10/09/2020 by marioregueira

O carballo e o suicida

Aquel era o carballo favorito do meu avó. Lembrábao da infancia e quedáballe diante da casa, acomodándose coa paisaxe. Até o día no que espertou e viu unha sombra estraña na ramaxe. O fillo dos veciños pendurárase del. Era un rapaz nese arco de idade do que falou hoxe A Raíña Vermella. Meu avó fixo o que tiña que facer: avisou á familia e ás autoridades.

Días despois, a nai do rapaz presentouse na porta da casa da miña familia. Pasaban a diario por diante e caíalles a alma aos pés cada vez que vían a árbore. Pediulle ao meu avó que o cortase e el, que sempre foi un bo home, asentiu sen máis. Meu avó xuraba poucas veces, pero estou seguro que esa foi unha delas. Xurar non é insultar, insúltase aos outros, pero xúrase contra divindade, contra o destino, contra a mala sorte que inza o país. Resmungando polo baixo pediu unha motoserra e ese mesmo día deu cabo da árbore que desapareceu para sempre da paisaxe cotiá da familia. Non se podía facer outra cousa.

Non foi o único caso que atopei na vida, sei máis dos que me gustaría de xente no rural que acaba pendurada en carballos ou nos celeiros. Pero a sociedade galega non é só o rural, e na cidade na que pasei a mocidade tamén era relativamente frecuente saber de compañeir@s de instituto que non regresarían máis, de xente que saltaba dos edificios máis altos ou de persoas que camiñaban dentro do mar até que este as levaba. Lonxe do tópico de revólver e tempa, sempre me sorprendeu o cotián que era matarse no meu país e como as reaccións estaban incribelmente adaptadas ao tabú. Fálase o xusto do tema e, alí onde se pode, acaban por borrarse os seus rastros.

Poderíamos falar moito do outro extremo, a romantización dos suicidas que tanto afecta a eidos como a literatura e as artes. Se pensamos que a obra de alguén é mellor ou máis interesante porque se matou, seguramente temos un problema de percepción artística e de xuízo crítico. Porén, por agora, o que afecta ao noso país e a unha parte moi concreta da nosa sociedade é o tabú. Hai percorrido antes de chegar ao suicidio, pasa polos investimentos en saúde e por un enfoque que analice en clave social e antropolóxica o que acontece. Seguir negando que é un problema social galego, continuar a achicar a sanidade pública e desprezar as vertentes que se ocupan da saúde mental e o ánimo das persoas é un camiño que só leva a que este drama invisíbel se enquiste e continúe a medrar nos abondosos silencios do país.

Nunca está ben cortar un carballo, polo menos tratemos de non facelo porque un rapaz decidiu que as súas fortes ramas aguantarían ben do peso do seu pescozo.

#Ciencia e tecnoloxía#Cotidiano#Día Mundial para a Prevención do Suicidio#Saúde mental#Suicidio

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies