Teño que agradecer á organización da SELIC e mais á AELG a súa confianza en min para guiar dous paseos literarios ao redor do 40 aniversario de Crime en Compostela de Carlos G. Reigosa. Foi unha grande responsabilidade tomar as rendas dun evento tan sinalado, co propio autor falando pouco despois na carpa da SELIC o segundo día.
Crime en Compostela é lembrada por ser unha das primeiras incursións na novela comercial e nun xénero popular como a novela negra da literatura escrita en lingua galega. Tamén un dos primeiros éxitos comerciais da nosa literatura, coincidindo cun momento no que a construción dun mercado propio para o libro galego, nos parámetros da normalización cultural, era o novo obxectivo. Non desaparecía, pero si que pasaba a un certo segundo plano o impulso culto e artísticamente ambicioso que acompañara a literatura baixo a ditadura, máis preocupada pola súa dignificación que por atopar liñas comerciais ou a conquista dun público masivo, xa conectado con certas manifestacións da cultura popular.
A visión que tratamos de dar foi xustamente a dese momento de transición política da que o narrador parece ser enormemente consciente. Non só pola súa alusión a lugares e referentes políticos (o Parlamento Galego ou a casa de Ramón Piñeiro, unha das nosas paradas), senón tamén polo encontro que a novela presenta cos elementos do mundo moderno. O propio investigador, Nivardo Castro, é un vehículo desa transición entre dous momentos históricos: detective bronco pero cunha infancia no rural mindoniense, capaz de resolver as cousas coa violencia dun ex-lexionario, pero liricamente impresionado pola historia e a harmonía do casco vello compostelán. No fondo, o tempo moderno chegando a esa Galiza que o primeiro piñeirismo definía como allea á Historia e, por tanto, capaz de resistir nese estadio primordial todos os seus avatares, mesmo a propia posguerra.
É doado e ao tempo difícil trazar un plano da novela: a cidade histórica tira dun Nivardo fascinado, mentres que os asuntos criminais, salvo a aparición do cadáver, se resolven nos extramuros desta. O propio detective manifesta a súa sorpresa de que unha cidade así de fermosa poidan acontecer os mesmos crimes terríbeis que en Nova York, París, Marsella ou Londres. Se cadra nese aspecto se manifeste tamén unha das cuestións que se lle afearon no seu momento: a falta de escrutinio nunha sociedade na que o crime aparece como algo transplantado, relativamente novo e cuxo propio acontecemento parece pertencer a outro mundo. O primeiro paso para unha novela negra galega (e unha cidade) que nestes corenta anos tivo tempo de perder moitas desas inocencias sinaladas.
Outros materiais relacionados: