16/03/2012 by marioregueira

Príncipes do proletariado

Segundo unha parte da sociedade do lugar no que medrei na miña familia eramos uns privilexiados, erámolo a pesar de vivir nos arrabaldes da cidade ou de ter que esforzarnos economicamente para conseguir o básico. Porén os soldos da miña casa dependían do estaleiro e iso facía que unha parte do tecido social de Ferrolterra nos mirase cunha mestura nunca definida entre a envexa e o desprezo. Desprezo por seren obreiros, vidos moitas veces das aldeas da contorna ou aínda de máis lonxe, bravos e maiormente galegofalantes. Envexa porque tiñan unha praza fixa e determinados servizos pactados coa empresa. A tensión, particularmente no centro da cidade (hoxe en decadencia, en tempos couto dos militares e dos señoritos) aínda se pode palpar para quen saiba ler os indicios. Ferrol era un pequeno Belfast sen muros e con murais menos traballados. Dun lado a clase alta, do outro, o que eu acabei chamando ironicamente na adolescencia, os príncipes do proletariado. Adoitaba repetir iso entre dentes cada vez que sentía ao meu pai marchar de madrugada cara á porta do estaleiro, e creo que tamén o repetín as veces que fun velo ao hospital despois dalgún accidente ou no enterro doutros compañeiros que non tiveron tanta “sorte”. Aínda hoxe debera repetilo cando sei dos enfermos de cancros estraños e dos que morren subitamente sen que ninguén queira investigar demasiado. Tamén cando cada cinco, catro, tres ou dous anos vou até aló para participar nas manifestacións que loitan polo convenio ou piden carga de traballo. Que loitan, en definitiva contra a extinción dunha forma de vida que converteu a comarca no que hoxe é.

“Tedes unha cidade estraña”, dicíame un amigo un día que veu visitarme, “ao entrar hai a estatua duns tipos que mataron e un pouco máis adiante a estatua do tipo que os mandou matar”. É doado ceder ás resonancias épicas: a xente sendo ametrallada pola policía franquista mentres os buques de guerra apuntan á ponte que une Ferrol e Fene, os neumáticos ardendo ás entradas da cidade, persoas coa cara tapada que se enfrontan con tirabalas caseiros ao fogo real, ou que manteñen a raia a media ducia de antidisturbios brandindo un ferro. Os príncipes defenderon sempre os seus “privilexios” a capa e espada, e os seus buzos, tan azuis como nunca foi o seu sangue, saen en masa ciclicamente pola cidade, deixando claro quen marca o seu ritmo vital. Onte, anunciando que a paciencia está a rematar, entraron en Compostela e chegaron até as portas de San Caetano, mentres o peor presidente da historia do país, coa valentía política que o caracteriza, puña terra por medio para non ter que recibilos.

No medio da peor crise da historia, a comarca que nunca saíu da crise anterior enfróntase á que pode ser a súa última batalla. E non só pon en xogo a supervivencia dos estaleiros, toda ela estará condenada co seu declive. Na sociedade dividida de Ferrolterra, os traballadores conseguiron, non por acaso, crear o seu propio espazo e dirixir o seu propio destino. Non o fixeron univocamente, nin responderon sempre á mesma bandeira, pero non doutra forma cabe interpretar a creación en Fene do máis mítico reduto da esquerda nacionalista, esa aldea gala que estamos condenados a mirar dende a saudade. Mentres, no outro lado da ponte, os gobernos de esquerdas vanse alternando até conseguir retirar a estatua do asasino fascista, nunha vitoria da sociedade civil impensábel só vinte anos atrás. O mellor que puido dar Ferrolterra á historia e ao país saíu dos barrios obreiros, algo que nunca esquecemos os que nos criamos nese berce de sangue e metal, sabedores de que temos que estar á altura das persoas que deixaron (e deixan) a pel para construír o futuro da comarca. E sabendo que, como nunha saga épica, procedemos da estirpe lendaria dos príncipes do proletariado.

Hoxe estamos practicamente sós na loita. A mediados da década pasada xa se anunciaba que probabelmente na seguinte mobilización os estaleiros de Ferrolterra librarían a última batalla en solitario. Mentres os economistas falan da puxanza de China e do Pacífico, e de como a nosa contorna atlántica pasa a ser un escenario secundario, mentres se traman guerras no Medio Oriente e os bancos nos desangran na estafa máis escandalosa dos últimos cen anos, hai unha comarca que se nega a caer baixo o peso abafante dos tempos. Hoxe, cando nos repiten a todas horas que o proletariado clásico xa non existe nos nosos tempos, hordas de traballadores de Ferrolterra irrompen nas nosas cidades como un elemento doutro tempo, con “privilexios” a defender que nos falan do realmente doído da nosa situación, con esixencias como as que deberamos ter para nós mesmos e aspiracións que non nos atrevemos a formular en voz alta. Como seres mitolóxicos dos tempos da guerra fría, como unicornios, ou como príncipes de reinos que se negan ser esquecidos ou entregados sen loita. E de certo algo hai na súa teimosía que deberamos imitar.

Fotos (excepto a primeira) tiradas da páxina da CIG

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Galiza

Comments

  1. dedoscomovermes
    17 17UTC maro 17UTC 2012 - 15:05 03Sat, 17 Mar 2012 15:05:26 +000026.

    vou esbardalhar um pouco, já que neste porto é possível. porque levo dias de debates com companheiros e amigas sobre o tema das mobilizaçons e a greve geral.

    algo semelhante ao que contas sinto eu, entanto filha de mestre. lembro toda a neinice vendo a meu pai fazendo duplas jornadas e trabalhos extras, para poder manter-nos a tanto filho e filha e ter que escuitar sempre que eramos uns privilegiados porque ele tinha nómina (certo, tinha-a). ao seu carom, minha mãe também tinha nómina (outra privilegiada), umha nómina que pagava oito horas de trabalho quando fazia dez e onze e doze, umha nómina em papel que passada ao cobro real reduzia-se num 40 %, umha nómina que proibia as férias ou que ameaçava com o despedimento se exercia um privilégio tam principesco como o de votar nas eleiçons sindicais.
    eu sempre tive a meus pais por autênticos currantes, mas de fóra eramos vistos como privilegiados…
    hoje, que exerço de professora, continuo a ter-me por currante, apesar da nómina e os “privilégios” de trabalhadora (isso é: trabalhadora) do estado. e tenho bem presente que a minha situaçom devera ser a de todo o proletariado, nom uma excepçom, e que provém das luitas, greves e reivindicaçons das que luitárom antes que mim, antes de eu nascer e mentres era menina.
    e pensando, sobre todo, no meu alunado, proletariado do futuro, e nos amigos e amigas que ponhem em perigo o seu posto de trabalho de acudirem, irei á greve geral.

    mas também é certo, e essa é umha tristíssima realidade, que muitas trabalhadoras e trabalhadores com meia/alta cualificaçom o situaçons “privilegiadas” de empregabilidade, assumirom como certa essa posse principesca e esquecérom o que som: currantes. já nom vivem no bairro obreiro e acreditam que tenhem o seu lugar no bairro do centro. e pensam que todo isto nom vai com eles ou elas.
    esse é o grande trunfo das classes dominantes e a causa de que podam derrubar tam facilmente o monte de direitos laborais que alçarom, presada a presada, as que nos precedérom.

  2. Mario
    17 17UTC maro 17UTC 2012 - 16:34 04Sat, 17 Mar 2012 16:34:48 +000048.

    Non cabe dúbida de que existe un prexuízo á hora de considerar necesariamente o proletariado como obreiros do XIX traballando 18 horas diarias dende os cinco anos, creo que a categoría construíuse precisamente para formar un suxeito político que poida aspirar a mellorar esas condicións de partida e podemos asegurar que na maior parte dos casos fíxoo con éxito. Din as lendas da Unión Soviética que os mineiros cobraban máis que os médicos e non creo que ninguén lles discutise o feito de ser proletarios, precisamente eran o proletariado por excelencia, os que (en teoría) se fixeran co control do Estado e dos medios de produción.

    Eses “privilexios” son produto de algo do que non o son os outros privilexios de clase: son froito da loita, a organización e o traballo, e sobre todo da consciencia de clase. Creo que niso último é onde radica o problema do que me falas, as persoas traballadoras non serán nada sen a consciencia de que o son e sen os principios de solidariedade e internacionalismo que iso leva aparellado. No caso dos estaleiros falei do bo, do saudoso e do épico, naturalmente na miña experiencia persoal non todo é así, e aínda podería escribir outro tanto no que eu considero os erros, pero case todos pasan por non apostar dunha forma máis decidida por unha cultura de clase e por deixarse dividir unhas cantas veces coa conseguinte perda de poder. Esa sedución do barrio do centro da que falas é un risco que bebe desas dúas vertentes. E cae ademais nunha trampa que comeza agora a desvelarse: separar a clase media da baixa para destruír á primeira e desarmar a segunda. Se cadra estes tempos de crise axuden a que moitas persoas se decaten diso, se cadra sinxelamente vaiamos viaxar a tempos pasados, a loitar de novo por dereitos que os nosos devanceiros gañaran para sempre.

Comments are closed.

; >

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies