14/04/2016 by marioregueira

Camiño de Frongoch

Frongoch

O norte de Gales é a día de hoxe un dos territorios máis periféricos e peor comunicados da illa de Gran Bretaña. Hai cen anos debía selo aínda máis, e sen dúbida por iso foi o lugar escollido polo goberno británico para situar un campo de prisioneiros que servise para hospedar os inimigos capturados na I Guerra Mundial. O campo de Frongoch comezou a recibir prisioneiros alemáns, pero nalgún momento o Reino Unido decidiu evacualos a outra localización. Máis ou menos nesta altura do ano 1916 comezaron a chegar prisioneiros irlandeses a Gales. A Rebelión de Pascua, ferozmente reprimida, traía un numeroso continxente de novos prisioneiros de guerra, unha guerra inesperada, pero á que o Reino Unido reaccionou como ante calquera outra, con artillería nas rúas de Dublín e execucións nos días seguintes. Por Frongoch, pouco tempo despois, pasaron centos de prisioneiros irlandeses, entre eles Michael Collins, unha das persoas que, só cinco anos despois asinaría os tratados que recoñecían o Estado Libre de Irlanda. A estadía en Frongoch non foi longa e tampouco estivo falta de elementos positivos. A concentración serviu aos irlandeses para reorganizarse e formarse mutuamente. Anos despois referiríanse ao campo como a Universidade da Revolución.

Bandeiras

Hai unhas semanas camiñamos até o lugar onde estaba situado o campo para render homenaxe aos loitadores de Irlanda. Os galeses gardan algo máis que unha memoria internacionalista do feito histórico. Na súa versión dos feitos, os irlandeses non só aprenderon tácticas de loita en Frongoch, senón que tamén entraron en contacto cunha realidade que os impresionaría fondamente. Se o norte de Gales é, aínda hoxe, unha das prazas fortes da lingua galesa, en 1916 esta debía ser a principal, se non a única lingua empregada pola poboación, especialmente nunha zona afastada e rural como a dos arredores do campo. Os irlandeses deberon mirar abraiados aquel pobo que, sen facer ningún acto de rebelión activa, exercía porén unha resistencia invisíbel en cada palabra que pronunciaba. Palabras pronunciadas, ademais, nun idioma emparentado co propio gaélico irlandés, unha lingua con moi pouco valor social e que ocupaba un lugar claramente secundario no movemento independentista da illa. Seica este contacto cunha realidade semellante pero moito máis vizosa impactou profundamente aos líderes revolucionarios, e hai quen di que foi a partir desta que comezaron a reformular o papel da lingua na loita de liberación. Hai mesmo quen relaciona isto coa inmediata cooficialidade do gaélico irlandés na Irlanda independente. A aprendizaxe da lingua galesa e o coñecemento doutro pobo consciente da súa identidade formaron tamén parte da equipaxe que os prisioneiros levaron do campo.

Frongoch-2016

Na acto de Frongoch, que antecede outro máis grande que se fará en xuño, celebrábanse tamén estas pequenas resistencias, estas comunicacións entre distintos modos de loitar e sobrevivir. As bandeiras históricas irlandesas e galesas ondeaban xuntas, e entre as persoas asistentes, sen bandeiras, tres persoas da Galiza das que polo menos unha pensaba nos cen anos que separaban tamén o seu país da creación das Irmandades da Fala. O comezo dunha reivindicación lingüística que acabou evoluíndo á loita política e que mantivo unha obsesión palpábel con Irlanda, o desexo dun paralelismo que non vivía só na suposta conexión céltica da tradición, senón tamén na vontade de camiñar os mesmos pasos. En 1921, mentres Irlanda preparaba as negociacións da súa convulsa liberdade, un dos membros das Irmandades, Ramón Cabanillas, chamaba á illa “irmanciña adourada” nas páxinas de A Nosa Terra. Se cadra a máis célebre, pero tamén a enésima evocación de Irlanda no voceiro das Irmandades, que sempre tomou o país como un referente privilexiado. As Irmandades foron así a antesala do galeguismo político, as súas primeiras prácticas, o inicio dun proceso que culminaría coa fundación do Partido Galeguista. Os campos de prisioneiros que coñecemos os galegos tardaron, porén, vinte anos desde a chegada dos irlandeses a Frongoch. Neles non houbo escola revolucionaria, nin galeses nos arredores dándonos apoio moral e confirmándonos o sentido da nosa loita nin do valor político da lingua. Tampouco antecederon ningún logro inmediato, senón a longa noite do franquismo. E porén, tamén aprendemos neles, se cadra mesmo de forma máis perdurábel, o valor da resistencia e da dignidade.

Número da Revista Nós dedicado a Terence MacSwiney (1921)

Número da Revista Nós dedicado a Terence MacSwiney (1921)

#1916#Frongoch#Gales#Irlanda#Irmandades da Fala#Rebelión de Pascua
Comentarios desactivados en Camiño de Frongoch