A cidade, se así se pode chamar a unha localidade que non chega aos dez mil habitantes, estivo a piques de ser a capital do país, pero foi desprazada a mediados dos cincuenta pola puxanza dun Caerdydd (Cardiff) que xa era naquel momento unha cidade moito maior e un núcleo poderosamente referencial. Aínda así, e como diciamos no post anterior, se o sur é onde están as grandes cidades, o norte de Gales é onde está o seu patrimonio histórico e lingüístico e, sen ningún status oficial que o confirme, Caernarfon segue a ser algo así como a capital histórica do país. Nela, concretamente no seu castelo, ten lugar a investidura do Príncipe de Gales, un acto tan importante no simbólico como polémico e que na súa última ocasión (1969) mobilizou o pouco independentismo armado galés que existía daquela para boicotealo.
A cidade é, ademais, a xoia da coroa da lingua galesa, se o norte é o lugar onde máis viva permanece, Caernarfon é o núcleo de poboación con maior porcentaxe de falantes, algo que, polo menos na miña experiencia, puiden percibir moi axiña e sen dúbida ten que ver cunha actitude consciente, particularmente nas persoas que están de cara ao público. Non era algo buscado, pero sen dúbida non foi casual acabar tendo conversas sobre a lingua galesa coa maior parte da xente coa que interactuamos. As persoas non perderon a oportunidade de alentarnos sobra a facilidade de acceder ao galés dende unha lingua ibérica, ou de comunicarnos a existencia dunha longa comunidade bilingüe hispano-galesa na Patagonia, un dos poucos casos nos que a lingua dunha nación sen Estado floreceu no alén mar da emigración. Finalmente, e tras revelar que viñamos da Galiza, algún tamén preguntou sobre se tiñamos lingua propia e se eramos independentistas. Supoño que a pregunta que moitas das persoas que partimos de culturas minorizadas agardamos escoitar nas viaxes ao estranxeiro e que só se reproduce nun contexto coa mesma noción de estar a resistir que podemos ter nós. Se me guío unicamente pola experiencia dun día, diría que cada persoa de Caernarfon traballaba como embaixadora da súa lingua e da súa cultura, dándolle unha visibilidade que doutra forma non tería. E non só iso, senón que o facía por propia vontade e convencemento, sen estar a traballar dende estruturas organizativas de normalización lingüística.
Serve de algo a Actitude Caernarfon? Ben, podo dicir que a idea de chegar a aprender galés ocupaba un lugar moi remoto nas miñas expectativas, porén si que me fixo pensar na posibilidade de iniciar aínda que fose un coñecemento rudimentario e tamén desmontou algúns dos prexuízos que levaba sobre a lingua, relativizando a idea sobre a súa enorme dificultade que outra xente me transmitira. É bastante probábel que esa dificultade exista, pero a xente de Caernarfon fíxome pensar que é mellor descubrilo a través dunha experiencia directa. Dalgunha forma, convencéronme para darlle unha oportunidade á aprendizaxe dunha lingua na que só estaba interesado de forma moi superficial e desde unha perspectiva puramente sociolingüística. Hai campañas institucionais que non conseguiron tanto.
Resulta frecuente escoitar en contextos similares argumentos éticos sobre o deber de aprender unha lingua minorizada. Non podo dicir que non os comparta e penso que a sensibilidade sobre a riqueza lingüística e o respecto ás comunidades ameazadas é unha das moitas materias pendentes que teñen as sociedades europeas. Para min, di moito dunha persoa que decida aprender a lingua minorizada do país no que está vivindo, con independencia da verdadeira pericia que chegue a desenvolver nela. Porén, ás veces esquecemos que a sensibilidade lingüística é algo que se traballa e que, sen renunciar ao horizonte legal ao que temos dereito, podemos facer moito máis pola nosa lingua cunha actitude de convencemento que con esas ferramentas. Se cada galegofalante fose un embaixador ou embaixadora da lingua con cada persoa estranxeira que pasa polo noso país, a imaxe e a lexitimidade da nosa loita tamén mellorarían, e se cadra conseguiriamos até aumentar o número de neofalantes entre nós. Naturalmente, para iso faría falta, antes que nada, ter unha autoconsciencia da imaxe da nosa lingua entre as persoas galegofalantes que posibelmente esteamos lonxe de ter e que podería ser o primeiro grande problema. Da mesma forma, outras limitacións pexan tamén a cuestión do galés, un tema co que, nos próximos días, remataremos esta serie de entradas.