13/03/2013 by marioregueira

Entrevista en Criticalia

Saíron esta mañá as miñas respostas ao cuestionario que Armando Requeixo pasa a distintos creadores da literatura galega, unha forma de medir o pulso á nosa cultura que xa ten a súa historia detrás e que seguramente terá aínda moita máis por diante. Sen dúbida a lectura destes Parlamentos das Letras será aínda máis interesante en perspectiva, na comparativa, ou dentro duns anos, que é cando a min me ten graza ler as entrevistas. De momento esta é a miña visión, o pulso acelerado do tempo que vivimos, e por aí andan as lecturas que me seguen acompañando, a perspectiva sobre a miña propia obra e, como non podía ser doutro xeito, tamén o meu punto de vista sobre a cultura galega e o que están facendo e desfacendo con ela.

#Creación#Crítica#Edición#Entrevistas#Galiza#Literatura

02/03/2013 by marioregueira

Libros e aniversarios

Segundo souben hai un par de semanas as dúas obras que publiquei durante o ano 2012 figuran como finalistas dos premios Ánxel Casal, un agasallo anticipado e inesperado deste aniversario que celebro hoxe. Por máis que ser finalista non implique nada de por si, a calidade das obras que me acompañan en cada categoría fai que considere o feito xa como un pequeno premio.

2012 foi un ano atípico e difícil na miña vida, tamén un período complexo na tortuosa historia deste país. No medio dunha edición galega en retroceso e no fragor dos ataques contra a nosa lingua, o azar e os caprichos dos ritmos editoriais permitíronme dar ao público dúas obras, algunha delas a que eu considero a mellor da miña traxectoria. E por causas da vida, a ningunha delas puiden prestarlle toda a atención que pretendía e que sen dúbida merecían.

No caixón dos proxectos que houbo que aparcar queda o blogue de Outono aquí, un paseo polas súas músicas e polas mil referencias que o inzan e tamén un percorrido de paisaxes polas pequenas historias que garda como sementes. Do outro lado, tamén quedaron no aire a maior parte de presentacións e recitais que tiña pensado para O silencio. Aínda así, atopalas, contra todo prognóstico, entre as finalistas dos Premios da Edición, así como estar a corrixir a edición castelá dunha delas, faime ver até que punto podían ambas valerse por si soas e seguir a darme sorpresas. E de certo que esta non será a última.

Dicíanme algunhas persoas que ao longo da trintena virían crises, outras que as cousas brillarían cunha certeza inédita. Ao borde da metade do camiño seguimos agardando por calquera das dúas cousas, e o único que resulta inevitábel e pensar en nós mesmos hai unha década, agardando impacientes que unha editora nos respondese sobre a nosa primeira obra e que o noso pobo se espreguizase contra o mal goberno que o atenazaba. Co tempo pasado, polo menos deixamos de agardar por unha das dúas cousas.

#Cotidiano#Creación#Edición#Literatura

25/06/2010 by marioregueira

Do público

Non debera sorprendernos, despois de todo habitamos tempos escuros e difíciles, pero nos últimos meses estivemos asistindo á usurpación de determinados espazos públicos, que pasaron a maos privadas. Un deles foi o simbólico Bonaval, co seu panteón de galegos ilustres, fechado ao público pola caprichosa vontade das xerarquías eclesiásticas, e que formula un problema que moitos temiamos aínda que nunca pensamos que ninguén puidese atreverse a tanto. O segundo, aínda que non o último, é o caso do Poleiro de Celanova, un mosteiro que até hai pouco era empregado como centro educativo e que vai ser posto en maos privadas sen ningún tipo de miramentos. Curiosa política a que considera que un hotel é máis importante que a educación das crianzas, ou que entrega o orgullo dunha vila ás maos dos empresarios.

Lembro inevitábelmente nestas semanas que seguen á morte de Saramago o seu Memorial do Convento, e a idea suxacente de que as obras do pobo deben ficar nas súas maos, con independencia de quen as financiase no seu momento. Esas pedras, as de Bonaval e as de Celanova, postas a través do traballo forzado, escravo e/ou mal pagado de moitas persoas que nos antecederon nesta terra e que nos dan o herdo de poder reclamalas, e o dereito de devolverlles así a toda esa masa anónima o protagonismo que outros menos esforzados e capaces lles arrebataron durante séculos.

Mañá á tarde presentan en Celanova un libro no que medio cento de autores reivindicamos o uso público do mosteiro. Nunca sei en que medida poden contribuír este tipo de cousas para mudar unha situación inxusta. Polo menos agardo a que axude a deixar constancia da infamia, a escribir pequenos trazos desa historia que algún día, como a outra, teremos que recuperar. E se cadra, o acto de despois poida ser un paso máis decisivo cara a iso.

#Activismo e resistencia#Creación#Literatura

04/06/2010 by marioregueira

Consternados, rabiosos

A maior parte dos camaradas coincidiamos sempre en que Benedetti fora un dos nosos poetas da adolescencia, pero moi poucos podiamos dar razón de por que xa non representaba unha referencia válida, alí onde outras voces seguiran acompañándonos. Eu non o sabía entón como o sei agora, pero supoño que a poesía de Benedetti, que se fixo popular por ser cotiá, comprometida e sen artificios, defínese a si mesma en moitísimas ocasións. Consternados, rabiosos, o poema que escribiu a noite que soubo da morte do Che fala claramente diso, da vergoña do poeta que non consegue emular os heroes aos que canta “dá vergoña o confort, e a asma, dá vergoña”.

O meu afastamento da poesía social, á que me acheguei nalgún dos meus primeiros balbuceos adolescentes, foi un afastamento do seu propio relato como xénero literario. O prototipo do home (xeralmente home) que no mellor dos casos vive apousentado na figura do intelectual, e no pior procede e goza do estatus da alta burguesía e que se dedica a facer versos doados para os obreiros sen cultura, e a cantar os seus amores e as súas terríbeis contradicións. Benedetti expresouno perfectamente. Dá vergoña ter fame e comer. Manuel Antonio tamén: é absurdo cantar a inxustiza da escravitude mentres non nos deixemos a vida pola chegada da liberdade. O relato da poesía social que puido ter validez nalgúns poucos casos no albor da súa propia historia perdeuna definitivamente nos nosos tempos, a figura do bardo que guía ao pobo ao combate é unha figura eminentemente aristocrática. E de aristocracias xa vamos cheos.

Consternados, rabiosos, son ecos que me viñeron á mente estes días ao saber a infamia cometida contra a frota da liberdade. Os tempos mudaron e os heroe caido xa non é un guerrilleiro referencial, son 9 ou 19 persoas anónimas e desarmadas que terán que soportar as inxurias de catro conspiranoicos dicindo que en realidade transportaban armas para a insurxencia. E non caeron na selva dun estado dictatorial, senón nun barco que navegaba en augas internacionais. Daría vergoña escribir poemas sobre iso, daría vergoña deixar, como di Benedetti, que a consternación pase a a rabia se faga máis limpa. A rabia é mellor gardala intacta, como a memoria, sacala á rúa, metela en novos barcos, lembrala diante dun código 729, pensar nela cando sexa a hora de votar a quen consinte e colabora, e non esquecer nunca a quen ten que ir dirixida.

O video está tirado do blogue Galiza por Palestina.

#Activismo e resistencia#Creación#Literatura#Palestina

05/05/2010 by marioregueira

Os exploradores volven á casa

Lembro que nas adicatorias do libro de Ronseltz figuraba, entre moitas outras brincadeiras, un “A Suso de Toro, Cabeza de Vaca“. Fose á mantenta ou non, o certo é que un dos papeis nos que este autor teimou sempre en caracterizarse foi o de explorador. Exploración literaria, pero tamén vital, é necesario un certo valor e ser un pouco arroutado para decidirse a facer da escrita profesional un medio de vida. Ás veces tamén se precisa dun estómago forte para aturar a servidumes que esta dependencia económica pode chegar a producir. Hai un par de semanas o explorador dixo basta, as súas razóns están sobradamente explicadas aquí, aínda que supoño que moitas outras se foron engadindo polo camiño e cada quen lle dará a súa propia interpretación. A situación de Suso non é importante só polo que atinxe a un dos autores cunha traxectoria máis sólida da nosa cultura, é tamén unha forma de tomar o pulso á nosa literatura e ver que vitorias e derrotas, que perspectiva de futuro ou falta del nos agarda para os vindeiros anos. Das explicacións de Suso chámanme a atención dous focos, o primeiro a decadencia da figura do autor nos nosos tempos, a segunda, as características conxunturais da literatura galega. Creo que son dous campos completamente distintos, e que o segundo e infinitamente máis determinante que o segundo.

Non creo que se poida falar de crise do autor nun momento histórico no que o número de autores aumentou exponencialmente. Alén diso, a minusvaloración relativa de determinadas figuras de autoridade debería ser vista como algo positivo, a capacidade crítica da sociedade é un obxectivo polo que se traballou durante moito tempo e agora existen outros vieiros para que sexa efectiva. Pensar que alguén debe ter autoridade alén da autoridade literaria polo simple feito de ser escritor era unha candidez que xerou e segue xerando moitos monstros mediáticos que hoxe sufrimos. É ben superala e devolver a autoridade ao xuízo persoal da cada quen. Para min hai moitos autores literarios que serán sempre unha referencia clarividente en moitos outros eidos, pola contra hai moitos aos que admiro como escritores que moitas veces desexaría que se centrasen unicamente niso. Non creo nese caos no que xa nada ten valor, creo que as estruturas de valorización son moito máis subxectivas e impugnábeis que antes, algo que me congratula porque implica que, se queremos, somos menos manipulábeis que antes.

Paralelamente a isto existe a perspectiva colonial. O escritor galego é un autor entre dúas terras de ninguén, entre dous fogos cruzados. Nin o Estado español asume a promoción das súas linguas periféricas, nin, no noso caso, a Comunidade Autónoma o fai. Nese sentido a figura do explorador está absolutamente abandonada e volve unha outra vez a ser unha cuestión de simple voluntarismo. E non se conseguiu pouco con ese voluntarismo, porén a sensación é que temos unha cultura enorme e frondosa que segue a ser inexpugnábel para boa parte da nosa sociedade. E con eses presupostos é moi complicado que poidamos ter peso tamén fóra. Un Paul Auster, un Ian McEwan ou unha Zadie Smith son perfectamente posíbeis no noso país, sobran candidat@s, o que faltan son medios. Para conseguir que alguén poida adicarse en exclusiva á titánica tarefa de escribir novelas e para conseguir apoio institucional que permita o investimento de publicalas e publicitalas fóra do noso contexto cultural. Falaba Calveiro da responsabilidade común da sociedade nestas cousas, pero iso non deixa de parecerme apostar de novo polo voluntarismo, que xa digo que é moi importante, pero que non deixa de ser un parche temporal que evidencia unha tremenda carencia de estruturas. A cultura galega non sobrevivirá (só) co bo facer, a conscienciación e as boas intencións da xente, sobrevivirá con medidas que garantan a súa igualdade de oportunidades nun contexto que non deixa de ser unha competición.

E non falo de subvencións no sentido da política que se estivo facendo até o de agora, falo, por exemplo, de apoio á promoción e a publicidade, ou de estruturas e institucións que permitan e fomenten o debate e o coñecemento das obras, mesmo alén das nosas fronteiras. Os autores que contan cun estado que respalda a súa lingua teñen todo iso, aínda que o teñan tan integrado na súa normalidade  que dende fóra poida parecer que decide o mercado ou a excelencia literaria. Pero non é certo, a determinados niveis, na literatura, como na lingua, decide a política, e o maior logro da política é parecer integrada na naturalidade das cousas. A ninguén lle estraña que o cinema español teña presenza nas salas e apoio das institucións, curiosamente tamén non lle estraña a ninguén que practicamente non haxa cinema en galego e que o que hai moitas veces non poida verse nas salas. Os logros da política, esconder a desigualdade tras unha aprente normalidade.

A retirada profesional de Suso representa unha mala noticia, se cadra a punta do iceberg doutras malas noticias que non vemos. A das persoas que renucian xa de entrada a comezar a súa carreira literaria en galego, a dos libros que seguirán sendo xoias escondidas, a dos que pensan que a literatura galega é só Rosalia, a da xente que non atopa cultura popular ou referentes na súa lingua…Os exploradores volven á casa, e a casa, paradoxalmente, segue a ser unha inmensa cidade escondida na que ninguén sabe que vivimos.

#Activismo e resistencia#Creación#Galiza#Lectura#Literatura

15/03/2010 by marioregueira

Lendo 2.0

Se cadra unha das fontes de debate e estudo para o feito literario nas próximas décadas será a nova relación que a literatura estabelece cun formato electrónico tan versátil como os blogues. Deixando de lado a parte de promoción editorial que tan bos exemplos está deixando no país, e tamén o trillado tema dos libros electrónicos como formato, considero do máximo interese a forma na que moitos dos libros dos últimos anos atopan a súa continuidade nun espazo propio da rede. Nunha primeira impresión penso naqueles blogues que sendo un medio de expresión literaria acabaron compoñendo diversos libros físicos con mellor ou pior fortuna ou entendemento por parte das vellas estruturas literarias. Esas formas de creación na rede teñen un grande interese, aí entraría moi especialmente a capacidade do público para intervir na fixación física da obra e tamén a continuidade que o proxecto teña con independencia desa mesma fixación física.

Porén os que máis me veñen interesando nos últimos anos aqueles blogues que se fan con posterioridade ou dunha forma complementaria das obras coas que se relacionan. Interésanme porque até o de agora contemplei unha grande diversidade na orientación que se lles foi dando. Lembro tentativas malogradas de crear un foro de debate sobre as obras, estragadas en parte pola incapacidade dos autores de entender ou manexar o concepto de foro electrónico. Porén, máis que esas anecdóticas tentativas, gostei sempre moito máis daquelas iniciativas que crearon unha certa continuidade narrativa coa obra inicial, que a completaron, ou lle deron lecturas alternativas e imaxes ou citas. Esa perspectiva que se achega tanto á lectura hipertextual e que pode atoparse tamén en ideas como a de Riofero, de Xelís de Toro, aínda que neste caso non se trate dun blogue, senón dun complemento de audio para o libro.

Ultimamente estou gostando moito da idea d’O cabo do mundo. Non me atrevo a dicilo demasiado alto porque aínda non puiden ler o libro, así que vou mirando o blogue de esguello, en lecturas rápidas, de xeito que non teña a oportunidade de estragar o final. ou adiantar parte da trama O repaso das referencias paréceme, con todo, outra perspectiva moi interesante, esclarecedora aínda que teña o evidente perigo de colocar a interpretación do autor nunha posición xerárquica que poida levar por diante a dos lectores. En calquera caso pregúntome que papel lle reserva o futuro a estes textos, que valor dentro da interpretación da obra ou que recoñecemento da súa identidade con esta. Pode ser que sinxelamente caian no esquecemento.

Nas últimas semanas e cun certo retraso acometín a miña propia experiencia ao respecto, un blogue sobre o meu último libro, e que en realidade é un desexo de experimentar esa hipertextualidade moito máis que unha tentativa de promoción. As miñas prevencións sobre o limitador que pode ser que o autor dea unha única interpretación están formuladas na primeira entrada, porén creo que si se pode falar da multitude de referencias que inzan o libro e das condicións que acompañaron á súa creación e xurdimento. Blues da crecente é un libro que dá pé para poder contar centos desas historias internas sen ter que baixar por iso a descifrar os versos, labor que lle corresponde só ás persoas que len e sobre a que ningún académico e ningún autor debería ter máis autoridade que outro lector calquera. Ireino actualizando de vagar e durará até que me casnse ou até que se esgoten as historias. Veremos en que dá a experiencia e se pode predeterminar proxectos similares en futuras obras.

#Blogoleira#Creación#Lectura#Literatura#Teoría

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies