07/07/2010 by marioregueira

A resistencia como tradición

[:gl]A resistencia como tradición

Mario Regueira

Artigo publicado n’A Trabe de Ouro no. 83, (xullo, agosto, setembro 2010). ISSN: 1130-2674

Inmunda escoria. A universidade franquista e as mobilizacións estudantís en Compostela, 1939-1968.

Ricardo Gurriarán

Edicións Xerais, 2010

Como ben analizara Louis Althusser debuxando liñas sobre a silueta de Marx, as sociedades capitalistas precisan, para sosterse como realidade política e económica, non só dunha estrutura física e comercial que manteña a maquinaria modernizada, lubricada e en marcha, senón tamén dun aparato ideolóxico estatal que perpetúe, a través da formación académica e técnica, a docilidade das masas obreiras, a noción de incontestabilidade do sistema imperante, e axude de paso á clasificación dos individuos segundo as súas capacidades en distintos postos de traballo. Esta configuración do aparato ideolóxico do estado como unha ferramenta da clase dominante, non é porén, sinónimo do éxito desta á hora de controlalo, moi ao contrario, a loita ideolóxica que se dá no interior destas estruturas soborda en moitas ocasións a dinámica xeral do conflito e pode dar pé a longas resistencias e tamén a claudicacións inesperadas.

Se ben a configuración dos aparatos ideolóxicos estatais abarca todo o proceso educativo, cunha especial relevancia das escolas e o ensino medio, non podemos abstraer deste esquema o valor estratéxico das institucións universitarias, nin sequera cando, como no caso que nos ocupa, están predeterminadas económica e politicamente para acoller ás camadas máis favorecidas da sociedade e reservalas para postos de traballo privilexiados. A loita ideolóxica que se desenvolve contra a ditadura franquista no seo da universidade compostelá responde en boa medida a estes principios, se ben conxuga unha grande complexidade interna e distintas fases até o seu punto de eclosión definitiva, simbolicamente datado nos primeiros meses do ano 1968.

Este aspecto da resistencia compostelá ao franquismo é imprescindíbel para a comprensión doutras armazóns políticas contemporáneas de máis calado e ambición, pero tamén resulta vital para encadrar movementos culturais de tanta importancia para nós como a literatura galega dos anos 50 e 60, ou a eclosión da Nova Canción Galega, xa no remate do período tratado. A pesar disto o seu tratamento diferenciado foi excepcional e até a data ningunha obra se permitira trazar unha cronoloxía documentada do que foi a contestación estudantil á ditadura, moito menos tomando como punto de partida o momento no que esta cae en maos dos golpistas. Por declaracións do autor sabemos tamén que a radiografía para no ano 1968, non polo seu valor simbólico como eixo da loita estudantil europea ante o capitalismo, senón pola imposibilidade de acceder a determinadas fontes documentais da ditadura, protexidas no seu segredo, ironicamente, pola lexislación actual.

Pártese así da primeira tentativa franquista de controlar a universidade, aínda no contexto das datas próximas ao propio conflito armado. Esa usurpación da institución, case unha toma polas armas, non se limita á substitución do seu corpo docente e administrativo, senón que tamén facilitará o acceso e o aprobado de ex-combatentes do bando fascista, comezando así a que será unha longa tradición de corporativismo e clasismo que procura manter determinados traballos e postos da sociedade no monopolio de familias ás que se lles presupón a afección ao réxime. Tal política, e a necesidade de manter a proximidade dos estudantes ás estruturas do réxime, formalizaranse tamén na creación das Milicias Universitarias, forma privilexiada de realizar o servizo militar, que facilitaba tamén o ascenso dentro da xerarquía das forzas armadas.

Porén, a pesar destes puntos de partida, a evolución do alumnado irá armando o seu descontento nun espectro cada vez máis diverso e máis polarizado en relación á existencia da ditadura. Se nun primeiro momento a principal problemática devén dos restos de republicanismo nos cadros académicos e directivos, pouco a pouco a oposición ao SEU irá tomando corpo dende distintas perspectivas, en ocasións nin sequera conscientes de estar formulando unha oposición política. Así podemos contar dende a delirante vertente social e romántica dun nacionalsindicalismo auténtico traizoado pola burocracia franquista, até a miríade de tendencias comunistas, pasando antes polo obreirismo democristián e sen esquecer as cohortes galeguistas arremuiñadas primeiro na mesa braseiro de Ramón Piñeiro e despois na tentativa de crear unha alternativa á esquerda que puidese competir co (no mellor dos casos) folclorismo das sucursais estatalistas á hora de encarar a cuestión nacional galega.

A análise que efectúa o libro, porén, vai máis aló do que atinxiría ao inicio da disidencia e á súa organización política. Inmunda escoria seguirá minuciosamente o desenvolvemento da universidade, tanto en relación á súa vida política interna, como na actitude dos representantes desta perante o poder político ao longo das primeiras tres décadas do franquismo. Cabe así resaltar a incidencia de determinado profesorado e de personalidades próximas á comunidade universitaria que funcionarán en ocasións como alentadores dunha certa oposición, implicándose en distintos graos e desde diferentes opcións políticas. Tamén se destaca a importancia dos cadros directivos da universidade e a súa peculiar evolución que en ocasións vai dende un recalcitrante falanxismo a unha morna indeterminación ou indiferenza. Non menos importantes resultan os xogos políticos realizados durante os sesenta en relación ao réxime, xa que exemplifican a complicada relación que toda ditadura fascista ten coa universidade. Así, o honoris causa concedido no 65 a Franco, que se ben aparece explicado como unha moeda de cambio para conseguir determinadas partidas presupostarias que beneficiasen á institución, non despexa por iso a absurda confianza do réxime no coñecemento como realidade ritualizada e na posibilidade de controlar este a través do poder político. Ao mesmo tempo, ese recoñecemento ao ditador enmascara o fracaso deste último obxectivo, toda vez que a institución, en lugar de converterse nun baluarte de corporativismo agradecido co réxime, está no transo de realizar, da mao dos seus estudantes, unha das oposicións máis virulentas e explícitas a este.

Debemos destacar precisamente como un dos grandes méritos de Inmunda escoria o titánico e minucioso traballo documental de Ricardo Gurriarán na reconstrución desta vida interna da Universidade de Santiago de Compostela, dende o retorno á súa actividade académica “normal” tras da guerra civil até o que podemos identificar como o comezo dos estertores da ditadura. Nestes últimos anos nos que asistimos ás conmemoracións nostálxicas e simbólicas da resistencia cultural desenvolvida nos anos sesenta, especialmente centrados nas memorias dos membros de Voces Ceibes, e nalgunhas digresións do “ano Piñeiro”, agradécese un traballo do calado académico desta obra, caracterizada por unha exposición que tende máis á concreción que á exhibición de artificios narrativos ou anécdotas persoais, e que vén acompañada dun apetecíbel engadido audiovisual con testemuños de medio centenar de protagonistas, que probabelmente saciarán ás persoas que boten de menos un pouco de subxectivismo. O ensaio, de todos xeitos, non supón unha lectura lixeira nin amena, pero si unha ferramenta imprescindíbel para o estudo do que significou o franquismo no noso eido cultural dende unha perspectiva que foxe en todo momento da mistificación da resistencia e que ten a virtude de englobala, na medida do posíbel, nun único feito no que non cabe ningún mesianismo de carácter partidista.

Paralelamente ao valor do libro como recuperación dunha parte da nosa historia, e o seu mérito como relato documentado e obxectivo, non podemos subtraernos ao valor que, consciente ou inconscientemente, desenvolve na construción da historia particular dunha institución como a Universidade de Santiago de Compostela e o interese desta en fomentar ou publicitar determinada perspectiva concreta ao respecto. Así, aínda que o texto e o traballo documental de Gurriarán conta con todas as bondades xa mencionadas, non pode evitar o feito de vir cercado polos seus propios paratextos. O primeiro deles, a introdución asinada polo último reitor da USC, Senén Barro, responsábel dunha política que por unha banda lavou a cara pública da universidade, con decisións como a anulación do honoris causa de Franco, mentres por outra lexitimaba o novo papel da institución como aparato ideolóxico estatal ou supraestatal, seguindo as coordenadas do plan Boloña e obviando toda resistencia estudantil ao respecto. Paralelamente non podemos pasar por alto que a aparición desta obra coincide co remate dunha década onde a nova lexislación do estado e a propia converxencia europea levaron as protestas estudantís ao protagonismo en varias ocasións, protestas contras as que a propia institución, nunha política enmarcada nunha dinámica estatal, efectuou ou consentiu medidas represivas que serían doadas de evocar na lectura de determinadas pasaxes desta obra. Nada disto, como dicimos, afecta ao período (1939-1968) tan brillantemente analizado nestas páxinas, pero se cadra si que afecte a algo aínda máis importante: o risco de acabar facendo sobre a historia da USC un proceso similar ao que se deu con demasiada frecuencia sobre a historia particular do antifranquismo desde a chamada Transición española. Un risco que sinala unha lectura única e revisionista, na que unha forma de resistencia do pasado aparece sinalada polos poderes estabelecidos como correcta, louvábel e xeradora voluntaria e sen matices da orde actual. Ao mesmo tempo esta caracterización crea, explícita ou implicitamente, unha fronteira con aquela outra resistencia tomada hoxe como ilegal, molesta e mesmo antidemocrática, e que en realidade tería máis dereito a proclamarse sucesora da primeira que calquera estrutura de poder actual. A historia da resistencia compostelá, a súa loita antifascista e o empeño en converter a universidade nun baluarte social de coñecemento e pensamento crítico, pertence, co permiso de contados elementos dos cadros docentes e directivos, ao seu estudantado. Mal faría este en desprezar a súa tradición de rebeldía, e peor aínda en consentir que esta sirva a manipulacións e lexitimacións de quen, seguindo outras tradicións máis espurias, contribúe hoxe a que a institución sexa aínda un aparato máis que serve, de forma cada vez menos sutil, aos intereses do capital.

[:]
#2010#A Trabe de Ouro#ensaio#Ricardo Gurriarán#Xerais

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies