28/02/2011 by marioregueira

A bandeira occitana da Galiza

As historias dos pobos nunca son comparábeis, nin sequera as daqueles que sufriron opresións similares e trataron de desenvolver unha certa noción de resistencia. A aprendizaxe é difícil, os contextos culturais nunca son equiparábeis e as experiencias adoitan ser personalísimas e pouco doadas de transportar entre ambos contextos. Se nuns lugares funcionaron as Ikastolas e as Diwan, outros enfróntanse a tremendas suspicacias perante calquera iniciativa de ensino que non sexa completamente pública. Se uns envexamos o tecido social e a impregnación conseguida a distintos niveis da sociedade e dos partidos políticos, outros envexan en nós a fortaleza do movemento sindical e a noción de clase que tiveron sempre as nosas reivindicacións.

Nunca poderemos crear unha historia paralela entre Occitania e a Galiza. Durante o finais dos sesenta o movemento occitanista comezou a súa grande ascensión. Contan que naquel momento algúns dos rapaces do maio francés consideraban moi chic a causa occitana, e comparábana sen rubor co Vietnam, vencellándoa á roda das nacións que loitaban contra o imperialismo nun proceso de descolonización. Occitania como unha colonia que debera ser liberada. Nós, naquela altura estabamos nacendo e intentando sobrevivir ás noites de pedra, e aínda que Novoneyra xa andaba a murmurar aquilo de Irmandiños de Galicia Vietcong, a situación era completamente distinta ao movemento e rede social que tecían os occitanos, coa esquerda do estado sorríndolles, aínda que nunca demasiado ou nunca disposta a pasar do xesto amable ao compromiso decidido.

As historias dos pobos son complexas e a miúdo é inxusto comparalas. A situación das nacións oprimidas polo Estado francés pode parecer, por momentos, moitísimo máis grave que a nosa. Occitania non é nada, nin sequera unha provincia mutilada. Non hai ningún estatus xurídico, só unhas isoglosas cada día máis diluídas e un símbolo que se mantén nos escudos das cidades e nas bandeiras dun movemento social que hoxe é unha pálida sombra do que foi, ou do que puido chegar a ser. O idioma occitano só ten recoñecemento legal no Estado español (promovido polo goberno catalán no pequeno val de Arán) e a súa saúde cambalea e ameaza a desaparición nunhas cantas xeracións. Podemos dicir que a aposta do occitanismo e a súa corrente inicial de simpatía fracasou ou está fracasando. Reducidos á marxinalidade, cos seus grupos políticos perdidos nunha miríada de secesións e disensións internas, incapaces de artellar unha rede social sólida para o movemento, os occitanistas enfrontan dende hai xa varios anos un dos momentos máis difíciles da súa historia.

Hoxe por hoxe, e aínda que as historias dos pobos nunca son comparábeis, non deixo de ter deja-vus occitanos cada vez que vexo os pasos dos galeguismo nos últimos anos. E aínda que moi lonxe aínda dese momento, vibra o temor de que isto non sexa unha crise momentánea, senón o principio da derrota social definitiva, o temor de que o camiño que, salvo honrosas excepcións, parece conducirnos cara ao abismo, nos afaste cada vez máis da sociedade e nos deixe reducidos a enxames de asociacións para as que a simple existencia de Galiza como cultura sexa un obxectivo inacadábel.

A primeira vez que vin unha bandeira occitana levada por occitanistas pareceume que estaba a ver un unicornio, un ser mitolóxico que só coñecera por descricións pouco precisas. Oxalá nunca vexamos os nosos símbolos nese estado de excepcionalidade e o mal momento sexa só iso, un mal momento que serve de proba para o tesón co que temos que seguir traballando.

#Activismo e resistencia#Galiza

Comments

  1. ictioscopio
    28/02/2011 - 20:01

    lembráchesme con isto un blog que leva a monte seis anos, que falaba do Val d’Aran e de natureza http://chihiro.blogs.com/bromabaisha/2004/08/cair_dera_broma.html (a moza que o levaba tiña dous ou tres blogs ben xeitosos, mas un día dixo adeus e esvaeu na néboa que dá nome ao blog)

  2. Mario
    01/03/2011 - 09:19

    Unha mágoa o dos blogues que van caendo, sen dúbida, sobre todo se son tan interesantes coma este. Tamén é me pareceu sempre moi curiosa (e fermosa) a relación de solidariedade e apoio entre cataláns e occitanos, tan pouco frecuente entre pobos que fan fronteira. Estiven a piques de ilustrar o post con dúas imaxes dunha ilustradora catalá que che ligo abaixo, pero enfín, o copyright era demasiado evidente… 😉

    http://mausetta.deviantart.com/art/Catalunya-Occitania-first-try-179468982

    http://mausetta.deviantart.com/art/Catalunya-Occitania-final-179469186

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies