05/05/2010 by marioregueira

Os exploradores volven á casa

Lembro que nas adicatorias do libro de Ronseltz figuraba, entre moitas outras brincadeiras, un “A Suso de Toro, Cabeza de Vaca“. Fose á mantenta ou non, o certo é que un dos papeis nos que este autor teimou sempre en caracterizarse foi o de explorador. Exploración literaria, pero tamén vital, é necesario un certo valor e ser un pouco arroutado para decidirse a facer da escrita profesional un medio de vida. Ás veces tamén se precisa dun estómago forte para aturar a servidumes que esta dependencia económica pode chegar a producir. Hai un par de semanas o explorador dixo basta, as súas razóns están sobradamente explicadas aquí, aínda que supoño que moitas outras se foron engadindo polo camiño e cada quen lle dará a súa propia interpretación. A situación de Suso non é importante só polo que atinxe a un dos autores cunha traxectoria máis sólida da nosa cultura, é tamén unha forma de tomar o pulso á nosa literatura e ver que vitorias e derrotas, que perspectiva de futuro ou falta del nos agarda para os vindeiros anos. Das explicacións de Suso chámanme a atención dous focos, o primeiro a decadencia da figura do autor nos nosos tempos, a segunda, as características conxunturais da literatura galega. Creo que son dous campos completamente distintos, e que o segundo e infinitamente máis determinante que o segundo.

Non creo que se poida falar de crise do autor nun momento histórico no que o número de autores aumentou exponencialmente. Alén diso, a minusvaloración relativa de determinadas figuras de autoridade debería ser vista como algo positivo, a capacidade crítica da sociedade é un obxectivo polo que se traballou durante moito tempo e agora existen outros vieiros para que sexa efectiva. Pensar que alguén debe ter autoridade alén da autoridade literaria polo simple feito de ser escritor era unha candidez que xerou e segue xerando moitos monstros mediáticos que hoxe sufrimos. É ben superala e devolver a autoridade ao xuízo persoal da cada quen. Para min hai moitos autores literarios que serán sempre unha referencia clarividente en moitos outros eidos, pola contra hai moitos aos que admiro como escritores que moitas veces desexaría que se centrasen unicamente niso. Non creo nese caos no que xa nada ten valor, creo que as estruturas de valorización son moito máis subxectivas e impugnábeis que antes, algo que me congratula porque implica que, se queremos, somos menos manipulábeis que antes.

Paralelamente a isto existe a perspectiva colonial. O escritor galego é un autor entre dúas terras de ninguén, entre dous fogos cruzados. Nin o Estado español asume a promoción das súas linguas periféricas, nin, no noso caso, a Comunidade Autónoma o fai. Nese sentido a figura do explorador está absolutamente abandonada e volve unha outra vez a ser unha cuestión de simple voluntarismo. E non se conseguiu pouco con ese voluntarismo, porén a sensación é que temos unha cultura enorme e frondosa que segue a ser inexpugnábel para boa parte da nosa sociedade. E con eses presupostos é moi complicado que poidamos ter peso tamén fóra. Un Paul Auster, un Ian McEwan ou unha Zadie Smith son perfectamente posíbeis no noso país, sobran candidat@s, o que faltan son medios. Para conseguir que alguén poida adicarse en exclusiva á titánica tarefa de escribir novelas e para conseguir apoio institucional que permita o investimento de publicalas e publicitalas fóra do noso contexto cultural. Falaba Calveiro da responsabilidade común da sociedade nestas cousas, pero iso non deixa de parecerme apostar de novo polo voluntarismo, que xa digo que é moi importante, pero que non deixa de ser un parche temporal que evidencia unha tremenda carencia de estruturas. A cultura galega non sobrevivirá (só) co bo facer, a conscienciación e as boas intencións da xente, sobrevivirá con medidas que garantan a súa igualdade de oportunidades nun contexto que non deixa de ser unha competición.

E non falo de subvencións no sentido da política que se estivo facendo até o de agora, falo, por exemplo, de apoio á promoción e a publicidade, ou de estruturas e institucións que permitan e fomenten o debate e o coñecemento das obras, mesmo alén das nosas fronteiras. Os autores que contan cun estado que respalda a súa lingua teñen todo iso, aínda que o teñan tan integrado na súa normalidade  que dende fóra poida parecer que decide o mercado ou a excelencia literaria. Pero non é certo, a determinados niveis, na literatura, como na lingua, decide a política, e o maior logro da política é parecer integrada na naturalidade das cousas. A ninguén lle estraña que o cinema español teña presenza nas salas e apoio das institucións, curiosamente tamén non lle estraña a ninguén que practicamente non haxa cinema en galego e que o que hai moitas veces non poida verse nas salas. Os logros da política, esconder a desigualdade tras unha aprente normalidade.

A retirada profesional de Suso representa unha mala noticia, se cadra a punta do iceberg doutras malas noticias que non vemos. A das persoas que renucian xa de entrada a comezar a súa carreira literaria en galego, a dos libros que seguirán sendo xoias escondidas, a dos que pensan que a literatura galega é só Rosalia, a da xente que non atopa cultura popular ou referentes na súa lingua…Os exploradores volven á casa, e a casa, paradoxalmente, segue a ser unha inmensa cidade escondida na que ninguén sabe que vivimos.

#Activismo e resistencia#Creación#Galiza#Lectura#Literatura

Comments

  1. edu
    05/05/2010 - 14:01

    agradecido pola reflexión, mario. cansa un pouco atopar tanta superficialidade arredor desta nova.
    non concordo moito co que dis a respecto das autoridades. penso que a caída dalgunhas das autoridades existentes non implica a democratización dos procesos canonizadores. internet ten as súas propias autoridades. que pode ser que non estean tan claras como antes? si, pero é cousa de tempo, segundo penso.
    e a respecto das subvencións, nada será útil se non acadamos unha normalización da nosa cultura. mentres os modelos de éxito sexan castelanófilos, mentres o prestixio siga falando en castelán, non haberá para a cultura galega os espazos de normalidade que se necesitan para acadar un funcionamento profesionalizado (e conste que non estou a falar de pasta senón de normalidade).

  2. Mario
    05/05/2010 - 16:17

    Olá Edu, tes parte de razón en relación ao das autoridades. De todos xeitos vivimos nun contexto no que calquera persoa dende a súa casa pode conseguir tanto público como determinados autores en determinados medios. Iso implica unha relación nova cos, chamémolos, gurús da cultura, e tamén unha maior perspectiva crítica. Eu prefiro ler algúns blogues que moitos artigos de certos escritores. Claro que as xerarquías seguen aí, o que mudou é o xeito de construílas. Penso nun artigo que lin hai pouco nun grande xornal sobre a propiedade intelectual. Estaba asinado por unha recoñecida escritora, e non me cabe dúbida de que noutro tempo podería servir para crear unha certa corrente de opinión. Hoxe tiña centos de respostas contrarias, moitas moi ben argumentadas. Existe unha rede cun contradiscurso a favor da libre distribución da cultura que non foi creada por ningún medio importante e na que os seus gurús, por dicilo así, foron escollidos pola comunidade, supoño que en parte pola súa competencia. Hoxe por hoxe esas persoas teñen máis autoridade que unha escritora que o único que sabe do tema é o interese persoal que ten nel.
    Ben, é algo complexo, daría para un post (e creo que o acabo e escribir aquí).
    A outra cuestión faime pensar se é posíbel acada a normalidade sen investimentos. Creo que as políticas que se seguiron até o de agora foron profundamente erradas. A min, como autor, non me axuda que a Xunta merque unha parte das tiraxes das miñas obras ou que dé subvencións ou beneficios fiscais á miña editora. Axudaríame moito máis que me sufragase a publicidade, as traducións, as presentacións no estranxeiro, e que conseguise facer dos libros publicados un pequeno acontecemento social que non dependa da miña capacidade (en ocasións física) para promocionalos. Penso no exemplo que se deu tantas veces da Banda Deseñada francesa. Ben, pode ser que os franceses teñan un gosto inmanente pola BD que non teñen outras culturas, pero en moi poucos países os lanzamentos dun album compiten cos dun filme, e esa publicidade xera unha resposta social e unha sensación de que a BD é culturalmente importante. No noso caso chegaría mesmo cun investimento decidido pola publicidade indirecta. Enfín, outro post, e moita complexidade. Unha aperta.

  3. FraVernero
    05/05/2010 - 21:10

    Como esta tecnoloxía é traidora (Vernero como luddita…), puxen primeiro o comentario no teu facebook, por se se elimina. De feito, xa me pasou de novo… xD

    Aliás, a túa entrada sacou da neveira (‘borrador’) unha que tiña sobre o tema, ou sexa que deches para doble resposta… e as que seguirán…

    O que máis me sorprendeu das palabras de Suso non é a liña ‘non me gusta ser un showman e non me fan o caso que deberan’, senón eses argumentos de autoridade; certamente son complicados, polémicos, poderíanse discutir, pero Suso é o último ao que lle imaxinaría con ese discurso. Con tódolos méritos que teña enriba, as súas novelas non é que sexan paradigma de experimentación vangardista e/ou alta cultura. Tira máis a Javier Marías que a Joyce…

    Do autor e da súa evanescencia (é destes enfermos que nunca se deciden a morrer) poderíamos falar moito, quizaves noutra ocasión. Polo que toca á realidade nosa, hai que ser realista e despiadado: a caída de Suso é outro síntoma máis, por se facían falla, de que o escritor profesional galego é un ente metafísico e realmente insostíbel, e iso por causas endóxenas e esóxenas. As de dentro son as mesmas que o problema da construcción nacional: os que a queremos, e os que lemos/falamos/escribimos a lingua do país imos a menos e/ou somos minoría xa dentro. Unha literatura para unha língua de 2 millóns e pico non é imposíbel (mirade aos estonions, e son millón e pouco), mais require uns apoios estatais (que non temos, ‘ni se le espera’) ou sociais/políticos (que tampouco temos; seguimos sen pasar de 2 de cada 10 galegos). Os esóxenos xa os mencionaches ben dabondo, mais fica claro que eles non van a facer o que nós mesmos non facemos. A este ritmo, estou vendo que cando sexa (máis) vello, tocará como única opción pasarse á literatura portuguesa (o argumento cosmopolita do reintegracionismo é moi persuasivo, mais de novo esfarélase co Pico Sacro, ou Iceberg, do noso marasmo colectivo como nación a medio construír).

  4. Mario
    06/05/2010 - 15:46

    Eu creo que Suso é un autor que tentou combinar moitas veces a experimentación (Polaroid, Tic Tac…) coa necesidade de vender libros polo feito de depender economicamente diso. É un experimento que moi poucas veces saiu ben. Iso si, eu non diría que tira a Javier Marías.
    A visión pesimista que das é descarnada e real, porén creo que para que algo sexa metafísico debería ser imposíbel en todos os seus puntos. Realmente o escritor profesional galego podería exisitir se non adoecese de falta de apoio institucional e de desinterese social, este último corrixíbel polo primeiro.
    En canto ao experimento portugués eu véxolle demasiados problemas, aínda que sexa algo que sempre paga a pena intentar. O primeiro que alguén debería dicirlle á sociedade galega que pode ler en lingua portuguesa sen pasar polo filtro do castelán. O segundo, que alguén lle diga á sociedade portuguesa que podería facer o mesmo con algunhas ou mesmo con todas as normas do galego (tendo en conta que editan autores africanos e len moito en castelán). Que certo escritor que emprega a norma AGAL tivese que adaptar ortograficamente os seus libros para vendelos alén Miño é unha mostra de todo o que queda por percorrer. Ademais diso a relación entre o galego e o portugués é problemática até para nós mesmos, se cadra sexa demasiado ambicioso tentar superar os problemas cos portugueses antes de superalos entre nós (se iso realmente acontece algún día).

  5. FraVernero
    06/05/2010 - 22:30

    Totalmente dacordo, Mario. O problema do apoio institucional e a desinterese social paréceme, de todas maneiras, un bucle infinito difícil de rachar: como non temos o poder, non podemos facer campañas dende el; para chegar ao poder, necesitamos mobilizar á sociedade; mais sen o poder, non chegamos á sociedade, etc, etc…

    Sobre a solución reintegracionista tampouco é que sexa moi optimista, anque aquí súmase á mutua indiferenza un forte autoodio e incluso desprezo por desgraza moi xeralizado e fomentado polo Poder entre os galegos cara os veciños do sul, percibidos coma ‘pobres diablos’ e ‘mortos de fame’ (e non che digo xa brasileiros ou os do PALOP). Se a nosa lingua fose quebequés, ou unha variante sueva remota do alemán, outro galo nos cantara…

  6. latri.ca
    10/05/2010 - 13:06

    Para cando te vemos por latri.ca?

  7. Mario
    12/05/2010 - 01:46

    Pouco a pouco todo se andará, graciñas polo convite, aínda que xa notariades que a miña especialidade non é especialmente a brevidade.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies