20/01/2012 by marioregueira

Os zapateiros son os donos da cidade

Hai case dous séculos os zapateiros dunha cidade norteamericana saíron á rúa en manifestación tras a instalación do tranvía. Segundo o vello gremio do calzado, o novo invento viría reducir o desgaste das solas, e por tanto tamén os seus ingresos anuais. Era preciso impedir que tal modernidade entrase no seu territorio, a xente tería que seguir andando de punta a punta da urbe, rozando os pés no duro chan e cansando as súas pernas. A fin de contas, non era iso o que fixeran toda a vida? Que necesidade había de cambiar agora?

A anécdota (que lin como verídica hai moitos anos) movería á risa se non puideramos continuala na actualidade. Porque, se alguén aínda non se decatou, hoxe en día eses zapateiros son os donos da cidade. Non só a controlan politicamente cos seus ben organizados grupos de presión, senón que moven forzas violentas ao estilo desas agrupacións chamadas mafias. Homes de negro ameazan aos traballadores do tranvía e mesmo ás persoas que fan un uso do transporte con grande asiduidade, boicotean o mantemento das vías e loitan por declarar ilegais as escolas de condución. Durante os últimos anos fixeron correr a voz de que os usuarios do transporte eran uns parasitos, uns vagos e uns ladróns, e até conseguiron cobrar un sobreprezo por “lucro cesante” nos billetes, uns cartos por cada sola non desgastada.

Non contentos con todo iso, e unidos a zapateiros doutras cidades, traman un plan para proscribir os tranvías ou reducilos a traxectos excepcionalmente longos. Onte, ademais, tomaron un deles pola forza e detiveron a todos os seus traballadores. O seu ideal é volver aos tempos previos ao transporte automatizado, cando uns zapatos duraban só uns cantos meses e eles podían fixar ao seu antollo o abusivo prezo das reparacións.

A metáfora non é unha esaxeración. Resulta moi difícil prever en que darán estes tempos de confrontacións, porén creo que moitos dos nosos descendentes, ao mirar atrás, verán esta época cos mesmos ollos de pasmo cos que podemos mirar a fábula do goberno dos zapateiros desmantelando o tranvía. A era dixital, a facilidade de difusión de contidos culturais e o intercambio representan a oportunidade perdida deste século. Nun primeiro nivel porque case ningunha empresa soubo aproveitar completamente a súa potencialidade comercial, que a tiña, aínda que esixise unha mudanza do modelo de negocio e uns ingresos que virían máis por vías indirectas que pola clásica compra-venda. Nun segundo nivel, máis revolucionario, porque perdemos a oportunidade de re-estruturar o papel da creación artística na sociedade, desprezando mecanismos tecnolóxicos que permiten, por primeira vez na historia, un artellamento democrático e sostíbel para a grande comunidade de persoas que constantemente está creando cultura.

Nestes días escoitarán moitas veces que os que estamos cos condutores de tranvías representamos os defensores do “todo gratis”. Non caian en maniqueísmos tan obvios. Persoalmente nunca me contei entre os defensores do “todo gratis”, creo que a cultura é un ben que debe ser incentivado, entre outros medios, por un beneficio económico ponderado que repercuta directamente nos seus traballadores. Tamén creo que  a principal responsabilidade dese incentivo debe proceder da sociedade e sortear, na medida do posíbel, outros intermediarios. É por iso que me doen particularmente todas estas oportunidades perdidas, porque falsean o debate real e o poñen ao servizo dos intereses de catro multinacionais interesadas en seguir un desenvolvemento económico propio do capitalismo salvaxe, criminalizando á mesma sociedade á que os traballadores culturais diriximos as nosas obras. A guerra que vén é unha guerra contra intermediarios famentos de lucro aos que non lles interesa a cultura, como aos zapateiros de hai dous séculos non lles interesaba a dor dos nosos pés ou o cansazo das nosas pernas.

Por certo, gañaron os tranvías.

#Activismo e resistencia#Cotidiano#Cultura libre

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies