08/07/2011 by marioregueira

Jameson e Derrida (Estaleiro e Derriba)

Cando Estaleiro Editora naceu parte do seu programa de actuación falaba da necesidade de colaborar con distintas asociacións como un xeito de ser, ademais dun círculo editorial, un servizo de cara aos colectivos que tentan problematizar e transformar a realidade. Foi un obxectivo que tardou en concretarse, pero que nunca foi esquecido e que dalgunha forma seguía presente como un deber que debera realizarse nalgún momento. Andando o tempo foi así, e a súa primeira manifestación tivo lugar durante a primavera pasada. O Proxecto Derriba publicaba a través de Estaleiro, dous monográficos sobre os filósofos contemporáneos Giovanni Vattimo (Outro xeito de ser) e Antonio Negri (Da revolta italiana á potencia da multitude), na que promete ser unha longa colaboración que pouco a pouco achegará unha pequena biblioteca básica sobre filosofía ao contexto galego. Precisamente a capacidade de elaborar pensamento crítico na nosa lingua e unha vontade de divulgación activa son dous dos alicerces que moven este proxecto de Derriba, un colectivo particularmente activo e cunha xenerosa produción de textos propios. Os libros están pensados para unha formación básica pero non superficial sobre os autores en cuestión e achegan, ademais dunha interpretación breve sobre o seu pensamento, unha escolma de textos destes. Este ano súmanse a esa colección os volumes dedicados a Jacques Derrida (Deconstrucións) e Fredric Jameson (Entre posmodernidade e utopía), que se presentarán hoxe 8 de xullo ás 20:00 na Gentalha do Pichel, coa presencia dos seus dous creadores.

#Cotidiano#Edición#Edición independente#Estaleiro#Galiza

01/07/2011 by marioregueira

As culpas

Non direi que non consuman produtos galegos. Consuman produtos galegos. Merquen libros e banda deseñada, vaian ao pouco cinema que as salas proxectan na nosa lingua, se queren subscribirse a un xornal, subscríbanse a un xornal en galego, vaian a concertos de música galega e en galego, acudan ao teatro. Mesmo máis aló do estritamente cultural, acudan aos mercados de abastos, busquen produtos da nosa terra e daqueles escollan os que teñan etiquetaxe na nosa lingua, non volvan a locais que non teñan a carta polo menos tamén na nosa lingua e tenten probar naqueles outros que ademais teñen un compromiso firme cos produtos do noso país e cos pequenos produtores. Agasallen algunha desas moitas opcións, moi especialmente  ás crianzas, que no medio do maremagnum Disney lembrarán sempre a sorpresa das historias que chegan nunha lingua distinta, unha lingua rebelde e máxica onde todo parece posíbel.

Porén non direi só que consuman. Descarguen música, fotocopien, escaneen, pirateen, se son persoas afoutas rouben libros nas grandes superficies, descarguen filmes e series, cóense nos concertos, lean a prensa na rede, espolien as bibliotecas públicas e espolien as bibliotecas dos amigos, aproveiten os espectáculos gratuítos ou que só custan o prezo dunha consumición. Empápense de cultura, critíquena, desprecen os seus produtos cativos e emociónense cos brillantes, porque iso é basicamente para o que valen todas as culturas do mundo, para estabelecer un diálogo intemporal. Nunca un estanque, sempre un caudal, cos seus remuíños e os seus remansos, coas súas augas podres e aquelas outras ateigadas de peixes.

E non direi só que merquen, porque as novas tristes destes días levaron en demasiadas ocasións a responsabilizar aos interesados na cultura e na supervivencia da lingua, a caer no remuíño da lóxica neoliberal segundo a cal para que unha cultura (sen estado) exista debe ser rendíbel economicamente. Mentres os grandes medios do país recibiron axudas (non poucas veces no nome da normalización lingüística), os pequenos proxectos coherentes coa lingua teñen que explicar a súa supervivencia no medio da xungla do mercado. Cando grande parte das industrias do país están subvencionadas, as empresas culturais galegas teñen que sobrevivir co posto ou afrontar unha extinción que se xustifica na súa baixa rendibilidade comercial, non demasiado diferente á doutras empresas que seguen adiante.

Caer na trampa de asumir a nosa responsabilidade persoal implica asumir a lóxica perversa das cousas, unha lóxica que nos levan suxerindo dende hai anos e que é, en realidade, unha das grandes falacias da relación entre a cultura galega e a imposición castelá. Naturalmente que sempre debemos estar ao lado da nosa cultura, pero o peso económico do mantemento de moitos dos seus proxectos non é unicamente responsabilidade nosa. Existe unha responsabilidade estrutural de todos os gobernos en manter determinados sectores de interese público. Se no Estado español fechase o último xornal diario en castelán, o goberno inxectaría cartos para evitalo. Algo semellante acontecería se o cinema en castelán tivese anos en branco ou anos cun par de filmes. Se o castelán perdese un grande número de falantes en favor do inglés, por exemplo, a campaña gobernamental para impedilo sería brutal. O interese en manter este tipo de campos non é só moral ou gratuíto, aparece recollido en distintos puntos do aparello lexislativo. No caso galego tamén, polo que a desidia do mal goberno que nos asombra non é só unha incompetencia e unha mostra de ignorancia, senón un abandono neglixente dos deberes que lle son propios.

E si, insisto, compren produtos galegos, apoien os proxectos propios e fagan por que a nosa cultura floreza e medre comercialmente. Porén, a próxima vez que feche un xornal, unha editora, unha sala de teatro ou un festival de música, non caian no xogo das culpas doadas nin cedan á lóxica perversa do capitalismo imperialista. Non lles corresponde aos nosos soldos de obreir@s e precari@s soster todo o edificio enorme da nosa cultura. Ou si, pero a través dos impostos que hoxe, en función da xestión deste goberno, van para cabeceiras que se expresan nunha lingua estranxeira, para grupos musicais formados en Madrid ou para asociacións que defenden un apartheid lingüístico demencial.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

28/06/2011 by marioregueira

O último xornal en galego

Nunca pensei que tería que falar de Galicia Hoxe desde a nostalxia ou o epitafio. O medio, que poderiamos inscribir na xa longa tradición do xornalismo compostelán ligado á vida cultural universitaria e a defensa do galego, parecía feito, por unha vez, para ficar. Porén, como pasou nos anos cincuenta co Suplemento del sábado de La Noche, as propostas de raíz galega que ademais xogan a visibilizar novos valores son molestas. Naquel momento foron as autoridades franquistas, hoxe son eses novos disfraces do fascismo feitos con retallos das telas da economía, as crises e o libre mercado. Persoalmente perdo con Galicia Hoxe o medio no que apareceron as miñas primeiras colaboracións literarias cunha certa difusión, un foro onde se contaba ocasionalmente coa miña voz e onde os meus libros atoparon un oco lonxe da superficialidade doutros medios. Perdo tamén a doce sorpresa de atopar os meus versos no xornal da mañá durante o café. Isto último, tal e como están as cousas, dubido que volva experimentalo nunca máis.

Porén, a sociedade perde moito máis. Probabelmente, algo que a expresión “último xornal diario escrito integramente en galego” nin sequera consegue captar en todo o seu dramatismo. Somos, unha vez máis, Mohicania, o país das últimas cousas, as testemuñas do final do espolio. E dende esa perspectiva é moi complicado superar a barreira anímica que permita asentar novos proxectos ou buscar perspectivas para conservar os vellos. Ás veces, nin sequera é doado analizar a perda dende ese punto de vista.

Nas horas que seguiron ao anuncio do feche do xornal sucedéronse moitas reaccións, e non poucas delas situaron a responsabilidade no conxunto da sociedade, moi concretamente daquela grande parte da sociedade preocupada polo devir da lingua. Seguramente non é o momento para falar en contra do voluntarismo, porén si que deberamos matizar que o voluntarismo non pode ser un camiño, senón un punto de partida. Con isto quero dicir que a solución de que todos merquemos militantemente todo proxecto baseado na lingua nunca pasará de ser unha solución momentánea, un medio para un fin que non pode eternizarse. Máis que da desidia da sociedade galega, da crise do xornalismo en papel ou da crise económica, Galicia Hoxe cae como produto de dous factores:

O primeiro, unha política lingüística nefasta que se asenta no “deixar morrer” a cultura galega e recorta algunhas subvencións, mentres mantén intactas outras. A segunda, o feito de ser desde sempre, un produto secundario posto ao servizo da estrela económica do seu grupo empresarial. E deste papel secundario, da imposibilidade de convertelo nun medio competitivo, precisamente para evitar a competencia co seu irmán editorial, responde grande parte do problema. Como moita xente preguntou estes días, habería que pensar se o outro xornal do grupo vai seguir saíndo á rúa ou por que os proxectos en galego sempre son apostas secundarias, linguas compartidas noutros medios, compromisos que cobren expediente pero polos que ninguén se vai sacrificar realmente, polo menos dende a perspectiva empresarial e institucional. Mentres ese voluntarismo dos grandes continúe fallando, todo o voluntarismo individual será un simple parche, por máis que, por desgraza, siga sendo un parche necesario.

A xente que traballou nestes anos no Galicia Hoxe fixo un traballo admirábel en máis dun sentido, moi especialmente no tratamento dos temas culturais. Tamén hai que afagarlles a valentía de falar na defensa da Galiza e da lingua cando foi necesario e manter unha liña crítica da que abdicaron a maior parte dos outros medios. Por desgraza, unha vez máis, son méritos que se entregan como as medallas aos soldados caidos: en man e no medio dun funeral, mentres nos preguntamos a onde poderían chegar as nosas coraxosas tropas se fosen mellor equipadas, se non fosen deixadas á valga entre as liñas inimigas e tivesen unha boa retagarda que mirase delas. Como di hoxe Caetano Díaz “Só lle tiñamos medo a que nos caese o ceo enriba”. Por desgraza, ese tipo de xente destemida é a que sempre precisou este país, o único país no que o ceo cae unha e outra vez sobre as testas das persoas que se atreven a erguelas.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

02/02/2011 by marioregueira

O día d@s que perderon a terra


Hai moitos anos escoitei nun documental sobre o movemento Sem-Terra, que a súa militancia lle tiña unha grande devoción a Iemanjá. Negada a terra ficaba só encomendar a sorte á señora dos mares. Dentro da riqueza do panteón afro-brasileiro, a figura da dona das augas tenme engaiolado dende a infancia, probabelmente porque no arsenal de música brasileira dos meus pais non eran poucas as cancións que protagonizaba. Tamén, porque nun particular sincretismo persoal non podía deixar de relacionala coa Virxe do Carme e as cerimonias de flores no mar que tantas veces acompañei na miña infancia. Aínda así, aprofundando un pouco na súa historia pódese ver que parte da deusa ocultaron os afrodescendentes americanos na figura dunha virxe católica. Ao contrario que a configuración da muller que esconde a tradición cristiá, limitada á pasividade e á maternidade, a orisha africana é unha potencia violenta e teimuda, moitas veces vingativa e cun grande poder que hai que aprender a respectar. No nome dos que día a día perdemos a terra, as miñas arroutadas pagás e as miñas lembranzas da infancia pídenlle a Iemanjá unha onda que asolague o mal goberno e encha de marés vivas un país que nunca as precisou tanto. A dous de febreiro, salve raíña!

E por suposto, o 2 de febreiro é un día tan bo como calquera outro para retomar un blogue que perdeu o ritmo entre vacacións, enfermidades, viaxes e partidos internacionais de billarda.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Mitoloxías

20/09/2010 by marioregueira

Eróstrato, Chapman, Feyjóo

Lennon e Chapman

Recoñece Mark Chapman algo que moita xente sospeitabamos de hai tempo. Que matou a John Lennon para deixar de ser un ninguén e atinxir un reflexo dalgunha cousa semellante á fama. Suspensas fican as teorías da conspiración, as preguntas que Salinger nunca respondeu, probabelmente porque non tiña as respostas, e nas que O vixía no centeo xogaba un papel detonante no asasinato. Eu son unha das persoas que leu o libro de Salinger procurando en boa parte unha razón para matar ao mellor dos Beatles, e aínda que algún dos personaxes secundarios lembra inequivocamente a Lennon ningunha persoa no seu xuízo podería atopar as respostas que segundo Chapman estaban alí. Ao contrario, a anécdota, xunto con algunhas outras relativas á obra e de ton similar, lixaron parte da súa significación literaria popular e abriron a porta dos cazadores de misterios. Agora Chapman recoñece que o fixo pola fama e que un dos méritos de Lennon era ser máis accesíbel que outros obxectivos. Non tivo sequera o mérito da orixinalidade.

No século IV antes da era común, o templo adicado en Éfeso á deusa Artemisa, considerado unha das marabillas do mundo, foi incendiado por un tal Eróstrato. A única razón documentada (aínda que confesada baixo o pouco fiábel método da tortura) foi que o criminal pretendía que o seu nome fose lembrado pola posteridade. Os habitantes de Éfeso tentaron que isto non acontecese e prohibiron que volvese ser pronunciado ou escrito, porén, ao contrario que un resto fidedigno do templo, o nome de Eróstrato chegou a nós e hoxe serve para mencionar complexas síndromes psicolóxicas relacionadas co afán de notoriedade.

Ao lado da capacidade destrutiva dunha pistola ou dunha chama existen realidade moito máis complexas de botar abaixo e nas que non cabe unha autoría tan directa e individual. Un dos principais problemas cos que topamos na concienciación lingüística é facer concibir á xente que unha lingua é un elemento vivo, e que como tal pode evoluír, transformarse e tamén morrer, por máis que os seus procesos sexan lentos e espallados no tempo. Do mesmo xeito, as responsabilidades do seu ocaso non son reducíbeis a un único individuo nin a accións tan radicais como pegar uns tiros ou iniciar un lume, en ocasións poden estar máis relacionadas coa pasividade que cun acto concreto.

Cando certa organización acusaba ao reinado de Fraga da maior perda de falantes do galego na súa historia como lingua non dicía mentira, porén é certo que o resultado non pode desvincularse dun deixar actuar certa inercia posfranquista máis que de accións realmente agresivas e decididas. A responsabilidade do esmorecemento dunha lingua é forzosamente compartida, tamén moitas veces polos propios falantes que a abandonan ou desvalorizan. Na circunstancia actual, porén, estamos ante un nivel de agresividade fáctica non vista dende a fin da ditadura e que contrasta coa simple incompetencia, máis ou menos provocada, dos gobernos anteriores. É certo que non constituirá o final da lingua, entre outras cousas porque non o imos consentir, porén resulta unha vez máis unha pobre tentativa de conseguir notoriedade a través do exterminio. O cemento dunha carreira política que poida ser vista dende Madrid e na que levar como presente e pase de entrada a nosa cabeza. Que non se esqueza o señor presidente, de levar tamén unha copia de O vixía no centeo. Esta, non esta.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

02/07/2010 by marioregueira

Un día perdín un libro teu nun bar

Lois Pereiro

Un día perdín un libro teu nun bar. Decateime camiño da casa e desandei o andado Ferrol arriba, reconstruín a ruta, falei con homes que xa baixaban persianas e elevei a voz sobre o balbordo dos locais nos que estivera aquela noite. Cando un deles se volveu e quitou a Poesía última de entre as botellas tras da barra suspirei con alivio. Recuperaba un ben prezado, un dos tres libros do poeta admirado xa en mellor vida, o único que os cartos contados e os prezos do libro galego me permitiran mercar.

Non pasaran aínda os dez anos de rigor e resultaba imposíbel imaxinar isto. O presidente mudou, sempre é importante contar con alguén que pasou polas cadeas do estado, que sabe dicir grifa e que cabalo non é só o da rapa das bestas, que presente que o empardecer nunha vila de Ourense non vale nada sen a revolta do metal nos arrabaldos obreiros. Que a pedra que se estrela contra o escudo dos antidisturbios non importa tanto pola fenda (que non deixa) como pola tensión do brazo ou da goma do tirapedras. É sorte, ningún dos anteriores soportaba tanta mocidade asomada nunha tumba.

Marxinal é o que non sabe só unha cousa. Dinche marxinal e mal poeta os que se abrazan á palabra cultura na atalaia temerosa dos seus gabinetes e non saberían deletrear Fassbinder, nin escoitaron falar nunca de Eric Rohmer na Coruña, nin das mágoas afundidas de Valéry, ou da sombra de Nerval. Non saben nada, en definitiva, do guiso indixeríbel de Fonollosa, nin darían identificado a metade das referencias que inzan a poesía última. Marxinal quen sabe de todo, dende os altos andeis das bibliotecas até os peores locais de Brest ou Bilbao, o que distingue a poesía da pretensión cun golpe de vista e non ten pudor de asubiar Dear Prudence mentres camiña dun bar a outro procurando un libro perdido. Marxinal quen é unha referencia constante para os que sabemos que é imposíbel sermos galegos sen habitar a marxe eterna na que dirimimos unha batalla a vida ou morte polo simple dereito á existencia. E que todo o demais é fechar os ollos.

E virán máis, de novo, agora que es como un Manuel Antonio que navegaba noutros barcos, a lixarte coas súas sucias maos. Como se tivesen o monopolio da pureza, ou a xoia perdida da lingua, como se os que habitamos os arrabaldos e percorremos as cidades non foramos nada fronte a gloria perdida dunha república rural inexistente e as súas esencias de pureza. Como se algunha vez quixeramos a pureza para algo máis que enturbala, as tumbas para algo máis que cuspir a nosa húmida vida sobre elas, as veas para outra cousa que non sexa acariñalas.

Perdín un libro teu nun bar porque o levaba aos bares, porque o emprestaba aos camaradas, e circulaba de mao en mao como circula ás veces a verdade. Moi poucos poetas poderían gabarse de tanta honra.

#Cotidiano#Galiza#Literatura

11/05/2010 by marioregueira

De ollo

Teño que agradecer a mención feita dende Brétemas e O levantador de minas, ao escollerme para un destes premios virtuais. No que respecta a literatura e edición son dous dos que encabezarían a lista de blogues a non perder de vista. A miña lista, porén, trata de ser máis aberta. Como todas as listas é profundamente odiosa, fican outras cinco ou seis decenas de blogues que se poderían mencionar, e se en algo se caracteriza a blogoleira é na súa heteroxeneidade, na falta de reglas á hora de crear ou comunicar, polo que todo baremo nace eivado. A lista tamén serviu para botar un ollo ao xa longo pasado dos blogues galegos, apuntar as baixas, celebrar as altas e ter unha mínima nostalxia doutros tempos, onde a blogoleira era sobre todo un lugar de interacción social. En calquera caso, benvidos sexan estes tempos, xa dixen outras veces que isto está máis vivo que nunca e é lóxico que as cousas vivas evolúan ao seu propio ritmo. A lista hoxe, é esta. Onte sería outra e pasado mañá tamén, xa saben que hai candidatos de sobra na barra da dereita, e aínda algún máis que esquecín meter aí (son moi preguiceiro para esas cousas):

1. O outro lado do espello. Máis de tres anos de ateísmo militante, alicismo, ciencia, literatura e música. O meu prototipo de blogue favorito.

2. República da multitude. Alguén me dixo algunha vez que debaixo dos posts de Antón Dobao non debería poñer “comentarios”, senón “aplausos”. A maior parte das veces é unha grande verdade.

3. Tati Mancebo. Reflexións sempre interesantes e unha das poucas voces que soubo seguirlle o pulso ao libro electrónico sen caer na obviedade ou o catastrofismo.

4. Afogando no Sarela. O retorno á blogocousa dunha das figuras que a revolucionou no seu momento, desta volta prescindindo do ton corporativo e optando pola bitácora persoal.

5. Capítulo Cero. Capítulo Cero é desas bitácoras que rozan a profesionalidade blogueira, tan frecuentes noutras linguas e tan estraños na nosa. Para min sóbralle a parte de comida (máis da metade), á que só recurro cando vou comer fóra. En calquera caso son un grande seguidor das curiosidades e andanzas da outra parte.

6. Calidonia. Un dos vellos do blogomillo, ou como tamén se di, un clásico.

7. Microqontos. Aínda que xa rematase o certame deste ano, convén non perderlle ollo para enterarse do vindeiro. Unha iniciativa interesantísima de narrativa hipertextual, que demostra que se pode facer cultura sen un can e con moita ilusión.

8. C’mmons baby. Outra rara avis, un podcast galego baseado en licenzas libres.

9. Ataque Escampe. A maior parte dos grupos que abren blogues acaban por enchelos de datos de taboa de anuncios ou de raridades que só interesan aos fans. Ataque Escampe conseguiu facer, ademais de todo iso, un blogue con personalidade. Non sorprenderá a quen os coñeza.

10. O bló de L&M. Débolle esta mención pola cantidade de risos que ecoaron na miña casa seguindo as andanzas de Mati e Laura.

E xa digo que toda lista é odiosa e que recomendo que cada quen se mergulle na inmensa diversidade da blogoleira para atopar as súas referencias. Por certo, as regras do premio son as seguintes:

– Os elixidos teñen que incrustar a imaxe do selo e un enlace ao blog que os recomendou.
– Seleccionar e enlazar dez blogs máis que segundo o meu criterio paga a epna recomendar.

Pero desculpo o seu cumprimento a calquera dos premiados.

#Blogoleira#Cotidiano

04/03/2010 by marioregueira

Un novo comezo

Foron algo máis de tres anos, no vello dominio de blogger, tres anos nos que pasaron moitas cousas, entre as que podemos destacar a publicación de tres libros, pero tamén recitais, viaxes, polémicas, traballos e destraballos, proxectos que xurdiron coa forza das ilusións e caeron axiña na apatía máis tópica deste país, e tamén as derrotas políticas, tamén tópicas do país, entre treguas que nunca acabaron de convencernos. O blogue tivo os seus altibaixos e o certo é que a tentación de mudanza a blogaliza, que estivo presente dende os primeiros tempos, foi tomando o corpo dun revulsivo que permitise revitalizar as crónicas do porto e impedir o estatismo no que estaban caendo. Tamén está, por suposto, o feito de apoiar un xeito de facer as cousas que funciona e que está asociado ao país, que ao cabo é unha das cousas que máis me importan, sobre todo vendo a dificultade de artellar respostas e a capacidade que seguimos a ter de derrubarnos as escaleiras entre nós.

Estiven tentado de abandonar o blogue moitas veces, e dalgunha forma é o que fixen. En lugar de importar o vello contido, decidín comezar de cero. Supoño que en esencia o vello cronista de Gorée que xa son aparecerá nestas novas páxinas, ao mesmo tempo supoño que haberá cousas dese vello cronista que o novo rexeitará. E coma sempre haberá xente máis ou menos descontenta. En calquera caso, o porto abriu de novo, poden atracar os seus barcos e pasear pola illa e asomarse unha vez máis á porta do non retorno.

#Cotidiano
1 3 4 5

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies