02/05/2017 by marioregueira

Caetano, de novo na Galiza

Teresa Cristina e Carlinhos Sete Cordas representaban unha viaxe ao pasado. A historia do samba pode percorrerse case sen equipaxe, só con voz e guitarra, así, aínda que botemos en falta a intro orixinal de Preciso me encontrar, Cartola e os seus letristas aparecían resucitados nunha actuación con poucos artificios. Tan sinxela que poderían trasladala a un bar, aínda que non podemos enganarnos, seguramente a maior parte do público non respondería calidamente a un espectáculo que entendían como un simple aperitivo.
Así, se Cartola era unha parte da historia da música popular brasileira, Caetano representaba o seu punto culminante, a súa continuación natural. E sospeito que o concerto foi programado seguindo ese mesmo principio. Unha colección de grandes éxitos que se movían con fluidez entre as raíces da bossa, a renovación que supuxo o tropicalismo e algunhas (moi poucas) referencias á carreira inmediata do cantor. A última vez que vin a Caetano ao vivo foi hai case unha década no mesmo Palacio da Ópera da Coruña, nun concerto dentro da xira do . Caetano fixera un disco de rock con case sesenta e cinco anos, e aparecía vestindo roupa vaqueira, saltando polo escenario e acompañado dunha banda formada por persoas novas. Conseguira facelo unha vez máis, ser capaz de encarnar simultaneamente historia e músculo impulsor da música brasileira. O Caetano do pasado domingo estaba xa máis perto de João Gilberto que de calquera cousa que tivese algo que ver co rock. Sentado coa guitarra durante a maior parte da actuación, Caetano podería ter gravado un grandes éxitos ao vivo, algo máis que suficiente para a maior parte do público da Galiza. Seguramente eramos só uns poucos os que ficamos con ganas de ter, ademais, outra cousa, aínda que fose escoitar Um comunista na véspera inmediata do primeiro de maio.

Os vellos do lugar lembran sempre dun dos primeiros concertos de Caetano na Galiza, a finais dos anos oitenta. Parece que se dirixiu ao público consciente de que estaba a tocar na terra na que nacera a lingua portuguesa, unha lingua que seguimos a falar con particularidades propias e á que demos o revolucionario nome de galego. A consciencia lingüística de Caetano non é habitual nos artistas brasileiros, que tratan de expresarse moitas veces nun portuñol que deixa sorprendido (ou irritado) a unha parte do público. Para alguén que dixo que unha das cousas máis marabillosas do Brasil era que falase a lingua portuguesa, é evidente que a marabilla continúa no feito de esta terse orixinado en boa parte dun territorio que non forma parte de Portugal. Así, unha parte do público agardaba que aparecesen de novo esas vellas complicidades. “Sempre que venho a Corunha falo português porque sei que vocês percebem. E gosto muito de que seja assim”. Desta vez non houbo alusións ao sotaque lindo da xente cando cantou con el, como en Vigo no 2003, pero foi suficiente para lembrar que Caetano segue a ser unha das poucas persoas con consciencia cultural dos lugares nos que canta. Con virtudes e defectos, seguimos a ollar para el como quen olla para as marabillas e os milagres.

#A Corunha#Ao Vivo#Caetano Veloso#Carlinhos Sete Cordas#Cartola#Concertos#Galiza#MPB#Teresa Cristina
Comentarios desactivados en Caetano, de novo na Galiza