23/09/2011 by marioregueira

Contesta ou disparo

Os comezos dos noventa foron unha etapa curiosa para a Galiza, ou ao menos así os lembra a miña memoria de neno. Unha fase de efervescencia e de consolidación do marco autonómico. antes de saber que a longa noite de pedra do fraguismo sería tan longa e sería de pedra tan dura. Un tempo no que o imaxinario do noso país comezaba a redefinirse, como espertando aínda das limitacións da ditadura e sen ser aínda plenamente consciente das que o porvir político lle reservaba. A capital cuestionada medraba dun xeito exorbitante e por todas partes se afianzaban iconas identitarias de maior ou menor calado, como se o país reparase en cal era o seu papel como comunidade dentro do novo marco e decidise sacarlle o zugo. Abríanse museos, botaban As bólas máxicas pola tele, o Dépor ascendía e unhas cantas mentes preclaras reuníanse para parir un programa que nos ataría nas tebras para sempre baixo o irónico título de Luar.

Nalgún lugar deses noventa que eu lembro sobre todo por sensacións e eventos un autor publicaba a súa primeira obra. Fran Alonso celebra neste 2011 os vinte anos de escrita pública que separan aquel Trailer destes nosos días, na segunda década do terceiro milenio. E faino cunha homenaxe a ese pasado, recompilando algunhas das entrevistas que realizou no alén dos tempos, cando traballaba en Diario 16. Non é a primeira vez que Fran Alonso nos deixa un agasallo así, lembro que os seus Males de cabeza, ofrecidos de balde polo portal Vieiros, poderían ser perfectamente un dos primeiros ebooks galegos, polo menos en canto a libros actuais e xa editados en formato convencional. Aquel agasallo cumprirá tamén axiña dez anos e anticipou con moita antelación este indeciso momento dixital das nosas editoras.

Contesta ou disparo é un libro distinto, non só porque non exista en formato convencional, senón tamén polo seu carácter de recompilación xornalística. Concretamente a dun tipo de entrevista curta e directa que deixa en poucas pinceladas unha impresión que se pretendía superficial, pero que pode virar en intensa ao ser posta en correlación ao tempo transcorrido. Polas súas páxinas desfilan, para a nosa sorpresa, moitos dos personaxes que naquel momento se tiñan por populares. E digo para a nosa sorpresa porque é curioso ver como mudou a nosa noción da popularidade nestes anos, como moitos desapareceron, outros mudaron a súa traxectoria e outros teimaron máis ou menos no mesmo de sempre. Algúns outros deixáronnos de súpeto, mentres non deixamos de sorrir ante un Isaac Díaz Pardo que, hai vinte anos, se sentía “na antecámara da morte”, ignorante de todas as cousas que aínda lle gardaba o destino. Algúns outros, como os Diplomáticos que falan dos seu primeiro disco, atópanse no borde dunha carreira fecunda que naquel momento probabelmente nin sequera sospeitaran.

E será o poder da evocación ou a mitoloxía que facemos sobre os propias lembranzas da infancia, pero todo o libro contén unha boa parte dese aire dos anos pasados sobre esta terra, cando as cousas aínda non viraran terríbeis e nosa identidade non era posta en cuestión coa facilidade coa que pode selo hoxe. Se cadra sería interesante que o autor procurase a algún dos entrevistados hoxe en día para sometelos ao mesmo cuestionario, como un espello do que mudaron as cousas en vinte anos, como fraquexou , cando fraquexou, parte da súa ilusión, e tamén onde ficaron algúns desenganos demasiado temperáns. No fondo, con cousas así, é como facemos (e comprendemos) a nosa historia.

#Crítica#Edición#Edición dixital#Fran Alonso#Galiza#Literatura

08/07/2011 by marioregueira

Jameson e Derrida (Estaleiro e Derriba)

Cando Estaleiro Editora naceu parte do seu programa de actuación falaba da necesidade de colaborar con distintas asociacións como un xeito de ser, ademais dun círculo editorial, un servizo de cara aos colectivos que tentan problematizar e transformar a realidade. Foi un obxectivo que tardou en concretarse, pero que nunca foi esquecido e que dalgunha forma seguía presente como un deber que debera realizarse nalgún momento. Andando o tempo foi así, e a súa primeira manifestación tivo lugar durante a primavera pasada. O Proxecto Derriba publicaba a través de Estaleiro, dous monográficos sobre os filósofos contemporáneos Giovanni Vattimo (Outro xeito de ser) e Antonio Negri (Da revolta italiana á potencia da multitude), na que promete ser unha longa colaboración que pouco a pouco achegará unha pequena biblioteca básica sobre filosofía ao contexto galego. Precisamente a capacidade de elaborar pensamento crítico na nosa lingua e unha vontade de divulgación activa son dous dos alicerces que moven este proxecto de Derriba, un colectivo particularmente activo e cunha xenerosa produción de textos propios. Os libros están pensados para unha formación básica pero non superficial sobre os autores en cuestión e achegan, ademais dunha interpretación breve sobre o seu pensamento, unha escolma de textos destes. Este ano súmanse a esa colección os volumes dedicados a Jacques Derrida (Deconstrucións) e Fredric Jameson (Entre posmodernidade e utopía), que se presentarán hoxe 8 de xullo ás 20:00 na Gentalha do Pichel, coa presenza dos seus dous creadores.

#Cotidiano#Edición#Edición independente#Estaleiro#Galiza

22/03/2010 by marioregueira

Editando 2.0

2.0 Editora Logo

A mediados da pasada semana presentouse en Compostela 2.0 editora, outra vaca no millo editorial que parte dunha forma decidida, e xa dende o seu propio nome, como un proxecto pensado no comezo dun novo momento dentro da edición e da lectura tradicional. Teño falado xa algunha vez do precipitado que me parece esta consideración das novas etapas e da fin do libro gutemberiano. Que moitas das felices descubertas sobre a hipertextualidade e a lectura electrónica que parecen estarse dando este ano levan xa moito tempo entre nós, e mesmo xa teñen o seu propio historial de triunfos e fracasos. Ao mesmo tempo, o estoupido da edición dixital dos últimos meses tivo os seus propios aspectos cuestionábeis e parece enfocado dunha forma excesiva cara a un mercado de trebellos que moitas persoas xa cualificaron de pasaxeiro. A perspectiva que temos dos procesos é o de estar dentro deles, cousa que non nos asegura poder predicir cara a onde nos conducen, algo que, se cadra, non deberiamos perder de vista.

Porén, cabe dicir que polo que se puido ver o pasado xoves a aposta de 2.0 parece moito máis complexa e parte, polo menos nos seus primeiros obxectivos, dunha perspectiva menos superficial do formato dixital e das súas posibilidades. É certo que as versións dixitais dos seus libros aínda non viron a luz, e que poderían caer de novo en erros de vulto coma estes, porén hai un par de cousas que están na súa folla de ruta que supoñen achegas interesantes a este momento tecnolóxico e que permiten ilusionarse co futuro.

Se cadra a máis destacábel sexa a ollada específica que dirixen aos autores/as, unha cousa que non é habitual escoitar nas presentacións de proxectos editoriais. A editora comeza a súa andaina con dous pesos pesados como son Eduardo Mendoza e Douglas Adams, apuntando unha liña editorial que xulgo moi necesaria no contexto galego e á que tamén se teñen aproximado outros selos coma Urco. Porén, alén diso, destaca a súa oferta de servizos ás persoas interesadas en publicar, que sen pretender converterse nunha plataforma de autopublicación sen filtros, supón un ponto de inflexión nunhas relacións que acostuman ser moito máis xerárquicas e fechadas. A posibilidade destes de escoller licenza e formato dixital podería evitar tamén algún dos problemas que de entrada formulou o primeiro impulso cara ao libro electrónico comercial en galego. Ao mesmo tempo, non podo evitar relacionar esta nova perspectiva coa última anotación de Manuel Bragado, na que fala de como o mercado editorial pode enfrontarse de súpeto ao problema de ter máis autores que lectores.

Como dixen máis arriba, estar dentro dun proceso pode complicar os augurios sobre o lugar cara ao que nos leva. Os puntos de partida de 2.0 Editora son ben gorentosos, vexamos agora se as curvas da viaxe lles permiten levalos a bo porto. Cousa que lles desexamos.

#Edición#Edición dixital#Galiza#Lectura

10/03/2010 by marioregueira

Citando

Non deixamos de ser esa panda de xente que fai cousas raras, eses anormais que toda cultura pequena precisa para sentirse completamente normal.

(Alguén nalgunha das mesas das Jornadas Galegas da Ediçom Independente, citado de memoria por min mesmo. Desconfíen).

#Cultura libre#Edición#Epigramas#Galiza

08/03/2010 by marioregueira

Por anos de independencia

Veñen de rematar esta fin de semana as I Jornadas de Ediçom Independente na Galiza,  un encontro organizado por Estaleiro Editora e Corsárias que reuniu a distintas voces arredor dunha idea común: hai unha forma distinta de facer as cousas, tanto no panorama editorial, como na distribución e na relación coas persoas que len. Con esa idea foi que se reuniron diferentes colectivos e proxectos para falar das súas experiencias e xuntar puntos de vista, que en ocasións foron máis que diversos, como debera ser sempre neste tipo de encontros. Creo que no noso contexto cultural xa temos bastantes xuntanzas dedicadas á haxiografía ou ao adoutrinamento exemplarizante como para facer unha máis. Así que é unha sorte poder escoitar a perspectiva dos distintos colectivos sinxelamente para ver como poden aprender uns dos outros, copiar as estratexias e seguir demostrando que tamén son posíbeis outras formas de facer cultura neste país. A fin de contas iso é tamén cultura libre, e isto tamén é unha forma de ser independente. Compartir os acertos e advertir dos fallos, máis ou menos a mesma filosofía do software libre.

Non puiden seguir completamente o desenvolvemento das xornadas, e tamén non me foi posíbel participar na súa organización tanto como quixera. A pesar diso, a miña parcial experiencia nestas foi incriblemente produtiva. Non está mal poder contar cunha ventada de aire fresco nun contexto como o editorial, a miúdo guiado por movementos conxuntos e cautelosos e onde a autocrítica está frecuentemente fóra dos horizontes ou sometida aos valores do mercado. Ver que o creative commons pode non ser máis que unha moda progre, pensar nun proxecto independente do que se poida subsistir, falar de mercado dende un colectivo non lucrativo ou anunciar que os (lectores de ) e-books son aparellos sen futuro, son todas cousas que non se ven con frecuencia, e que dan profundas razóns para o debate, e tamén para a reflexión. Naturalmente non foi o único a resaltar, tamén foi moi emocionante escoitar de viva voz como o a historia do hip hop se remonta ao porto dos escravos, pasando polos blues de Nova Orleans. E tamén merece unha mención a recuperación do debate sobre o papel da arte na loita política dende presupostos novidosos que superaron afortunadamente as vellas dinámicas nas que cae sempre este tema.

Ficaron tamén moitas cousas por falar, eu botei en falta unha mesa sobre o software libre aplicado á edición, e tamén un maior protagonismo da perspectiva feminista, presente só parcialmente. En calquera caso, tempo haberá de cubrir ocos e seguir compartindo boas e malas experiencias en futuras xornadas, das que no persoal e no grupal agardo un éxito de convocatoria similar ao desta edición. Por certo, se as contas non me fallan, en 2011 Estaleiro cumprirá 5 anos. Un lustro que non pode evitar lembrarme a este disco mítico, xa de tempos nos que a independencia tamén era parcialmente distinta, pero igualmente inspiradora. A rapaza non fai un corte de mangas, aínda que as interpretacións (e as malinterpretacións) son libres, como debería ser a cultura.

#Cultura libre#Edición#Galiza
1 2

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies