04/12/2010 by marioregueira

A invención da pólvora

A primeira crítica é que non é o momento, porén é unha crítica que non é nova, nunca é o momento para dividir forzas, e por desgraza toda loita asociada a lingua galega (e non só) nace eivada pola propia defensa que farán os representantes de ambas normativas e a súa política xeral de non recoñecerse na súa mutua existencia. O último que precisamos son novas polémicas que desgasten a xa minguada noción de unidade, en calquera sentido. Hai plataformas que poden discutir propostas cunha noción democrática maior que a que opoñen unha ducia de firmas, por moi vistosas que sexan. Calquera destas organizacións (e xa son demasiadas) ten centos, miles, de adhesións e persoas asociadas que teñen unha idea sobre a lingua coa que se debera contar antes de fomentar un debate baldío, entre elas as doutros reputados lingüistas que, digo eu, terán algo que dicir.

A segunda crítica é de repeticións. Sospeito que ninguén, e digo ninguén, cre nun futuro inmediato no que o noso país non sexa bilingüe, e creo que todas as persoas interesadas no devir do galego asumen que a súa recuperación pasa necesariamente por un estadio no que os falantes de castelán (os únicos monolingües) entendan a riqueza que o galego lles brinda e asuman ese “bilingüismo restitutivo”. Como persoa que pasou entre hispanofalante monolingüe e falante bilingüe un período relativamente longo da súa vida, podo afirmar que nunca se me desprezou nin se me considerou cidadán de segunda, ao contrario, sempre atopei persoas galegofalantes abertas e animadas, pacientes coas miñas grallas e extremadamente agarimosas e motivadoras respecto do cambio lingüístico, por máis radicalizadas politicamente que estivesen. E conseguírono. De feito, coñezo moitas persoas neofalantes e outras que decidiron non ser neofalantes que estiveron expostas tamén a todo isto, e ningunha delas se sentiu nunca prexudicada polas políticas de promoción do galego. Sería absurdo, se son de promoción non o son de imposición, máis que nada porque é legalmente imposíbel impoñer o galego. De feito, a primeira vez que escoitei tal cousa foi hai un par de anos da man de minúsculas organizacións extremistas que promulgaban o apartheid lingüístico, nunca agardaría ver tanto eco en ideas tan minoritarias. Unha mentira repetida mil veces convértese nunha verdade. Iso xa o sabiamos, o que non esperabamos era ver a algúns repetíndoas.

A terceira crítica é a medida dos soños. Porque ninguén ten dereito a marcar os nosos obxectivos políticos. Que o estadio do bilingüismo restitutivo sexa definitivo ou evolúa depende da vontade da sociedade galega, ninguén ten dereito a marcalo como unha meta inmóbil. Se despois diso camiñamos cara o monolingüismo será a sociedade a que o decida, hoxe por hoxe, tanto tanto ese estadio como o seguinte son simples proxectos políticos. E se algo non soporto é que alguén que ten un proxecto político irrealizado veña a dicir que o dos demais é irrealizábel.

A cuarta crítica é de lendas urbanas. Non atopo nos soños históricos do nacionalismo unha idealización das sociedades monolingües, e sospeito que é unha lenda urbana. En realidade, a maioría das figuras do nacionalismo histórico defenderon sempre, dende Castelao aos nosos días, a hexemonía social da lingua galega, cousa ben distinta do que representa a idea política dunha sociedade monolingüe. Esa falsa idea da radicalización nacionalista e da prohibición da outra lingua é outro mito extremista que algúns repiten non se sabe moi ben por que.

A quinta crítica é de tradición política. Para lograr a paz lingüística, dende unha perspectiva realista, hai dous camiños: o exterminio do galego ou que o galego consiga un respaldo legal aplicábel que cando menos o equipare ao castelán en dereitos e obrigas. O resto é como se o prisioneiro discutise coa patrulla do campo de concentración como se van repartir a cesta de Nadal. Non pode haber convivencia sen igualdade, iso para comezar. E iso hai que explicalo na Galiza e discutilo fóra da Galiza, cun estado que por certo ten unha tradición política respecto das linguas e da alteridade cultural que nos pode explicar Moreno Cabrera calquera tarde que teña libre. É outro xeito de dicir que a paz lingüística a medio e longo prazo se gaña, e gáñase nas rúas e nas urnas (venceremos nós).

A sexta crítica é o descubrimento de América. Non esta mal que no ano 2010 haxa xente que veña a decatarse de que o galego pode ser unha ponte cara á lusofonía, en fin, mellor tarde que nunca, eu boteino de menos cando Estremadura se levou as aulas de portugués, os fondos europeos e o papel de portavoz “natural” do Estado español con Portugal. Tamén agardo que  esa concesión teña algún peso para forzar un reencontro con parte da masa social que leva anos deixándose a pel en defensa do galego, por máis matices que teña o xeito ou a forma na que o defendan e o escriban. Porque, sinceramente, da lusofonía (ou galegofonía) interésame máis un entendemento con eles que con Brasil e Portugal (cos que penso que nunca tivemos ningún problema para entendernos).

E en definitiva, a crítica xeral é a da invención da pólvora. Solucións obvias para vellos problemas co agravante de que se repiten parte dos discursos malintencionados e minoritarios que se fixeron nos últimos anos sobre a lingua. Un gasto de esforzos propios e alleos que queima un pouco máis aos que estamos interesados polo devir da lingua galega e continua a dividir o que deberá ser un único clamor de defensa nestes tempos difíciles. Por sorte hai persoas que seguirán traballando coas ideas claras, e por sorte sei que esas son a maioría.

(Se non sabes de que vai isto, en Trafegando Ronseis fixeron un resumo moi pavero).

A imaxe está tirada de aquí.

#Activismo e resistencia#Galiza#Lingua

Este sitio web emprega cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche na ligazón para máis información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies