14/01/2016 by marioregueira

Os mellores libros (galegos) de 2015

As listas de “mellores” libros son o que son: persoais, incompletas, e forzosamente subxectivas. A pesar diso, a miña decisión de participar nelas vén dada porque creo que algunha utilidade seguen a ter, aínda que sexa para axudar a outras persoas a escoller un libro ou a non escollelo en absoluto. O primeiro que deberamos aclarar é que, por sorte, é imposíbel ler toda a produción anual en lingua galega. E eu non o fixen, pero si que é certo que, mesmo nun ano con tan pouco tempo para a lectura recreativa como foi este 2015, dei conta dunha parte importante dela. E dos libros que lin eu destacaría tres. Se cadra os mellores. Se cadra non. Se tedes que ler só tres libros editados en 2015, eu recomendaría que lerades estes. E se tiverades que levar tres libros a unha illa deserta… Eu recomendaríavos que non levedes libros a unha illa deserta. Levade unha cana de pescar. Ou unha zodiac para poder volver.

Detalle da portada de Cabalos e lobos

Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo (Edicións Xerais).

Non só a que considero a mellor novela deste ano, senón tamén unha das máis destacadas do último lustro da literatura galega. Cunha ambientación viguesa que supera a vigo-exploitation que comeza a campar nas nosas letras e rescata as verdadeiras entrañas da cidade, a súa memoria obreira e combatente, a súas historias privadas, ás veces tan importantes como esa historia colectiva, ou polo menos así consegue o autor que as vexamos. Unha obra cun inicio espectacular e un ritmo absolutamente envexábel que consegue mergullarnos nunha historia na que o paso das guerras e da represión franquista enmascara un pasado familiar que iremos descubrindo pouco a pouco.

Seique, de Susana Sánchez Arins (Através)

Confeso que cada vez me custa máis entusiasmarme coa poesía. E pode que o mellor exemplo sexa que de todos os libros do xénero escolla Seique, que non é poesía, aínda que tampouco é exactamente narrativa breve e definitivamente non é narrativa longa. Finxamos que é poesía por estar escrito por unha poeta ou porque as cousas que non sabemos cualificar nesa fluencia dos xéneros literarios son case sempre poesía. Seique aborda as cuestións da memoria e do legado da guerra civil española dunha forma completamente innovadora para a literatura galega. Tomando como punto de partida a participación dun dos seus familiares na represión franquista, a autora consegue evocar esa complexa posición e falar da dificultade de construír narrativas sobre o trauma e da relación entre a violencia intra-familiar e a violencia política, se cadra dúas caras da mesma moeda.

Marxes e centros

Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural, de Antón Figueroa (Laiovento).

Un amigo dicíame hai pouco que, se eu era bourdieano, era por ser previamente, e de forma moito máis intensa, figueroano. Ten parte de razón e nunca neguei que Antón Figueroa foi un dos mestres máis excepcionais que tiven a fortuna de atopar na miña traxectoria académica. Este libro recompila unha parte importante dos seus artigos dos últimos anos, a maior parte deles referidos coherentemente a unha perspectiva sociolóxica sobre o desenvolvemento das culturas, e especificamente de culturas periféricas ou subalternas como a galega. Porén, o volume tamén é interesante por contar cunha entrevista final realizada polos editores ao autor e que, polas poucas veces que Figueroa ten falado de si mesmo nestes anos, resulta unha alfaia que axuda tamén a coñecer mellor unha das mentes máis preclaras que teñen dado os estudos literarios galegos.

#2015#Antón Figueroa#Através#ensaio#Fran P. Lorenzo#Laiovento#Libros#Literatura#narrativa#poesía#Susana Sánchez Arins#Xerais

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies