritos, mentres se arman de castañas e beberaxes quentes para comezar a parte máis fría do curso estacional. Se na etimoloxía irlandesa o Samain viña a significar “a fin do verán”, unha vez máis a data vén a atoparnos, coa súa simboloxía doente, no principio de tempos duros. E porén, se como sabemos esta noite se abren as portas entre os dous mundos, tamén nos chega por ese contacto a forza do alén, a das nosas devanceiras, as persoas esforzadas e loitadoras que fixeron que esta cultura sobrevivise os máis duros invernos.
A cabaza deste ano (roubada de aquí, e á súa vez destas instrucións), esta feita cun vello libro, e non é por nada, xa que no inverno que vén teremos que coidar, entre outras moitas cousas, da nosa lingua e da industria cultural que a mantén viva. Que o seu lume siga alumeando, espantando os malos presaxios e devolvéndonos as forzas para encarar os novos retos e o frío dun inverno que, coma todos, acabará por pasar, impotente á hora de dobregarnos como pobo.

#Cotidiano#Galiza#Samaín

Comments

  1. Rosalía Fernández Rial
    05 05UTC Decembro 05UTC 2012 - 00:16 12Wed, 05 Dec 2012 00:16:38 +000038.

    Cando ían abrigarse entre as follas dun xornal, os personaxes de “Vinte en escena” atoparon, na calor das letras, os seus propios nomes. Desbordantes de emoción, construíron, co periódico, un barco de papel. Para buscar á voz que os mencionara.
    Foi así como, tras moito “navegar”, arribamos ao porto dos escravos…

    Moitísimas grazas por esa brillante recensión no Sermos desta semana. Nunca antes me leran con tanta perspicacia. Escríbocho con toda sinceridade.

    Un saúdo,
    Rosalía Fernández Rial.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies