Lois Pereiro. Unha persecución
Presentación editorial:
“Lois é unha persoa de fronteira. Non poderán xamais recluílo nin nas pintadas dos muros nin nas edicións académicas ou nos andeis das bibliotecas, e se cadra diso é de onde provén unha parte importante da súa forza. Capaz de recitar a Baudelaire e asubiar sonatas de Bach nas calexas máis escuras dos suburbios, así como de citar aos Sex Pistols e rebentar dunha patada as propostas do culturalismo rancio na mesa dos poetas. Lois soubo moverse entre eses dous mundos cunha axilidade e unha clarividencia impresionantes”.
Unha das tentativas deste libro é seguirlle a pista, atravesar esas fronteiras cara a un e cara a outro lado, cunha expectativa que mestura a do contrabandista que perdeu o seu grupo e a do vixía que pretende darlle caza. Nalgún momento desa persecución, o perseguidor cae tamén nas mitificacións e nos delirios nos que se aparece o perseguido, pasando as fronteiras unha e outra vez e sen poder distinguir cantas desas veces foron un soño e cantas seguían pegadas reais.
Este xogo de cores é o diario desa persecución, feito dende o amor a un dos poetas da miña vida, e pretende ser un libro igualmente fronteirizo, capaz de acoller as múltiples formas dun autor que pedía cuspe e non homenaxes.”