21/10/2013 by marioregueira

A cadea dos libros

Había ben tempo que non chegaba un meme aos peiraos deste porto, algo que deixa ver o estado de coma profundo no que se atopa a blogoleira, ou se cadra como foron mudando as súas dinámicas nestes anos. A graza deste meme, ou cadea, é que é sobre libros, ou sobre literatura, así que, aínda que sexa longo, imos facelo.

  • Quen te convidou: o camarada Francisco Castiñeira, un dos tenaces resistentes desa blogoleira que viviu mellores tempos. Como o meme é sobre libros vén a conto dicir que o Castiñeira sacou hai cousa dun ano un volume de relatos titulado Podería falar de nubes, unha obra que tiven a honra de presentar na súa primeira rolda pola cidade da Coruña e á que vos recomendo que  lle botedes un ollo.
  • Convidamos a tres blogues para que sigan a cadea. Pois non está doada a cousa, e menos neste tempos, pero aí vamos: O outro lado do espello, que sempre recolle o testemuño destas cousas, Txiki Calvo, aproveitando que por enésima vez volve a bloguear e Montse Dopico, que o outro día falaba comigo de que quería retomar a actividade nun blogue tan interesante.

As preguntas:

  1. O último libro que liches.

    Tantos cabaliños lindos de Cormac McCarthy, pero é probábel que entre que escribo isto xa mudase xa que, por distintas obrigas, ando a ler uns cantos libros á semana.

  2. O libro que mudou o teu xeito de pensar.

    Sempre cheguei tarde aos grandes libros que converteron a outras persoas. Normalmente colléronme convertido ou ben xa completamente perdido para as súas causas. Noutro sentido, libros como Rayuela de Cortázar ou Trilce de César Vallejo mudaron moito a miña relación coa literatura, tamén no relativo á escrita.

  3. O último libro que che fixo chorar.

    Seguramente foi Expiación de Ian McEwan, antes del, Rastros de Vidal Bolaño e antes aínda Peter Pan e Wendy, de Barrie. E xa, creo que ao longo da miña vida só o conseguiron eses tres libros. Non son eu moito de chorar lendo, que se estragan as páxinas.

  4. O último libro que che fixo rir.

    Rir moitos, pero posiblemente os únicos cos que o fixen a gargallada aberta foron O bosque dos raposos aforcados, de Arto Paasilinna e Como acabar dunha vez por todas coa cultura, de Woody Allen, particularmente o capítulo dedicado aos libros de memorias e á Xeración Perdida. Ah, e tamén rin a gargalladas co Quixote, algo que non todo o mundo acaba de entender.

  5. O último libro que che prestaran e non che devolveran.

    Son bastante mirado para iso, e non me esquezo de reclamar os préstamos, así que se non o reclamei é ou porque non me lembro ou porque renunciei xa a recuperalo e pasei a consideralo a miña contribución á instrución e á cultura d@ descerebrad@ que se quedou con el (mal raio @ parta).

  6. Un libro que che emprestaran e que non devolveras.

    Claro, que o vou contar aqui… Non en serio, hai moitísimo tempo que debo a biografía en verso que Viktor Sklovski fixo de Maiakovski e tamén as memorias de Luís Soto. Por sorte déboos a bos amigos que aínda van agardar un pouco máis a facerme un boneco vudú.

  7. Un libro que relerías.

    Alguén dixo unha vez que grande pracer da literatura non era a lectura, senón a relectura. En calquera caso, se en algo ten razón o vello pailaroco de Harold Bloom é en que a nosa sociedade non ten tempo para ler todo o que debera ler. É por iso que considero a relectura un luxo, habendo tantas e tantas obras novas. De facela, case sempre é unha relectura parcial, de obras que xa coñecía pero que acaban de ser traducidas ao galego.

  8. Un libro para agasallar a cegas.

    Pois nin idea. Seguramente, e facendo un pouco de trampa, a banda deseñada Emigrantes de Shaun Taun. Serve tanto para agasallar a cegas que por non ter non ten nin texto e conta un relato universal do que nunca nos damos librado: a emigración.

  9. Un libro que te sorprendeu para ben.

    Será porque presenta un mundo fantástico con gorentosos toques de steam-punk, será porque presenta un universo paralelo cunha Cataluña independente, será porque ao mellor saen as meigas galegas nas futuras entregas, ou será pola sorpresa de verme, aos meus anos, pendente dun conto de fadas, pero diría que calquera da saga Reckless de Cornelia Funke, marabillosamente editados na nosa lingua por Xerais.

  10. Un dos primeiros libros que liches na escola.

    Non lembro nada digno de mención nos primeiros libros da escola, alén de que non foron moitos. Se cadra, o tardío Rebeldes, de Susan E. Hinton, que me fixeron ler ao borde da adolescencia e que, naquel Ferrol que saía dos convulsos 80 para entrar nos convulsos 90 falaba de cousas ben coñecidas: cuadrillas de marxinais petándose contra cuadrillas de nenos ben.

  11. Un libro que roubaches.

    Claro, que o vou contar aquí… Veña, non foi un roubo premeditado, pero a ocasión que fai ao ladrón quixo que arrebatase un exemplar de O retrato de Dorian Gray duns grandes almacéns. De cara ao futuro, levo anos tramando un plan para espoliar todos os libros da Libraría Couceiro de Compostela, ando buscando un camión o suficientemente grande, e namentres voume gañando a confianza da xente que traballa alí e aproveito para estudar a estrutura do edificio.

  12. Un libro que atoparas perdido.

    Hai anos, nunha das miñas primeiras visitas a Lisboa, atopei A brincadeira de Milan Kundera, perfectamente apoiado contra unha farola dun miradouro. Estaba tan ben colocado que non me atrevín a collelo, aínda que sempre me lembrarei do detalle. Daquela comezaba a popularizarse o BookCrossing e creo que sinxelamente non souben identificar que era un libro para levar. Volvín ao miradouro nunha das últimas viaxes, pero o libro xa non estaba. Por sorte, Lisboa sempre é xenerosa e deixa outros agasallos nos lugares máis insospeitados.

  13. O autor do que máis libros tes.

    Sen dúbida Méndez Ferrín. Un autor que lin con fruición na primeira mocidade, que practicou case todos os xéneros e que aínda agora ocupa unha parte importante da miña tese de doutoramento.

  14. Un libro valioso.

    Sentimentalmente, todos os libros que herdei do meu avó. Especialmente El resplandor de la hoguera, de Valle-Inclán, o libro que atopamos na súa mesa de noite e que, a xulgar pola marca, non chegou a acabar. Telo nas mans sempre me fai pensar cal será o libro do que a morte me roubará o final para sempre.

  15. O libro que estás a ler agora mesmo.

    Simultaneo tres, pero o que vou ler con máis vagar e devezo vai ser Cartas de aniversario, o derradeiro libro de Ted Hughes.

  16. Un libro que prohibirías.

    Os libros non se prohiben, combátense con outros libros mellores. E ningún libro xustifica as barbaridades que poidan cometerse no seu nome porque son as mans das persoas, e non as súas páxinas, as que as realizan.

  17. Un libro que levas tempo querendo ler.

    Moitísimos, seguramente demasiados. Por ir aos clásicos pendentes, o Decameron de Bocaccio editado por Rinoceronte, que leva xa un tempo na casa, será que me impresiona o seu volume.

  18. O próximo libro que vas ler.

    Pois algunha novidade das que chegaron ultimamente (é o que ten facer crítica), o que máis me gorenta é A música das esferas de Carlos Lema.

  19. O libro que non lerías endexamais.

    Unha vez preguntáronlle a Lampedusa por que lía novelas de vaqueiros e contestou algo así como que tamén había que saber aburrirse. Non hai libros que non lería, até as crónicas atroces dos tertulianos da Cope e as morrocotudas sagas pseudo-eróticas que andan entre os máis vendidos espertan o meu interese e serven para ese saber aburrirse. Naturalmente, non hai libros que non lería, pero si hai libros que non vou ter tempo para ler e que andan polo fondo da cola de admisión.

  20. A túa triloxía ou saga preferida.

    Ando tentado de dicir Reckless de novo, pero case que lle vou dar tempo a autora para rematala e vou ir ao clásico O señor dos aneis, de Tolkien.

Listo, ten razón o Castiñeira que leva tempo, pero tamén é ben entretida de facer, a ver se as convidadas se animan. E non quero rematar sen facer un chamamento a que leades (e a ser posíbel merquedes) calquera dos libros que saen ao longo deste artigo, particularmente os que están editados na nosa lingua, en edición física ou electrónica, pero apoiando sempre o libro galego, que ten unha longa remontada por diante.

#Blogoleira#Cotidiano#Lectura#Libros#Literatura#Memes

Comments

  1. Mr Tichborne
    25/10/2013 - 11:49

    Teño “Tantos cabaliños lindos” agardando e “Rebeldes” de Hinton foi a cabeceira da miña adolescencia 🙂 Que boa resposta á cadea!

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies