Pasolini e os autobuses
Alguén editara unhas listas de obxectivos da extrema dereita italiana dos anos setenta. Ou da operación Gladio, que viña sendo o mesmo. Un dos meus amigos comentábamo nunha cafetería de Barcelona. O que máis lle chamaba a atención é que, entre os tres primeiros nomes aparecía o de Pier Paolo Pasolini, como un obxectivo prioritario, moi por riba dalgúns líderes políticos comunistas. Que ameaza podía representar Pasolini? Un director de cine, un intelectual, un poeta que, como tantos poetas, probablemente nin sabía manexar armas.
Os procesos nos que se trama a represión sempre son elocuentes a respecto das xerarquías do inimigo. Creo que Pasolini tiña moitos números para estar na cúspide dos odios da parte máis conservadora da sociedade italiana. Unha persoa capaz de representar o réxime pro-nazi de Saló como unha comunidade sadomasoquista con delectación cara a coprofaxia. É dicir, que a burguesía italiana obrigara o pobo a comer a merda dun pacto coa Alemaña de Hitler, e ademais obtiña un pracer inconfesábel ao contemplalos. Sen dúbida ninguén atacou os responsábeis da participación na guerra con tanta saña e cun retrato tan cru e directo. A propia vida do director, homosexual confeso, cristián e militante comunista, era unha permanente provocación e a súa morte turbia e sospeitosa, tamén o foi. A mans dun menor de idade que se prostituía habitualmente con el, ou asasinado por uns asaltantes misteriosos ao grito de “porco comunista”, calquera dos dous desenlaces que se barallan encaixaría perfectamente coa súa vida e co seu proxecto artístico.
A xente que quería a Pasolini morto non temía o seu papel na organización dunha revolta comunista. Temía a súa sexualidade e, sobre todo, o seu discurso sobre iso. A forma na que o autor os sacaba da súa zona de confort facendo que as súas crenzas ancestrais cambaleasen, e aínda se atrevía a reivindicar para iso unha espiritualiade cristiá auténtica acusándoos de hipócritas. Seguro que mesmo así, Pier Paolo se sorprendería de saber que os seus inimigos lle tiñan tanto temor como para querer que morrese entre os primeiros.
Unha sorpresa semellante deberon sentir na asociación española Chrysallis ao ver a enorme reacción que xerou entre a extrema dereita unha das súas campañas. Creada para apoiar as crianzas transexuais, a tese da asociación foi tan sinxela como explicitar que pode haber nenas con pene e nenos con vulva. Unha sentencia tan simple como pedagóxica, especialmente porque matiza a frase coa que á maioría das persoas lles explicaron as diferenzas anatómicas nalgún momento da infancia. Máis aló de volver explicar a teoría de xénero, diferenciando a identidade social das características físicas e como non é obrigatoria a correlación entre ambos campos, en Chrysallis foron á mensaxe máis simple. E seguramente foi esta simplicidade unha das razóns da campaña á contra que sufriron e aínda sufren. Chrysallis non tivo a necesidade dunha obra provocadora para estar no punto de mira dunha parte da sociedade do Estado español, pero as razóns son moi similares ás que condenaban a Pasolini. Non hai peor ataque ao conservadurismo que impugnar a súa explicación do mundo, un mundo que pretenden natural e a apolítico e ao que estes remendos evidencian como unha estrutura profundamente ideoloxizada até nos detalles máis simples. Nin hai só dous xéneros nin, de habelos, estes se corresponderían inequivocamente cunha xenitalidade física concreta, defendelo é unha postura ideolóxica. Unha postura ideolóxica conservadora, para ser máis precisos e que naufraga procurando lexitimacións fóra do seu propio corpus doutrinal (tal e como xente da ciencia e da bioloxía lles lembra periodicamente).
A resposta que os ultracatólicos e conservadores deron coa súa flota de autobuses, apelando a unha conspiración, deixa en evidencia o verdadeiramente débil da súa postura. E aínda que considero que cada quen ten dereito a defender as perspectivas que estime pertinentes (que para iso son ideoloxía), encontro algo verdadeiramente mesquiño nesta campaña en concreto. Non só por estar dirixida contra unha das minorías menos protexidas da sociedade occidental e, indirectamente, contra as crianzas que se atopan dentro dela, senón tamén polo emprego demagóxico e banal de conceptos como a liberdade de expresión. Pero sobre todo por ser un ataque contra algo que, mesmo dentro da tese máis ultra destes intolerantes, correspondería principalmente á vida privada das persoas e a liberdade de construír o seu aspecto e identidade como queiran. Unha vez máis, a dereita católica explicándolle aos demais como teñen que vivir e como se teñen que considerar, non sexa que a eles lles falle o firme que pisan cos pés. Pasolini, que sabía ben como acaban estas aventuras, non dubidaría onde situalos.