16/05/2020 by marioregueira

As oportunidades perdidas

O debate sobre a norma ortográfica do galego é ideolóxico, non filolóxico. Agora falta que a inmensidade dos filólogos galegos sexan conscientes diso. A necesidade de estabelecer que o galego é unha lingua independente da Europa ou que galego e portugués son variantes locais do mesmo idioma é algo que ten que ver con xeopolítica e sentimentos de identidade. Do punto de vista da historia da lingua o debate é escaso e, como sempre que se busca un argumento definitivo co que acalmar os ánimos, non o hai. A filoloxía non nos vai dicir canta porcentaxe de proximidade teñen que ter dúas variantes para ser consideradas o mesmo idioma. Hai casos de linguas moito máis próximas que as nosas que son entes radicalmente independentes para a inmensa maioría dos seus falantes, e outras que, sen ter esa cohesión, serán sempre a mesma lingua para estes. As causas son, outra vez, políticas. E na historia convulsa de Europa estamos lonxe de ser unha excepción, corso e italiano, neerlandés e flamengo ou as dúas normas escritas do noruegués son só tres das decenas de casos que inzan o mapa, todos con solucións diferentes.

Nesta perspectiva, o debate normativo parte de posicións profundamente ideolóxicas. As dúas lexítimas xa que, por máis que se acusen mutuamente do contrario, ambas cren ser a única solución de futuro para unha lingua ameazada. E seguramente tamén por iso, ambas cos seus excesos identitaristas, ambas coas súas ficcións e revisións históricas, sempre máis terríbeis e distópicas desde posturas oficiais, pero das que tamén non están libres os rebeldes. O portugués nunca será unha lingua “como calquera outra lingua peninsular” ante o galego. Como pouco, compartimos unha parte moi relevante da súa historia e o corpus literario medieval que manexamos creouse a ambos lados do Miño como expresión do mesmo idioma. Hai máis opcións para o galego que a falsa dicotomía entre ser unha lingua internacional ou ser unha lingua minoritaria e rexional, unha cuestión que está máis relacionada co status político do territorio que con conceptos de pureza lingüística.

Afrontar a festa das Letras con Carvalho Calero no punto de mira é unha proba de tensión, unha proba para a que a cultura galega demostra, unha vez máis, que non está preparada. Carvalho Calero foi, a maior parte da súa vida, “Carballo” Calero, aínda que nos seus últimos anos decidiu ser coherente coa súa perspectiva lingüística e adaptar a grafía do seu primeiro apelido (o único dos dous de orixe galego-portuguesa). Máis aló de compartir ou non ese punto de vista, tomar en consideración outra cousa que non sexa a vontade do autor en asinar como quixer é un indicativo dunha sociedade embebida até a medula en rabechas infantís. Camilo Gonsar é Camilo Gonsar, non o Camilo González Suárez-Llanos co que asinou as súas primeiras obras. Sería unha atrocidade poñer Rosalía Castro de Murguía debaixo de calquera das obras que a nosa autora máis referencial escolleu asinar cun nome diferente ao que os usos legais e sociais da época lle obrigaban a empregar na vida civil. A inmensa maioría dos nosos autores tiveron nomes forzosamente castelanizados baixo o franquismo que porén subverteron na súa práctica literaria e polos que hoxe os lembramos. Curiosamente, a Carvalho non se lle recoñece esa liberdade. É sorprendente e triste ver figuras de moita máis idade que a que tiña o Carvalho que decide mudar a grafía do seu nome argumentando que debemos seguir a escribilo con b, pois foi todo produto dunha confusión ao que o someteron os seus discípulos aproveitándose da súa vellez.

Trátase dun debate que non é novo, esta colección de esquelas, que tomo emprestada do libro de Rafael Fernández Lorenzo, é exemplificativa de como, na Galiza, a Compaña dos nosos mortos segue loitando as mesmas guerras que en vida, ás veces mudando involuntariamente de bando (ou militando simultaneamente nos dous). A Real Academia a algunhas editoras parecen vivir hoxe nesa mesma esquizofrenia na que, ironicamente, é máis respectábel quen escribe hoxe sobre Carvalho que a decisión que o propio Carvalho tomou en vida. É fácil falar no nome dos mortos, o 17 de maio tennos ben acostumados a este tipo de cuestións.

É innegábel que Carvalho Calero é unha figura poliédrica, polémica, contraditoria, tan carismática como anti-carismática e, por tanto, profundamente viva. Unha cousa que non acostumamos escoitar é como o ferrolán está no xermolo do actual debate normativo. Se a postura reintegracionista é herdeira do Carvalho Calero último, a norma oficial procede do primeiro intento de estandarización do galego escrito. A Gramática elemental del gallego común (1966), está asinada por “Carballo” Calero, dentro da intensa colaboración que o autor tiña coa Galaxia de Ramón Piñeiro. Tamén está escrita en español, como moitos dos ensaios que a editora publicaba naquela época. Carvalho mudou de idea, se cadra esta sexa a mellor demostración de que a cuestión non debera ser entendida como unha fe sectaria, senón como unha postura que admite evolucións, debates e posicionamentos diversos.

Carvalho Calero podía ser unha oportunidade, unha celebración de como temos un país tan rico que admite distintas perspectivas sobre a lingua (unha situación fascinante desde o punto de vista filolóxico) e como dá para transitar por elas ao longo dunha vida. Unha forma de lembrar que, dentro da Academia e mesmo dentro de Galaxia, conviviron e debateron persoas que tiñan visións diferentes sobre a lingua que defendían. Unha escusa para falar das potencias e diversidades que nos deixa a historia, e tamén para escoitar aos outros e as súas razóns. Por desgraza, non é esta a forma de superación do conflito que teñen unha parte dos contendentes, especialmente dende o oficialismo. Como en moitos outros debates identitarios, a destrución completa e incondicional do rival, acompañada da manipulación da súa historia, segue a ser o único modelo.

#carvalho calero#Día das Letras Galegas#galego-português

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies