A paisaxe da nación, de Xesús Andrés López Piñeiro
A paisaxe da nación. Ideoloxía en imaxes da pintura galega de 1912 a 1930 / Xesús Andrés López Piñeiro
Deputación da Coruña / 2017 / 151 páxinas / 12 euros
Arte para soñar un país
MARIO REGUEIRA
Neste pequeno ensaio, López Piñeiro parte dunha teoría xeral da arte desde a que vai camiñando paseniñamente cara ao concreto. Se a Historia da Arte insiste en presentar un relato que só admite o camiño unidireccional, o progreso na xenialidade e un final predicíbel, ao autor interésalle, non só refutar tal perspectiva, senón avaliar tamén os espazos que quedaron forzosamente fóra dela. A idea principal é que a arte é un produto sociolóxico, na que os elementos ideolóxicos e as clases sociais fundamentan toda evolución. A comezos do século XX o paisaxismo pictórico galego vive unha popularidade que moitas persoas considerarían anacrónica, especialmente posta no contexto dese gran relato histórico.
A paisaxe nacional ten un papel importante entre os pintores dos Países Baixos no século XVII, asociada á loita contra o dominio español e aos cambios relixiosos. A súa evolución na historia da pintura parte de puntos de vista similares que, no momento histórico do que nos fala López Piñeiro, parecían un territorio xa visitado e, en certo sentido, carente de interese. E porén, ten todo o sentido que, nun contexto de toma de consciencia e loita social como o que acompaña a formación do galeguismo político, a paisaxe tome tamén un sentido de representación nacional. Na pintura de comezos do século pasado proxéctase a Galiza posíbel, a que parte das esencias teorizadas por poetas e intelectuais e dos anhelos de futuro que nelas se poden ver.
A paisaxe da nación representa así un achegamento infrecuente á construción do imaxinario galego nun dos seus campos menos coñecidos. Como sabemos, boa parte dos debates e teorizacións sobre isto déronse en relación á literatura, por iso non está mal lembrar a dimensión de artista plástico de Castelao ou o papel de figuras parcialmente esquecidas cando falamos de galeguismo, como o pintor Bello Piñeiro. Tampouco a resistencia de autores como Valle-Inclán ou Pardo Bazán á hora de recoñecer a posibilidade dunha arte galega diferenciada. López Piñeiro acomete esa perspectiva botando man dun resumo das construcións teóricas da época sobre a paisaxe e a identidade, principalmente da Xeración Nós, da prensa galeguista, ou de pintores como o propio Bello Piñeiro.
Remata o libro cunha pequena selección de cadros de varios autores, reproducidos a cor, e dos que nos ofrece unha interpretación nas claves desenvolvidas na obra. Hai varios aspectos de fondo que poderían ser máis problematizados, como as distintas propostas sobre a paisaxe, ou os escritos posteriores ao período tratado deixados por algúns dos protagonistas. Aínda así, tomando a brevidade como virtude, a peza destaca por unha tese sinxela e directa que non deixa de resultar interesante.
Sermos Galiza 272, 16 de novembro de 2017, Foradeserie, px. 6.