Outono aquí

cabezallo - outono aquí

Presentación editorial:

Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2011

Cando a literatura se reviste coa pel da música, xorde Outono aquí, novela que, dende un íntimo diálogo entre sociedade, identidade e individuo, asume a escrita da modernidade, por esa fuxida de todo intento de solideza, como se todo, voces e silencios, acabasen por se esluír no ar da desmemoria do que fomos, seres nados en aldeas feridas pola coitelada sangrante de autovías mal trazadas, que obrigan aos seus habitantes a asumiren todas as formas inimaxinables de deshumanización nos barrios obreiros das cidades emerxentes. Son vidas de desacougo, angustia, soidade, rancor e contas pendentes. Outono aquí é, sen dúbida, un achegamento a eses seres forxados en espazos de miseria moral e física e á súa decadencia, á ignonimia de actos cometidos no nome da honra familiar vilipendiada, aos fillos e fillas deses seres e ás súas feridas. É o caso de Xoán e Guillerme, os protagonistas, que loitan por reconstruír a súa identidade a partir de falsos certificados de nacemento, historiais médicos de prognóstico incerto, segredos nunca antes confesados, fotografías veladas e tantas lembranzas esquecidas que, ao verbalizalas, conteñen unha soidade, ateigada, no entanto, de físgoas de felicidade. Guillerme vese obrigado a viaxar a Gante, unha anónima cidade europea, un lugar con prazas, estatuas, castelos turísticos e barrios obreiros, tan igual e tan diferente coma calquera outro, para recuperar unha herdanza que lle pertence de seu e escoitar tamén as palabras de perdón de Xoán, o seu exitoso irmán músico, mais nesa viaxe non só atopará a verdade dos feitos, senón tamén unha man cálida e amable que o axuda a saír da espiral da vertixe e, sobre todo, a cicatrizar tantas feridas abertas.

Outono aquí