13/03/2013 by marioregueira

Entrevista en Criticalia

Saíron esta mañá as miñas respostas ao cuestionario que Armando Requeixo pasa a distintos creadores da literatura galega, unha forma de medir o pulso á nosa cultura que xa ten a súa historia detrás e que seguramente terá aínda moita máis por diante. Sen dúbida a lectura destes Parlamentos das Letras será aínda máis interesante en perspectiva, na comparativa, ou dentro duns anos, que é cando a min me ten graza ler as entrevistas. De momento esta é a miña visión, o pulso acelerado do tempo que vivimos, e por aí andan as lecturas que me seguen acompañando, a perspectiva sobre a miña propia obra e, como non podía ser doutro xeito, tamén o meu punto de vista sobre a cultura galega e o que están facendo e desfacendo con ela.

#Creación#Crítica#Edición#Entrevistas#Galiza#Literatura

08/03/2013 by marioregueira

Non debes chamarte nunca española

Diciámolo no manifesto de hai dous anos, Rosalía ultrapasa coa súa obra os horizontes políticos nos que estaba socialmente inserida. Nun momento no que os admiradores da revolta provincialista de 1846, de corte liberal, configuran un novo movemento que se chamaría Rexionalismo, máis cohesionado pero aínda lonxe das apostas federalistas e nacionalistas, Rosalía acuña na súa poesía conceptos que anos despois faría seus o independentismo. Faino marcando a relación de opresión de Castela cara a Galiza, e faino negando por primeira vez nas nosas letras a unidade da patria hispánica. “Probe Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida cando eres, ¡ai!, tan hermosa”. O salto, aínda na simple retórica, é de xigante.

A partir de aí as interpretacións son múltiples e, até certo punto o seu debate é san dentro de calquera sociedade. Pensar en que medida Rosalía ergue unha proclama política real ou eleva unha pequena queixa contra o desleixo do centralismo castelán é unha cuestión interesante que merece ser discutida. O que non resulta críbel é pensar que a súa figura e a súa obra non teñen nada que ver con movementos políticos que anunciou e predefiniu de xeito claro e innegábel. Por outra parte, o debate sobre se hoxe Rosalía sería nacionalista ou non é baldío e enganoso. Pouco importa que unha imaxinaria Rosalía se definise como nacionalista ou independentista no século XXI, o que está claro é que sen ela non existiría o nacionalismo galego, ou non existiría na forma na que o fai, e que a súa obra poética estará sempre ligada indisolubelmente a este.

Da mesma forma que acontece dende hai anos con Castelao, a dereita españolista pretende colonizar as figuras que máis a combateron en vida. O debate sobre a interpretación política dos nosos autores é periodicamente reducido ao absurdo. Non sabemos que carné terían Rosalía e Castelao en vida, pero resulta moi difícil pensar que puidesen ter o do partido que hoxe ten o poder autonómico. Que o Partido Popular se empeñe en seguir facéndoos figurar como comparsas do seu xogo político responde sen dúbida a un intento de despolitizalos, de usurpar a súa aínda vixente popularidade, e tamén á carencia de referentes propios que presentar ante o pobo. Da mesma forma, a escolla dunha autora monolingüe en castelán que forma parte dunha asociación antigalega é a última ultraxe que restaba a unha figura que segue a ser fundamental para unha parte importante da nosa sociedade.

De Marta Rivera de la Cruz encántame sobre todo a candidez. É a mesma que ciclicamente acusa aos autores galegos de forrarse co “negocio” da cultura (vexan esta acusación de onte a Calveiro), a mesma que fai valer que todas as voces desconformes son unha manobra política do Bloque (axudado por xudeus e masóns, supoño), ou a que acusa un acoso comparábel ao dos “borrokas” porque hai xente á que non lle parece a figura máis axeitada para o acto de hoxe. Unha auténtica mágoa que, co nivel ao que brilla a literatura galega de hoxe, o partido de Feijóo prefira baixar así o listón con tal de continuar a súa longa cadea de provocacións.

Teñan coidado, escriban claro e deixen bos testamentos, non sexa que dentro de cento cincuenta anos algún oportunista político lles plante bandeiras políticas e lingüísticas que hoxe lles provocarían urticaria.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Literatura#Rosalía

02/03/2013 by marioregueira

Libros e aniversarios

Segundo souben hai un par de semanas as dúas obras que publiquei durante o ano 2012 figuran como finalistas dos premios Ánxel Casal, un agasallo anticipado e inesperado deste aniversario que celebro hoxe. Por máis que ser finalista non implique nada de por si, a calidade das obras que me acompañan en cada categoría fai que considere o feito xa como un pequeno premio.

2012 foi un ano atípico e difícil na miña vida, tamén un período complexo na tortuosa historia deste país. No medio dunha edición galega en retroceso e no fragor dos ataques contra a nosa lingua, o azar e os caprichos dos ritmos editoriais permitíronme dar ao público dúas obras, algunha delas a que eu considero a mellor da miña traxectoria. E por causas da vida, a ningunha delas puiden prestarlle toda a atención que pretendía e que sen dúbida merecían.

No caixón dos proxectos que houbo que aparcar queda o blogue de Outono aquí, un paseo polas súas músicas e polas mil referencias que o inzan e tamén un percorrido de paisaxes polas pequenas historias que garda como sementes. Do outro lado, tamén quedaron no aire a maior parte de presentacións e recitais que tiña pensado para O silencio. Aínda así, atopalas, contra todo prognóstico, entre as finalistas dos Premios da Edición, así como estar a corrixir a edición castelá dunha delas, faime ver até que punto podían ambas valerse por si soas e seguir a darme sorpresas. E de certo que esta non será a última.

Dicíanme algunhas persoas que ao longo da trintena virían crises, outras que as cousas brillarían cunha certeza inédita. Ao borde da metade do camiño seguimos agardando por calquera das dúas cousas, e o único que resulta inevitábel e pensar en nós mesmos hai unha década, agardando impacientes que unha editora nos respondese sobre a nosa primeira obra e que o noso pobo se espreguizase contra o mal goberno que o atenazaba. Co tempo pasado, polo menos deixamos de agardar por unha das dúas cousas.

#Cotidiano#Creación#Edición#Literatura

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies