24/06/2016 by marioregueira

A Inglaterra prevalece

Alan Moore imaginou-o a finais dos 80. Um Reino Unido que sobrevive a uma guerra nuclear que acentua o seu isolamento. Um governo fascista e clerical que persegue qualquer forma de dissidência. Conflitos territoriais na Escócia e políticos com sobrenomes galeses entre os dirigentes. V de Vingança, a obra realizada junto a David Lloyd tratava de digerir os quase dez anos de Margaret Thatcher no poder, um dos governos que mais transformou a sociedade das ilhas. Em certo sentido, foi a resposta do mundo da banda desenhada a um trauma longamente contestado pelo punk britânico e outras manifestações culturais.

Os artistas empregam mentiras para contar a verdade. E se calhar a maior verdade que oculta a obra de Moore e Lloyd é que não se trata do reflexo concreto de um momento político, senão de um relato intemporal que pôde demonstrar a sua vigência muitos anos depois. Se calhar depois do resultado das votações que hoje publica a imprensa a distopia do homem com a máscara de Guy Fawkes recupere de novo o seu valor de retrato distorcido de uma sociedade

A União Européia foi, nas últimas décadas, uma das grandes armadilhas para as classes populares. A ela entregamos a nossa soberania popular sem receber nada em troca e desde ela se realizaram políticas tão detestáveis como a realizada com os refugiados sírios. O papel das comunidades nacionais no seu seio ficou praticamente desvanecido ante uma instituição que sempre afirmou estar feita para os estados e não para os povos. Nenhuma crítica sobra a uma macroestrutura política que haveria que derrubar ou transformar em algo completamente irreconhecível.

E porém, não há outra forma de ver o referendo de ontem e o seu resultado que como uma tragédia. Não votam pela saída do Reino Unido as organizações de esquerdas nem as comunidades nacionais, também não os sectores críticos com o que a União Européia representou no que diz respeito a solidariedade e justiça. Os vencedores são os esporeados por discursos racistas e autárquicos, os nostálgicos do império, os que fecharão as suas fronteiras e simplesmente disputarão à União Européia o seu papel na infâmia enquanto seguem mandando tropas a todas as guerras do outro lado do planeta. Os feudos tradicionais da esquerda, os velhos vales mineiros, as regiões de Gales que seguem acreditando na sua identidade nacional, os irlandeses do Ulster e toda a Escócia ao uníssono ficam, mais uma vez, predos num pesadelo que terão que desmontar pouco a pouco. E junto a eles, uma boa parte dos migrantes que estes anos fizeram parte da sua sociedade e que agora mesmo começam a pôr um pé em terra de ninguém. E por muito que a saída seja, possivelmente, amortecida pelo aparato burocrâtico do Estado, a sociedade britânica acaba de mandar uma escura mensagem a uma parte importante da sua cidadania. Tal e como diziam na obra de Moore e Lloyd, Inglaterra, a velha Inglaterra das distopias, prevalece.

#Alan Moore#Banda Deseñada#Brexit#David Lloyd#Escocia#Gales#Inglaterra#Irlanda

16/02/2011 by marioregueira

Batman en Barcelona

A banda deseñada xa ten un par de anos, pero en realidade hai moi pouco que me crucei con ela e non deixou de captar a miña atención. Levar ao cabaleiro escuro dunha cidade gótica a outra parecía un exercicio que merecía atención e sen dúbida podo xulgar que deu un resultado curioso, deses que dan para estudar o cruce de culturas, o imaxinario e os mitos nos que unhas e outras se apoian.

Non entrarei na crítica da banda en si mesma, que polo visto non contentou a todo o mundo. Quero falar do detalle simple e vexilolóxico que ilustra esta entrada. Si, camaradas, Batman non só ten o atrevemento de pasear por Barcelona, non só esconde os seus vehículos baixo a fonte máxica de Montjuic, e non só ten o atrevemento (como Bruce Wayne) de falar en catalán, senón que mesmo chega a empuñar unha senyera para enfrontarse aos seus inimigos.

Dentro da historia, na que introduce mito do San Jordi, Batman transmútase no novo vencedor do dragón, encarnado por Killer Croc. Sérvese para iso dun símbolo omnipresente na cidade. Resulta abraiante, até para quen vai preparado, a omnipresencia dos quatre rius de sang nas cidades catalás. Obviamente non só nas bandeiras oficiais, nin nos símbolos locais inspirados nel, senón moi especialmente nos balcóns e fiestras das casas, e tamén nas pequenas manifestacións do día a día. Non resulta estraño, por tanto que Batman botase man diso, a fin de contas, é bastante doado atopar unha bandeira catalá nun paseo por Barcelona, xa non digamos nunha carreira apresurada e en loita contra o mal. Porén, a unha persoa da Galiza, por desgraza, si que lle resultará estraña a forma de alardear, non só das vistas fermosas da cidade, senón tamén a forma de non esconder a existencia dunha lingua propia e a dun símbolo nacional.

Non entro nos problemas económicos e de contacto que dificultan a existencia dun Batman nalgunha das nosas cidades. Seguramente sexa moi complicado facer saltar ao cabaleiro escuro polas torres da catedral de Compostela, as murallas de Lugo, ou polos edificios de Vigo, A Coruña ou Ourense. A fin de contas, Barcelona tamén é nos últimos anos unha marca comercial e como tal procura publicitarse. Porén, aínda con esa perspectiva en mente, podemos dicir que o camiño cara ao éxito (polo menos nese sentido) pasa por non renegar do que es e non tentar tapar ningún aspecto importante dos que te conforman, ao contrario, tratar de amosalos cun certo orgullo.

Hai un sexto sentido que me di que, a pesar de que poderiamos contar coa correspondente versión da banda deseñada en galego, moi poucos guionistas se atreverían a poñer a Bruce Wayne, un millonario, falando en galego, unha lingua de pobres. E xa non falemos da hipotética aparición dun símbolo nacional que foi extirpado dun deseño tan radical coma este para evitar a súa excesiva “politización”.

Pode parecer ridículo para moitos, pero unha parte importante do noso futuro como cultura pasa pola relación con outras culturas, especialmente en eidos que atinxen á cultura de masas urbana e que requiren un desenvolvemento que aínda estamos lonxe de atinxir. A transmisións dos nosos mitos (como simple literatura) son vitais se queremos ter algo que dicir na enorme pota onde se coce o caldo das culturas. Algo que dicir que exceda o que se lles conta aos turistas as fins de semana, claro. E conste, que abenzoamos moi a miúdo este tipo de guerrilla que nos coloca as cores en lugares insospeitados, pero mesmo así un querería unha presenza máis resolta, un darnos a coñecer aínda nas lendas máis básicas, un certo orgullo de amosar o que somos. Un Jazz Maynard que mude o Raval polo barrio de San Pedro e o pasaporte catalán (sic) polo galego, unha visita de Corto Maltés á Torre de Hercules/Breogán a continuar as Célticas, un Asterix na Galiza, irmandamento cos ártabros e ataque ás murallas de Lugo incluído, ou un Batman pendurado da Berenguela. Cousas que servirían, ademais, para achegar a nosa cultura e o orgullo pola nosa lingua e a nosa identidade ás novas xeracións (aínda que non só).

De feito con panda coma esta (e coma esta, que non estaba o día que fixeron a foto de arriba), só cabería berrar o mítico: Santos morcegos, Batman, acúdenos!

#Banda Deseñada#Galiza

06/09/2010 by marioregueira

Alba de Barcelona

“Os pobos que esquecen a súa Historia están condenados a repetila”, aseguraba o filósofo gringo Santayana.

“Oxalá fose verdade -dicía o meu avó, un mineiro asturiano- a ver se dunha puta vez gañamos a batalla do Ebro”.

.

Do prólogo de Barcelona al alba, banda deseñada de Alfonso Font e Juan Antonio de Blas.

#Activismo e resistencia#Banda Deseñada#Epigramas

01/04/2010 by marioregueira

As mulleres, por fin liberadas

Unha das primeiras medidas do novo poder revolucionario foi a de liberar ás 25.000 mulleres chamadas “reprodutoras” do sinistro centro de natalidade San Salvador. É evidente que na nova sociedade en construción a muller atopará o lugar preponderante ao que ten dereito e que lle foi negado polo fascismo falocrático durante os longos anos nos que a mantivo baixo o seu xugo. Xa podemos anunciar que tres mulleres, polo menos, ocuparán un posto permanente no colexio do poder creado en torno a Alcide NIKOPOL. Este colexio do poder, reforzado por un pequeno grupo de intelectuais que, milagrosamente, escaparon con vida das prisións políticas fascistas, terán por misión definir de maneira xenerosa as novas liñas da nova marcha cara a adiante da sociedade parisiense. (Acción Revolucionaria, 23 de marzo de 2023).

.

Para acompañar estas vacacións relixiosas, un anaco de A feira dos inmortais de Enki Bilal, un relato futurista sobre a relación do ser humano cos deuses, a inmortalidade… e a forma de derrocar o poder nunha Europa neocatólica e neofascista.

#Activismo e resistencia#Banda Deseñada#Cotidiano#Epigramas#Feminismo

18/03/2010 by marioregueira

Miradas

Mirando dentro de min atopei un monstro.

Un monstro que mirando dentro de si atopou un anxo.

Se o anxo mirou dentro de si xa non me atrevín a averigualo.

Micropoema roubado de Mentiras, un libro de Eneko, ao que eu sigo na súa habitual lucidez aqui.

#Banda Deseñada#Epigramas

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies