14/07/2011 by marioregueira

A liberdade ilusoria

Durante a rodaxe nas aforas de Madrid do filme de David Lean Doutor Zhivago en 1964, unha multitude de figurantes españois tivo que cantar a “Internacional” nunha escena na que aparecía unha manifestación masiva. O equipo de rodaxe ficou abraiado ao descubrir que todos coñecían a canción e que a cantaban con tanto entusiasmo que a policía franquista interveu pensando que se atopaba ante unha manifestación política real. Aínda máis, cando xa anoitecera (a escena tiña que desenvolverse na escuridade), a xente que vivía nas casas dos arredores escoitou os ecos da canción, comezou a abrir botellas e a bailar na rúa, supoñendo erroneamente que Franco morrera e os socialistas viñan de tomar o poder.

Este libro está adicado a eses momentos máxicos de liberdade ilusoria (que, de algún xeito, non eran só ilusorios) e ás esperanzas frustradas polo retorno á realidade “normal”.

Slavoj Žižek no prólogo a Organs without Bodies: On Deleuze and Consequences (Órganos sen corpo: Sobre Deleuze e consecuencias).

#Activismo e resistencia#Cinema#Epigramas

11/07/2011 by marioregueira

Contra a rede das pequenas cousas

Xeralmente non dou demasiado crédito ás perspectivas conspiranoicas sobre as redes sociais. Si presto algo máis de atención ás alertas sobre o seu enfoque puramente comercial, porén, aínda con esas limitacións fun asumindo que determinadas redes están para ficar polo menos o tempo suficiente como para deixar unha fonda marca no imaxinario colectivo destes anos. E paralelamente ao seu ascenso vivimos a caída moderada pero o suficientemente notábel dos blogues. En realidade non tanto a caída en número como a caída na atención do público e a caída da súa faceta como rede social, que tamén existía.

Non enganarei a ninguén, decátaste disto tomando algo con vellos compañeiros da época dourada da blogoleira, mentres xorden as cuestións de canta xente abandonou o seu blogue e de canta outra leva meses sen actualizalo, de quen volveu e de como con tanta outra rede de mensaxes breves perdemos capacidade de cohesión e de debate. Como digo, non creo que existan ferramentas intrinsecamente malas, e moito menos caerei na hipocrisía de consideralas así cando son ferramentas que eu mesmo emprego. A aparición das redes sociais serviu ademais para liberar moita práctica marxinal do mundo dos blogues. Xente que soamente subía vídeos ou fotos atopou un foro máis axeitado, porén ironicamente esa tendencia tamén acabou arrastrando a moitas das persoas que empregabamos o medio para reflexións e debates. É certo que o seu factor de incipiente rede social, grazas á que coñecemos a moitos bos amigos, xa estaba presente. En nome dela faciamos xuntanzas e festas e gozamos de moi boas tardes tomando cañas con descoñecidos que non o eran, pois sabiámoslles os intereses e as opinións máis aló do que calquera formulario do facebook permite hoxe.

Porén, empregabamos os blogues sobre todo para debater. Hoxe en día é moito máis cómodo poñer unha ligazón e agardar polos polgares cara arriba, ou polos rechouchíos que a multipliquen. Moito máis cómodo na maior parte das ocasións que elaborar un discurso sobre a nova, aplaudila ou impugnala, crear algo novo a partires dela e contribuír ao debate. E iso, máis aló das outras utilidades que sen dúbida poden achegar as redes sociais ás nosas vidas, é unha traxedia que deberamos evitar. E comezaba falando de conspiranoias porque non creo que (como lin nalgún lugar) exista un complot dos gobernos para manter ás persoas idiotizadas coas redes sociais de mensaxes breves e afastalas así dun debate público máis complexo. Por desgraza, o proceso foi o suficientemente grande como para non ter que acusar a ninguén, os culpábeis somos nós mesmos, e as consecuencias sufrirémolas de novo nós tamén. O potencial que os blogues poderían achegar ao debate político e social é algo demasiado importante como para deixalo de lado, especialmente nun país que vive horas baixas, que ve os seus medios de comunicación fechados e atravesa un temporal político de final incerto.

Fronte a aqueles que din que a revolución será twitteada eu creo, xunto con Scott-Heron (que a terra lle sexa leve), que a revolución será ao vivo. E que será afinada do xeito no que se afinaron sempre as revoltas: con longas deliberacións e obxectivos claros, co respecto que se gaña aos adversarios nos debates e a descuberta minuciosa de todas as trampas que lle sairán ao paso. Ao vivo e cociñada en libros e xornais, en blogues que van pasando a libros e libros que fican finalmente en blogues, se cadra para que todos nos decatemos de como seguen sendo necesarios. Cousas que en definitiva non caben nun hashtag, nin en 140 caracteres nin nun click de rato que pretende dicir que gostamos inmensamente de algo que mal tivemos tempo para ler completamente.

#Activismo e resistencia#Blogoleira

05/07/2011 by marioregueira

Os traumas e as cadeiras

As institucións e as asociacións tamén crean a súa personalidade. Por máis estendidas no tempo que sexan, sempre manteñen un fío de actitude interna que vai pasando de xeración en xeración das persoas que as forman, moito máis se esas persoas teñen que ser elixidas ou moderadas no seu ingreso polas precedentes. A Real Academia Galega tamén ten a súa personalidade, os seus vicios propios, e os seus peculiares tributos a render, a súa dinámica interna marcada tristemente pola historia.

A precaución, o medo e o respecto” son propias dunha institución que viviu baixo o peso do franquismo (nunca foi prohibida explicitamente) facendo cesións tan dolorosas como a de ter que limitar o emprego do galego en parte dos seus actos públicos ou conceder unha cadeira honorífica ao verdugo principal da lingua que pretendían defender. Dentro diso están tamén as estratexias do supervivente: a obrigada moderación política dos seus membros durante os anos da ditadura e tamén unha longa transición (1977-1997) a mans dunha persoa que non destacou precisamente polas súas ideas progresistas (o “secuestrador” García-Sabell). Ao mesmo tempo, a dependencia do financiamento público baixo gobernos autonómicos adversos moderou aínda máis a súa capacidade de acción e a posibilidade de desenvolver un labor crítico verdadeiro. Non cabe dúbida de que a personalidade da Real Academia Galega está chea de traumas, e aínda que os traumas sempre explican algunhas cousas, moi poucas veces conseguen xustificalas. Cun independentista de esquerdas á fronte e persoas tan pouco sospeitosas de conivencia coa ideoloxía patriarcal como Xohana Torres, Manuel Rivas ou Margarita Ledo, a R.A.G. non pode escusar durante máis tempo as débedas que ten coa sociedade galega, nin seguir enleada nunha atmosfera que fala máis dos medos doutras épocas que da afouteza que esixen os novos tempos.

Na miña opinión, as leis que fomentan a igualdade son absolutamente necesarias, pero moitas veces representan tamén unha proba en contra no xuízo que os tempos farán sobre a nosa época. Porque se a comezos do século XXI era necesario lexislar para que as mulleres e as minorías tivesen garantida a súa representación en institucións culturais ou políticas é porque grandes capas da sociedade estaban a naufragar na consecución dunha distribución xusta e respectuosa. Non querería ver sumado aos vellos traumas da Academia o de pertencer a esa parte do tecido social que se opuxo ou obstaculizou a normalización do papel das mulleres, aínda que chegado o caso, non me importaría que esta pregunta no aire, tivese algún tipo de consecuencia.

A pelota, xunto con moitas outras pelotas, segue no tellado da Academia, mentres tanto, a música segue soando, e con ela o xogo das cadeiras.

#Activismo e resistencia#Feminismo#Galiza#Lingua

01/07/2011 by marioregueira

As culpas

Non direi que non consuman produtos galegos. Consuman produtos galegos. Merquen libros e banda deseñada, vaian ao pouco cinema que as salas proxectan na nosa lingua, se queren subscribirse a un xornal, subscríbanse a un xornal en galego, vaian a concertos de música galega e en galego, acudan ao teatro. Mesmo máis aló do estritamente cultural, acudan aos mercados de abastos, busquen produtos da nosa terra e daqueles escollan os que teñan etiquetaxe na nosa lingua, non volvan a locais que non teñan a carta polo menos tamén na nosa lingua e tenten probar naqueles outros que ademais teñen un compromiso firme cos produtos do noso país e cos pequenos produtores. Agasallen algunha desas moitas opcións, moi especialmente  ás crianzas, que no medio do maremagnum Disney lembrarán sempre a sorpresa das historias que chegan nunha lingua distinta, unha lingua rebelde e máxica onde todo parece posíbel.

Porén non direi só que consuman. Descarguen música, fotocopien, escaneen, pirateen, se son persoas afoutas rouben libros nas grandes superficies, descarguen filmes e series, cóense nos concertos, lean a prensa na rede, espolien as bibliotecas públicas e espolien as bibliotecas dos amigos, aproveiten os espectáculos gratuítos ou que só custan o prezo dunha consumición. Empápense de cultura, critíquena, desprecen os seus produtos cativos e emociónense cos brillantes, porque iso é basicamente para o que valen todas as culturas do mundo, para estabelecer un diálogo intemporal. Nunca un estanque, sempre un caudal, cos seus remuíños e os seus remansos, coas súas augas podres e aquelas outras ateigadas de peixes.

E non direi só que merquen, porque as novas tristes destes días levaron en demasiadas ocasións a responsabilizar aos interesados na cultura e na supervivencia da lingua, a caer no remuíño da lóxica neoliberal segundo a cal para que unha cultura (sen estado) exista debe ser rendíbel economicamente. Mentres os grandes medios do país recibiron axudas (non poucas veces no nome da normalización lingüística), os pequenos proxectos coherentes coa lingua teñen que explicar a súa supervivencia no medio da xungla do mercado. Cando grande parte das industrias do país están subvencionadas, as empresas culturais galegas teñen que sobrevivir co posto ou afrontar unha extinción que se xustifica na súa baixa rendibilidade comercial, non demasiado diferente á doutras empresas que seguen adiante.

Caer na trampa de asumir a nosa responsabilidade persoal implica asumir a lóxica perversa das cousas, unha lóxica que nos levan suxerindo dende hai anos e que é, en realidade, unha das grandes falacias da relación entre a cultura galega e a imposición castelá. Naturalmente que sempre debemos estar ao lado da nosa cultura, pero o peso económico do mantemento de moitos dos seus proxectos non é unicamente responsabilidade nosa. Existe unha responsabilidade estrutural de todos os gobernos en manter determinados sectores de interese público. Se no Estado español fechase o último xornal diario en castelán, o goberno inxectaría cartos para evitalo. Algo semellante acontecería se o cinema en castelán tivese anos en branco ou anos cun par de filmes. Se o castelán perdese un grande número de falantes en favor do inglés, por exemplo, a campaña gobernamental para impedilo sería brutal. O interese en manter este tipo de campos non é só moral ou gratuíto, aparece recollido en distintos puntos do aparello lexislativo. No caso galego tamén, polo que a desidia do mal goberno que nos asombra non é só unha incompetencia e unha mostra de ignorancia, senón un abandono neglixente dos deberes que lle son propios.

E si, insisto, compren produtos galegos, apoien os proxectos propios e fagan por que a nosa cultura floreza e medre comercialmente. Porén, a próxima vez que feche un xornal, unha editora, unha sala de teatro ou un festival de música, non caian no xogo das culpas doadas nin cedan á lóxica perversa do capitalismo imperialista. Non lles corresponde aos nosos soldos de obreir@s e precari@s soster todo o edificio enorme da nosa cultura. Ou si, pero a través dos impostos que hoxe, en función da xestión deste goberno, van para cabeceiras que se expresan nunha lingua estranxeira, para grupos musicais formados en Madrid ou para asociacións que defenden un apartheid lingüístico demencial.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

28/06/2011 by marioregueira

O último xornal en galego

Nunca pensei que tería que falar de Galicia Hoxe desde a nostalxia ou o epitafio. O medio, que poderiamos inscribir na xa longa tradición do xornalismo compostelán ligado á vida cultural universitaria e a defensa do galego, parecía feito, por unha vez, para ficar. Porén, como pasou nos anos cincuenta co Suplemento del sábado de La Noche, as propostas de raíz galega que ademais xogan a visibilizar novos valores son molestas. Naquel momento foron as autoridades franquistas, hoxe son eses novos disfraces do fascismo feitos con retallos das telas da economía, as crises e o libre mercado. Persoalmente perdo con Galicia Hoxe o medio no que apareceron as miñas primeiras colaboracións literarias cunha certa difusión, un foro onde se contaba ocasionalmente coa miña voz e onde os meus libros atoparon un oco lonxe da superficialidade doutros medios. Perdo tamén a doce sorpresa de atopar os meus versos no xornal da mañá durante o café. Isto último, tal e como están as cousas, dubido que volva experimentalo nunca máis.

Porén, a sociedade perde moito máis. Probabelmente, algo que a expresión “último xornal diario escrito integramente en galego” nin sequera consegue captar en todo o seu dramatismo. Somos, unha vez máis, Mohicania, o país das últimas cousas, as testemuñas do final do espolio. E dende esa perspectiva é moi complicado superar a barreira anímica que permita asentar novos proxectos ou buscar perspectivas para conservar os vellos. Ás veces, nin sequera é doado analizar a perda dende ese punto de vista.

Nas horas que seguiron ao anuncio do feche do xornal sucedéronse moitas reaccións, e non poucas delas situaron a responsabilidade no conxunto da sociedade, moi concretamente daquela grande parte da sociedade preocupada polo devir da lingua. Seguramente non é o momento para falar en contra do voluntarismo, porén si que deberamos matizar que o voluntarismo non pode ser un camiño, senón un punto de partida. Con isto quero dicir que a solución de que todos merquemos militantemente todo proxecto baseado na lingua nunca pasará de ser unha solución momentánea, un medio para un fin que non pode eternizarse. Máis que da desidia da sociedade galega, da crise do xornalismo en papel ou da crise económica, Galicia Hoxe cae como produto de dous factores:

O primeiro, unha política lingüística nefasta que se asenta no “deixar morrer” a cultura galega e recorta algunhas subvencións, mentres mantén intactas outras. A segunda, o feito de ser desde sempre, un produto secundario posto ao servizo da estrela económica do seu grupo empresarial. E deste papel secundario, da imposibilidade de convertelo nun medio competitivo, precisamente para evitar a competencia co seu irmán editorial, responde grande parte do problema. Como moita xente preguntou estes días, habería que pensar se o outro xornal do grupo vai seguir saíndo á rúa ou por que os proxectos en galego sempre son apostas secundarias, linguas compartidas noutros medios, compromisos que cobren expediente pero polos que ninguén se vai sacrificar realmente, polo menos dende a perspectiva empresarial e institucional. Mentres ese voluntarismo dos grandes continúe fallando, todo o voluntarismo individual será un simple parche, por máis que, por desgraza, siga sendo un parche necesario.

A xente que traballou nestes anos no Galicia Hoxe fixo un traballo admirábel en máis dun sentido, moi especialmente no tratamento dos temas culturais. Tamén hai que afagarlles a valentía de falar na defensa da Galiza e da lingua cando foi necesario e manter unha liña crítica da que abdicaron a maior parte dos outros medios. Por desgraza, unha vez máis, son méritos que se entregan como as medallas aos soldados caidos: en man e no medio dun funeral, mentres nos preguntamos a onde poderían chegar as nosas coraxosas tropas se fosen mellor equipadas, se non fosen deixadas á valga entre as liñas inimigas e tivesen unha boa retagarda que mirase delas. Como di hoxe Caetano Díaz “Só lle tiñamos medo a que nos caese o ceo enriba”. Por desgraza, ese tipo de xente destemida é a que sempre precisou este país, o único país no que o ceo cae unha e outra vez sobre as testas das persoas que se atreven a erguelas.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza#Lingua

03/03/2011 by marioregueira

Os gobernos

…e os gobernos están sempre en todo caso e en todo país e forma de Estado interesados en que a súa sociedade non sexa ilustrada, porque a ilustración da sociedade significaría a aniquilación dos gobernos.

Thomas Bernhard en Relatos autobiográficos, máis de actualidade que nunca.

#Activismo e resistencia#Epigramas

28/02/2011 by marioregueira

A bandeira occitana da Galiza

As historias dos pobos nunca son comparábeis, nin sequera as daqueles que sufriron opresións similares e trataron de desenvolver unha certa noción de resistencia. A aprendizaxe é difícil, os contextos culturais nunca son equiparábeis e as experiencias adoitan ser personalísimas e pouco doadas de transportar entre ambos contextos. Se nuns lugares funcionaron as Ikastolas e as Diwan, outros enfróntanse a tremendas suspicacias perante calquera iniciativa de ensino que non sexa completamente pública. Se uns envexamos o tecido social e a impregnación conseguida a distintos niveis da sociedade e dos partidos políticos, outros envexan en nós a fortaleza do movemento sindical e a noción de clase que tiveron sempre as nosas reivindicacións.

Nunca poderemos crear unha historia paralela entre Occitania e a Galiza. Durante o finais dos sesenta o movemento occitanista comezou a súa grande ascensión. Contan que naquel momento algúns dos rapaces do maio francés consideraban moi chic a causa occitana, e comparábana sen rubor co Vietnam, vencellándoa á roda das nacións que loitaban contra o imperialismo nun proceso de descolonización. Occitania como unha colonia que debera ser liberada. Nós, naquela altura estabamos nacendo e intentando sobrevivir ás noites de pedra, e aínda que Novoneyra xa andaba a murmurar aquilo de Irmandiños de Galicia Vietcong, a situación era completamente distinta ao movemento e rede social que tecían os occitanos, coa esquerda do estado sorríndolles, aínda que nunca demasiado ou nunca disposta a pasar do xesto amable ao compromiso decidido.

As historias dos pobos son complexas e a miúdo é inxusto comparalas. A situación das nacións oprimidas polo Estado francés pode parecer, por momentos, moitísimo máis grave que a nosa. Occitania non é nada, nin sequera unha provincia mutilada. Non hai ningún estatus xurídico, só unhas isoglosas cada día máis diluídas e un símbolo que se mantén nos escudos das cidades e nas bandeiras dun movemento social que hoxe é unha pálida sombra do que foi, ou do que puido chegar a ser. O idioma occitano só ten recoñecemento legal no Estado español (promovido polo goberno catalán no pequeno val de Arán) e a súa saúde cambalea e ameaza a desaparición nunhas cantas xeracións. Podemos dicir que a aposta do occitanismo e a súa corrente inicial de simpatía fracasou ou está fracasando. Reducidos á marxinalidade, cos seus grupos políticos perdidos nunha miríada de secesións e disensións internas, incapaces de artellar unha rede social sólida para o movemento, os occitanistas enfrontan dende hai xa varios anos un dos momentos máis difíciles da súa historia.

Hoxe por hoxe, e aínda que as historias dos pobos nunca son comparábeis, non deixo de ter deja-vus occitanos cada vez que vexo os pasos dos galeguismo nos últimos anos. E aínda que moi lonxe aínda dese momento, vibra o temor de que isto non sexa unha crise momentánea, senón o principio da derrota social definitiva, o temor de que o camiño que, salvo honrosas excepcións, parece conducirnos cara ao abismo, nos afaste cada vez máis da sociedade e nos deixe reducidos a enxames de asociacións para as que a simple existencia de Galiza como cultura sexa un obxectivo inacadábel.

A primeira vez que vin unha bandeira occitana levada por occitanistas pareceume que estaba a ver un unicornio, un ser mitolóxico que só coñecera por descricións pouco precisas. Oxalá nunca vexamos os nosos símbolos nese estado de excepcionalidade e o mal momento sexa só iso, un mal momento que serve de proba para o tesón co que temos que seguir traballando.

#Activismo e resistencia#Galiza

02/02/2011 by marioregueira

O día d@s que perderon a terra


Hai moitos anos escoitei nun documental sobre o movemento Sem-Terra, que a súa militancia lle tiña unha grande devoción a Iemanjá. Negada a terra ficaba só encomendar a sorte á señora dos mares. Dentro da riqueza do panteón afro-brasileiro, a figura da dona das augas tenme engaiolado dende a infancia, probabelmente porque no arsenal de música brasileira dos meus pais non eran poucas as cancións que protagonizaba. Tamén, porque nun particular sincretismo persoal non podía deixar de relacionala coa Virxe do Carme e as cerimonias de flores no mar que tantas veces acompañei na miña infancia. Aínda así, aprofundando un pouco na súa historia pódese ver que parte da deusa ocultaron os afrodescendentes americanos na figura dunha virxe católica. Ao contrario que a configuración da muller que esconde a tradición cristiá, limitada á pasividade e á maternidade, a orisha africana é unha potencia violenta e teimuda, moitas veces vingativa e cun grande poder que hai que aprender a respectar. No nome dos que día a día perdemos a terra, as miñas arroutadas pagás e as miñas lembranzas da infancia pídenlle a Iemanjá unha onda que asolague o mal goberno e encha de marés vivas un país que nunca as precisou tanto. A dous de febreiro, salve raíña!

E por suposto, o 2 de febreiro é un día tan bo como calquera outro para retomar un blogue que perdeu o ritmo entre vacacións, enfermidades, viaxes e partidos internacionais de billarda.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Mitoloxías

16/12/2010 by marioregueira

Os penaltys de Djukic


Pareceume ben este artigo en castelán de Xosé Manuel Pereiro, aínda que como na filmografía de Tim Burton, hai que dicir que primeiro ben, pero despois mal. A parte que está ben é unha análise medianamente boa da situación lingüística e a explicación subxectiva de por que determinadas persoas respectábeis da nosa cultura deciden compoñer e asinar un documento manifestamente entreguista. A parte que remata mal é a eterna análise que se leva facendo dende hai case dous anos sobre a derrota electoral e a lexitimidade e representatividade social dos grupos “refractarios”.

Non é verdade, ou non é toda a verdade, que a perda de votos estivese directamente relacionada coa política lingüística. Seguir dando por certo que houbo un éxito en defender “que a terra é plana e o galego de impón” non fai máis que seguir marcando puntos nunha vitoria das minorías antigalegas que foi de sempre moito máis mediática que electoral. As asociacións de defensa da libertinaxe lingüística existían previamente ao goberno do bipartito o seu ruxe ruxe era máis ou menos o mesmo, sinxelamente non tiñan a utilidade que certos medios e certos partidos quixeron darlle nese momento histórico, é dicir, non tiñan altofalantes nin campañas publicitarias, probabelmente porque o seu discurso nos anos do PP era igual de crítico con aquel goberno do que foi co bipartito.

En segundo lugar, é verdade que é un momento de reformular a estratexia, pero como dicía o outro, que terceira vía habemos de probar sen non probamos aínda a segunda? Que terceiras alternativas queremos nun país onde se leva facendo a mesma política lingüística timorata e servil nos últimos trinta anos? Porque a política lingüística do bipartito pode xogar a buscar as sete diferenzas cos produtos lexislativos do fraguismo, pero nunca poderá presumir de que marcou unha verdadeira mudanza tal e como si a marcaron no seu momento os gobernos nacionalistas basco e catalán. En todo caso a diferenza marcouna politicamente o BNG cun electorado que agardaba moito máis dese día soñado longamente no que o seu partido rozase cos dedos o poder autonómico. Facer outra lectura é confirmar o mito de que o bipartito impuxo a lingua e bos cidadáns castelanfalantes se revolveron ante tal atrevemento. E confirmar a vitoria xornalística, e seguir traballando de altofalante para outros que nin sequera pagan.

Sempre me referín ao goberno do bipartito como o penalty de Djukic do nacionalismo. É dicir, o momento no que un equipo afeito aos campos de lama e a traballar duramente se atopa cun inimigo descoñecido ao que non sabe como domear: a presión dun final de liga. O que é dramático é non decatarse dese erro e seguir incidindo en que a actitude correcta é avanzar con medo e tirar sen forza e telegrafando a dirección, seguir tirando penaltys de Djukic cando xa nin sequera tes a presión de estar a xogarte unha liga. Os problemas que a Generalitat tivo coas leis do catalán no ámbito educativo, ou as revoltas de funcionarios vascos ante a política lingüística que se fixo co euskera foron verdadeiras batallas que nin sequera marcaron especialmente o ritmo electoral deses países nin provocaron un só paso atrás nos colectivos que defendían a lingua propia. Non temos o mesmo panorama político, pero en troques si que temos a única lingua autonómica do Estado que ten máis falantes no seu territorio que o castelán. A única lingua autonómica que segue a ser, tras 500 anos de imposición do castelán, lingua maioritaria na súa comunidade. En caída libre, pero témola, e o único que precisamos é dunha vez unha política decidida de esixibilidade e normalización como a que tiveron as outras. Se cadra sexa hora de exportar o bilingüismo restitutivo a outros territorios que o precisan máis e importar para aquí parte da súa decisión e da súa autoestima. Ou o seu xeito de gañar ligas no último minuto do último partido cando todo parece en contra.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua

04/12/2010 by marioregueira

A invención da pólvora

A primeira crítica é que non é o momento, porén é unha crítica que non é nova, nunca é o momento para dividir forzas, e por desgraza toda loita asociada a lingua galega (e non só) nace eivada pola propia defensa que farán os representantes de ambas normativas e a súa política xeral de non recoñecerse na súa mutua existencia. O último que precisamos son novas polémicas que desgasten a xa minguada noción de unidade, en calquera sentido. Hai plataformas que poden discutir propostas cunha noción democrática maior que a que opoñen unha ducia de firmas, por moi vistosas que sexan. Calquera destas organizacións (e xa son demasiadas) ten centos, miles, de adhesións e persoas asociadas que teñen unha idea sobre a lingua coa que se debera contar antes de fomentar un debate baldío, entre elas as doutros reputados lingüistas que, digo eu, terán algo que dicir.

A segunda crítica é de repeticións. Sospeito que ninguén, e digo ninguén, cre nun futuro inmediato no que o noso país non sexa bilingüe, e creo que todas as persoas interesadas no devir do galego asumen que a súa recuperación pasa necesariamente por un estadio no que os falantes de castelán (os únicos monolingües) entendan a riqueza que o galego lles brinda e asuman ese “bilingüismo restitutivo”. Como persoa que pasou entre hispanofalante monolingüe e falante bilingüe un período relativamente longo da súa vida, podo afirmar que nunca se me desprezou nin se me considerou cidadán de segunda, ao contrario, sempre atopei persoas galegofalantes abertas e animadas, pacientes coas miñas grallas e extremadamente agarimosas e motivadoras respecto do cambio lingüístico, por máis radicalizadas politicamente que estivesen. E conseguírono. De feito, coñezo moitas persoas neofalantes e outras que decidiron non ser neofalantes que estiveron expostas tamén a todo isto, e ningunha delas se sentiu nunca prexudicada polas políticas de promoción do galego. Sería absurdo, se son de promoción non o son de imposición, máis que nada porque é legalmente imposíbel impoñer o galego. De feito, a primeira vez que escoitei tal cousa foi hai un par de anos da man de minúsculas organizacións extremistas que promulgaban o apartheid lingüístico, nunca agardaría ver tanto eco en ideas tan minoritarias. Unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade. Iso xa o sabiamos, o que non esperabamos era ver a algúns repetíndoas.

A terceira crítica é a medida dos soños. Porque ninguén ten dereito a marcar os nosos obxectivos políticos. Que o estadio do bilingüismo restitutivo sexa definitivo ou evolúa depende da vontade da sociedade galega, ninguén ten dereito a marcalo como unha meta inmóbil. Se despois diso camiñamos cara o monolingüismo será a sociedade a que o decida, hoxe por hoxe, tanto tanto ese estadio como o seguinte son simples proxectos políticos. E se algo non soporto é que alguén que ten un proxecto político irrealizado veña a dicir que o dos demais é irrealizábel.

A cuarta crítica é de lendas urbanas. Non atopo nos soños históricos do nacionalismo unha idealización das sociedades monolingües, e sospeito que é unha lenda urbana. En realidade, a maioría das figuras do nacionalismo histórico defenderon sempre, dende Castelao aos nosos días, a hexemonía social da lingua galega, cousa ben distinta do que representa a idea política dunha sociedade monolingüe. Esa falsa idea da radicalización nacionalista e da prohibición da outra lingua é outro mito extremista que algúns repiten non se sabe moi ben por que.

A quinta crítica é de tradición política. Para lograr a paz lingüística, dende unha perspectiva realista, hai dous camiños: o exterminio do galego ou que o galego consiga un respaldo legal aplicábel que cando menos o equipare ao castelán en dereitos e obrigas. O resto é como se o prisioneiro discutise coa patrulla do campo de concentración como se van repartir a cesta de Nadal. Non pode haber convivencia sen igualdade, iso para comezar. E iso hai que explicalo na Galiza e discutilo fóra da Galiza, cun estado que por certo ten unha tradición política respecto das linguas e da alteridade cultural que nos pode explicar Moreno Cabrera calquera tarde que teña libre. É outro xeito de dicir que a paz lingüística a medio e longo prazo se gaña, e gáñase nas rúas e nas urnas (venceremos nós).

A sexta crítica é o descubrimento de América. Non esta mal que no ano 2010 haxa xente que veña a decatarse de que o galego pode ser unha ponte cara á lusofonía, en fin, mellor tarde que nunca, eu boteino de menos cando Estremadura se levou as aulas de portugués, os fondos europeos e o papel de portavoz “natural” do Estado español con Portugal. Tamén agardo que  esa concesión teña algún peso para forzar un reencontro con parte da masa social que leva anos deixándose a pel en defensa do galego, por máis matices que teña o xeito ou a forma na que o defendan e o escriban. Porque, sinceramente, da lusofonía (ou galegofonía) interésame máis un entendemento con eles que con Brasil e Portugal (cos que penso que nunca tivemos ningún problema para entendernos).

E en definitiva, a crítica xeral é a da invención da pólvora. Solucións obvias para vellos problemas co agravante de que se repiten parte dos discursos malintencionados e minoritarios que se fixeron nos últimos anos sobre a lingua. Un gasto de esforzos propios e alleos que queima un pouco máis aos que estamos interesados polo devir da lingua galega e continua a dividir o que deberá ser un único clamor de defensa nestes tempos difíciles. Por sorte hai persoas que seguirán traballando coas ideas claras, e por sorte sei que esas son a maioría.

(Se non sabes de que vai isto, en Trafegando Ronseis fixeron un resumo moi pavero).

A imaxe está tirada de aquí.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua
1 4 5 6 7 8

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies