Leonardo e os fontaneiros, de María Victoria Moreno

Leonardo e os fontaneiros
María Victoria Moreno (il. de Manuel Uhía)
Galaxia / 2017 / 2017 / 192 páxinas / 11,55 euros
Amigos da rúa e da escola
MARIO REGUEIRA

Como cada ano, o Día das Letras segue a marcar unha parte importante dos ritmos editoriais do país. Se non aínda con obras novas adicadas á figura de 2018, si coas primeiras reedicións e versións actualizadas daquela parte do seu acervo esgotada ou caída no esquecemento. Neste sentido, a lembranza de María Victoria Moreno suporá unha brisa fresca a unha festa anquilosada de máis en ritmos e persistencias masculinas. A súa figura, xa reivindicada durante estes anos por parte de asociacións feministas como A Sega, pode servir para conectar de novo con sectores sociais virados de costas aos ditados da Real Academia Galega. E porén, a cuarta muller en ser recoñecida en toda a historia do 17 de maio supón tamén unha novidade non menos importante que o seu xénero no Día das Letras. Estamos ante a primeira figura que destaca por unha obra á que,sen negarlle a versatilidade e profundidade que sempre lle recoñecemos á literatura infantil e xuvenil, está maiormente orientada ao lectorado máis novo. Un tipo de literatura que tamén podería ser engadido á listade agravios e esquecementos académicos, especialmente inexplicábeis nuns tempos onde tantas alegrías deu ao resto da cultura galega.
Leonardo e os fontaneiros é un dos libros clásicos da autora e un dos primeiros en procurarlle recoñecementos. Reeditado dentro da colección Árbore de Galaxia que ela mesma chegara a dirixir en vida, supón un dos mellores froitos para preparar as Letras de 2018.
Pode que en todo exercicio de literatura orientada a crianzas haxa un problema inicial a resolver: camiñar polos vieiros da fantasía ou representar a realidade do potencial lectorado? Moreno escolle neste libro a segunda opción, construíndo a historia de Antón, un neno que, cos seus compañeiros de escola, se dedica principalmente a facer trasnadas. A súa amizade inesperada con Leonardo, un can da rúa, supón o fío condutor dunha historia narrada en primeira persoa e dirixida á mascota. A maior parte da trama trata sobre o día a día de Antón, a súa relación con camaradas e outros animais e as aventuras e problemas que lle traen xusto nun momento clave da súa vida (a mudanzada da escola para o instituto). Ao mesmo tempo, estas historias amósannos a súa evolución e a importancia da amizade e a comunicación en todas as fases da vida. Unha das cousas máis orixinais do libro é como a autora o prepara para distintas formas de lectura, en previsión das distintas persoas ás que poida chegar e o seu xeito de ler.
Leonardo e os fontaneiros aguanta ben os máis de trinta anos que ten ás costas, aínda que mostre algunhas marcas de época que as persoas que foron crianzas nos anos oitenta recoñecerán axiña. Un libro para reencontrarse coa obra de María Victoria Moreno.

Sermos Galiza 272, 14 de decembro de 2017, Foradeserie, px. 6.

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies