04/05/2016 by marioregueira

As donicelas de deus

donicela

Imaxe de Jared Kelly – CC BY-NC-ND 2.0

O pasado 29 de abril unha donicela mordeu un cable nalgún lugar de Suíza e paralizou o experimento máis grande e relevante da historia da humanidade até o momento. O Colisor de Hádrons, hospedado nas instalacións do CERN, ten sufrido máis dun accidente de ton estraño algúns deles xusto en momentos claves. Se os primeiros obstaculizaron a descuberta do Bosón de Higgs, este acontece xusto antes de que o Colisor funcione a unha velocidade aínda maior. A repercusión da aventura da pobre donicela (seica morreu electrocutada no acto) ocupou moitísimas novas. Seguramente porque os animais peludos venden máis xornais, aínda que tamén polas teorías que relacionan estes eventos cunha suposta autorregulación do universo.

O Colisor de Hádrons, tamén chamado por algúns medios a Máquina de Deus, comezou a funcionar con profecías apocalípticas. A posibilidade de que un dos pequenos furados negros producidos pola máquina puidese desenvolverse e acabar coa existencia humana preocupou a algunha xente, por máis que a posibilidade fose desmentida pola maioría dos científicos. O Colisor, que trata de reproducir o comportamento de certas partículas no momento do Big Bang, segue baixo sospeita. Algunhas voces acreditan que o universo, deus, ou algunha orde inmanente é capaz de xerar eventos que obstaculicen as investigacións. As razóns son diversas. As máis serias apuntan á incompatibilidade da existencia intelixente con ese descubrimento. Outras, incluídos tipos disfrazados e blogues conspiranoicos, falan dunha acción organizada que trata de evitar un evento non desexado. Outras, a mencionada destrución do planeta. Outros máis falan de deus, se cadra non un deus con personalidade, pero si dunha regra mestra do universo que estariamos descadrando dalgunha forma.

colidor

O colidor – Adaptada de Image Editor – CC BY 2.0

Recoñezo que a nivel persoal pouca cousas me entusiasman máis que o emprego de narrativas na resolución de problemas científicos. Sospeito que o precursor disto foi Hawking, coa súa popularización do paradoxo do viaxeiro do tempo. Pode alguén viaxar cen anos atrás no tempo e asasinar á súa avoa sen poñer en perigo a súa propia existencia futura? Unha das solucións propostas, explotada mil e unha veces nas obras de ciencia ficción é que o universo conspirará para evitar resultados ilóxicos e incoherentes. Viaxarás no tempo e tratarás de matar á túa avoa, pero a arma deixará de funcionar, ou algo se cruzará polo medio. O universo participa dun complot para que poidas nacer e facer a viaxe no tempo. Moitos científicos son escépticos ao respecto dunha solución tan narrativa. Posiblemente o universo pode resolver iso impedíndoche viaxar atrás no tempo, cousa que se cadra xa fai. Pensar que o universo ou iso que algúns chaman deus ten tempo para escribir novelas de ciencia ficción interpretábeis a unha escala humana sería, por tanto, unha nova forma de superstición.

A pesar de que as posibilidades narrativas destas ideas son apaixonantes, persoalmente non podo deixar de pensar nos primeiros viaxeiros de tren e o medo a que o ser humano non puidese superar os setenta quilómetros por hora. Hai quen menciona unha especie de síndrome de Prometeo, de medo a descubrir o mundo, de terror a unha imaxe irracional de deus que temos moito máis gravada no subconsciente do que cremos. Polo menos é un deus que en lugar de anxos con espadas de lume manda simpáticas donicelas. Os animais salvaxes son algo frecuente nos arredores do CERN. Deron problemas no pasado e volverán dalos no futuro. Non hai nada sobrenatural ou predeterminado nun roedor que morde onde non debe. O Colisor volverá funcionar e axudaranos a descubrir de onde vén a existencia, transformará á realidade, tamén a social e política, moito máis do que hoxe podemos imaxinar. E as donicelas de deus volverán ser simples roedores confundidos.

#CERN#Ciencia#Colidor de Hadrons#física

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies