22/10/2012 by marioregueira

Paisaxe despois da batalla

Di o clásico de Carlo M. Cipolla As leis fundamentais da estupidez humana, que unha persoa estúpida é aquela que “causa un dano a outra persoa ou grupo de persoas sen obter ao mesmo tempo un beneficio para si, ou mesmo obtendo unha perda.” Por esa regra de ouro faltaba o test das eleccións para dirimir se o acontecido no nacionalismo galego fóra obra dun acto de estupidez e por onde asomaba o responsábel. Pasada a proba, podemos dicir que se houbo algún estúpido ese non foi Beiras. Aínda na análise máis restritiva, a que pide non contabilizar todos os deputados de Alternativa Galega de Esquerdas como nacionalistas, o cómputo lanza un incremento da representación do nacionalismo de esquerdas, aínda que coa novidade de facelo en partidos diferentes, un deles parte dunha inédita coalición co españolismo de esquerdas que non sabemos até que punto está distorsionando esa lectura. Se ben a situación segue a distar dos resultados históricos, sería a primeira modificación á alza dende estes, as eleccións de 1997, onde o Bloque Nacionalista Galego, liderado por Beiras, chegaba a ser a segunda forza política galega.

Dende aquel día, o Bloque Nacionalista Galego acumulou descensos que culminan coa catástrofe de onte á noite. A chegada do bipartito maquillaba no acto simbólico de “tocar poder” os resultados dun BNG que ía perdendo o apoio dos votantes dunha forma imparábel e que sorprendía coa súa propia falta de avaliación interna. Non me alegro das desgrazas de ninguén, pero hai algo de xustiza poética no acontecido onte. O Bloque paga a incapacidade crónica para xestionar a súa propia diversidade e tamén paga a marcha dun xigante da política como Xosé Manuel Beiras ao que condenaron ao ostracismo durante demasiado tempo e que antes chegaran mesmo a ter como líder vergonzante, demasiado radical para conseguir espallar a influencia do partido en determinados ámbitos. O equivalente á marcha do vello león é, salvando as evidentes distancias, que Aznar entrase no partido de Mario Conde ou Felipe González se pasase a Esquerda Unida. Dilapidar un valor de partido coma ese, aínda dentro da discrepancia interna na que se produciu, acaba pagándose moi caro.

Porén, xunto con esta lectura levemente optimista, resúltame tremendamente baleira a euforia que está a vivir unha parte de Alternativa Galega de Esquerdas, incluídos os discursos que teñen máis de retórica combativa que de realismo. Obviamente é un grande éxito para un partido debutante, e alégrome tanto da volta de Beiras como me proe que o faga acompañado de persoas sociolingüísticamente entregadas a Madrid e que nin se molestaron en estudar a colocación dos pronomes para a campaña. Porén é un brinde ao sol. Nos próximos anos, o PP modificará a lei electoral e culminará a espolio que está a realizar sobre o sector público, endurecerá as políticas contra o galego e campará a vontade por onde queira. E por máis que moitas persoas esteamos a gozar dos enxeñosos retruques de Beiras no parlamento, a xenialidade intelectual non basta para frear un partido cunha maioría absoluta histórica. A promesa de que “algo novo comeza” lémbrame demasiado a aquela que escoitei en 1997, a primeira vez que votei, cando a mudanza política parecía unha cuestión xeracional e semellaba que podiamos agardar a que os votos “carretábeis” fosen sendo substituídos por votos con pernas, consciencia e vontade. Porén pasaron quince anos, quince anos preciosos para a recuperación da nosa lingua e da nosa industria cultural, quince anos perdidos que nos colocan ao borde dun abismo do que resulta moi complicado escapar xa.

E non sinalarei un culpábel, porque hai máis de un e a min resúltanme evidentes. Asistimos a unha campaña que se formulou contra o veciño do lado, ese que ten unha leira na que sacha coma nós, sen mirar para o pazo no que vive o señor feudal ao que se lle pagan as rendas. Igual que dentro do BNG, as liortas continúan pola taifa antes que polo interese común, e importa máis darlle na cabeza ao rival que decapitar ao verdadeiro inimigo. No nacionalismo galego falta unha perspectiva unitaria e unha noción clara dos obxectivos, hoxe por hoxe, e pensando a nivel inmediato, debera ser botar ao feixismo e despois tentar unha recuperación nacional que impida que a nosa cultura se dilúa no tempo das linguas mortas e as civilizacións extintas. Se cadra xa é tarde para iso. O que está claro é que os partidos galegos deben pensar se o dano que a súa división e as súas leas causan á sociedade galega lles vai dar algún beneficio.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies